Unha obra narrativa xenuína e evocadora, cristalina e profunda

Publícase “Diario de dúas casas”, de María Villamarín

Con esta obra, na que se combina a narración en forma de diario cunha suxestiva reflexión sobre a vida cotiá, continúa a colección Rúa do Lagarto, con edición e dirección de Berta Dávila, logo do suceso de crítica e persoas lectoras da achega anterior, Ninguén queda, de Brais Lamela.

A protagonista de Diario de dúas casas experimenta un desprazamento dobre. A distancia entre a cidade na que vive e estuda e a aldea onde naceu —e onde está a súa casa familiar— convértese nun camiño de ida e volta. O seu tránsito frecuente é tamén un movemento interior, atravesado e unido pola escri­tura de cadernos. Neles agroma unha sorte de desconcerto, a colisión entre dous mundos e dúas formas de vida, as fisuras e as tensións das relacións familiares, a amizade como nova forma de pertenza e, finalmente, a lectura como acubillo escollido, como casa propia.

O diario narra episodios con continuidade temporal mais desta volta faino cunha levidade tan abraiante coma engaioladora. Episodios que se centran en imaxes de sucesos correntes da vida aos que a autora logra dotar dun senso e unha capacidade metafórica nada común para acabar sorprendendo pola forza literaria coa que expresan a vida das persoas.

Coma a area das praias no verán, cunha prosa suave e morna, María Villamarín configura nestas páxinas unha obra narrativa singular e única, a fundación dunha escritura xenuína e evocadora, cristalina e profunda, onde casa e caderno poden ser a mesma cousa, tan real e tan presente para quen escribe como para quen le.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:

Diario de dúas casas

Col. Rúa do Lagarto 3
130 páxs.
PVP 18 euros