Un mito moderno: apolíneo e dionisíaco

A antítese entre Apolo e Dionisio é unha das elaboracións míticas máis coñecidas da historia dos estudos clásicos modernos. Esta antítese atribúe a Apolo todas aquelas connotacións que o achegan á Ilustración e ao racionalismo mentres que, pola contra, Dionisio localízase na veciñanza do irracional, caótico e mesmo subversivo. A pólis, como representación da orde e da civilización, sería apolínea segundo esa mítica académica; a desorde e a alteridade dionisíaca simbolizarían a inconsistencia do sensible e do non sometido á lei.

Esta interpretación tamén dá pé a que dela se derive outra polarización típica da Idade Moderna, a oposición entre o individual e o comunitario. As metamorfoses asociadas ao dionisíaco son metamorfoses do individuo que vira cara á diferenza en comparación coa homoxeneidade na que se basea o común. Toda a mítica báquica tería que ver con esa “produción de subxectividade” como alteración da lei da pólis, como exclusión —temporal: no transo dos ritos, na norma vulnerada por efecto do viño— da comunidade. A eficacia dos ritos para facer admisible a emerxencia de certa subxectividade como unha experiencia individual de iniciación excluía aparentemente o político mais, de feito, nunca chegaba a exceder definitivamente os lindes do comunitario, o que explica a súa difusión rápida no mundo antigo.

Aldobrandini_wedding

Neses lindes é onde despois vai arraigar a interpretación nietzscheana da mítica de Dionisio, unha interpretación nidiamente moderna no que ten de alargamento do pacto social ata o sobrehumano.

O suceso do Nacemento da traxedia (1872) na súa época non se debe á novidade nin á orixinalidade da obra de Nietzsche senón ao feito de que as súas ideas son ben coñecidas polos lectores, que no seu horizonte de espera tiñan presente a Winckelmann. O Apolo de Nietzsche é o Apolo de Winckelmann aínda que a súa concepción da cultura grega non estea tinguida polo equilibrio sublime senón atravesada por forzas desacougantes. As categorías do apolíneo e o dionisíaco, presentes xa na primeira frase do libro, provocarían entre os filológos clásicos unha polémica que contribuiría de xeito decisivo á consolidación dese paradigma metafórico. A polémica arredor desa antítese marcaría a historia do pensamento moderno. Apolo expresa o equilibrio, a calma e a luz mentres que Dionisio personifica o éxtase, a enerxía vital, a liberdade fronte aos vencellos morais e a simbiose entre o humano e o instintivo.

Na relación inextricable entre o mito de Apolo e a cultura alemá está a orixe da polémica levantada polo libro de Nietzsche. Para entender esta relación cómpre remontármonos a Johann Joachim Winckelmann (1717–1768) e á súa obra Historia da arte da antigüidade, obra que non só condicionou o estudo da arte antiga senón a cultura alemá enteira. A historia da arte é a historia da descuberta da súa esencia verdadeira e, nese constructo, Apolo representa o cumio da arte grega, non soamente como expresión da beleza senón como expresión perfecta da liberdade. Winckelmann emprega o mito grego para elaborar un mito moderno. A liberdade na que se alicerza o pacto social da Idade Moderna sería o equivalente á perfección da beleza e do equilibrio apolíneos. Este vencello determina, polo tanto, a preferencia dos estudosos clásicos modernos por Apolo e a súa oposición a Dionisio.

A identificación da cultura alemá co grego iníciase, entón, con Winckelmann, en tanto que os lingüistas foron os que a confirmaron mediante os estudos indo-europeos (hoxe denominados “indo-xermánicos” no mundo de fala alemá) iniciados por Franz Bopp (1791–1867). A relación do alemán co grego establécese pola orixe común do tronco indo-europeo (grego, latín, linguas xermánicas e eslavas, persa e sánscrito), trátase, pois, dunha relación baseada nunha comunidade orixinaria, supostamente esencial. O Dionisio de Nietzsche procede, ademais, directamente do Dionisio romántico, definido gradualmente por Schlegel, Creuzer, Schelling, Welcker e Bachofen como orxiástico, martírico e erótico fronte ao radiante e puro Apolo.

Esta mítica moderna recobre e reescribe o mito grego, que non é expresión de antítese ningunha senón que simplemente amosa a imposibilidade de apreixar a verdade, esa alétheia que escapa fronte a calquera intento de determinación. De feito, o culto de Apolo e Dionisio coexistía ritualmente na pólis e a acción común dos dous deuses abranguía a profecía e a poesía, a viticultura, a medicina e a paideía. De tal xeito que o mito de Apolo e de Dionisio asemade abría e pechaba os límites da cidade ao tempo que alimentaba diversos tipos de saber (tékhne).

Anotacións, 2

A desviación decisiva: a anotación como inicio desa desviación cara ao pensar precisamente porque se afasta do lido sen deixalo atrás, sen riscalo. Velaí os cadernos de notas de Friedrich Nietsche.

Outro dos grandes anotadores é o escritor francés Paul Valéry, quen durante vinte anos de escritura, de 1894 a 1914, foi enchendo un caderno atrás doutro nun aquel de historia do seu pensar. Valéry cavila, remoe e redefine decote determinadas cuestións, que formula nas súas notas convertidas en aforismos, en reflexións. Abala entre unha escritura de exploración poética e as matemáticas, contrae a linguaxe ata desvialo do convencional para atopar ángulos ocultos. Os seus “Cahiers” (29 tomos na edición facsimile do CNRS) son cadernos, libretas de notas, axendas ou follas soltas empregadas para este exercicio cotián. Unha articulación xigantesca do labor de pensar co de poetizar.