“Os cianotipos das algas de Anna Atkins”, por Alice Oswald

Materialismo do verán

Notas curiosas e infrecuentes sobre a poiese da materia

“The Realists”,
by William Butler Yeats


Hope that you may understand.
What can books, of men that wive
In a dragon-guarded land;
Paintings of the dolphin drawn;
Sea nymphs, in their pearly waggons,
Do but wake the hope to live
That had gone
With the dragons.

“Os realistas”,
de William Butler Yeats
Traducido do inglés por Carlos Lema

Que o deas entendido espero.
Onde se non nos libros, de homes que cren
En terras de dragóns gardadas por cancerbero;
Golfiños pintados con esmero;
Ninfas mariñas, que en carrozas de nácar son,
Onde se non a espranza de vivir espertar ten
Porque acabou ao carón
Dos dragóns.


Na tarde do día 24 de xullo, atopamos abandonado preto da sede da Fundación Euseino?, na rúa de México en Vigo, un acuario feito de cartón, plástico, algas manufacturadas e unhas cunchiñas collidas nalgunha praia. Pareceunos algo cando menos curioso, polo coidado e a atención que alguén puxera en facelo; non un readymade senón algo feito “con arte” no senso antigo da palabra, feito con xeito, con graza.

A mesma graza que o verán ás veces deita sobre o mundo. Decidimos, daquela, recoller o acuario e colocalo no trinque a carón dos libros publicados pola Fundación. Pouco despois, ocorréusenos propoñer unha serie de artigos, máis ca artigos notas curiosas sobre pormenores do mundo que ás veces pasan desapercibidos, ou xacen abandonados sen que a nosa atención repare neles.

Coma nun gabinete de curiosidades. Porque consideramos que a curiosidade intelectual, perceptiva e afectiva —no senso do que nos afecta, das afeccións—, é unha das cousas que nos fai seres mundanos. Esa capacidade do verán para iluminar a materia e conseguir que nos sintamos parte dela, coma cousas do mundo, do que formamos parte sen arelar dominalo.

Iniciamos esta serie de “notas curiosas e infrecuentes”, coa tradución dunhas pasaxes da poeta Alice Oswald sobre a luz impresa nos cianotipos da fotógrafa Anna Atkins. Pasaxes transcritas literalmente da gravación, en concreto, de “The Art of Erosion”, conferencia inaugural de Alice Oswald, Profesora de Poesía, pronunciada na Exam Schools da Universidade de Oxford o 9 de decembro de 2019.


Cystoseira fibrosa, cianotipo por Anna Atkins

“Os cianotipos das algas de Anna Atkins”, por Alice Oswald

De repente, á alborada, a voz remata abruptamente con luz auténtica aínda a se mover riba das árbores cara a unha liña nova. Chegou así, con tan boa sorte e esa luz cenital, coma a neve silandeira ou coma a xiada nocturna. Non dunha soa vez senón delicadamente. Igual ca a raiola acariña o verdor das árbores.

Mentres estou a escribir esas palabras, decátome de que un triángulo gris na sombra da ventá se despraza a través da miña folla de papel e comezo a trazar o seu movemento con puntos. Coma se fixese o diagrama para un enxeñeiro sentado ao meu carón e el dixese “Si”; toda a mesa, cos meus libros e as plumas, estábase a deslizar arredor de ningún punto un centímetro ou menos dun por segundo. E o sol poñíase en evidencia ao dicir “Señor, se usase papel fotográfico, que responde á luz mediante a erosión da súa tintura, daquela hoxe poderiamos estar aquí lendo unha transcrición directa da luz solar”.

Eses cianotipos, tipos de alga mariña que están no Museo de Historia da Ciencia, a preto de 100 metros de aquí, e que realmente son tan bonitos que cómpre ilos ver á sala de investigación do Museo da Ciencia. Porque ninguén os pode fotografar aínda que estean alí. Non o permiten.

Mais as cousas reais teñen un tamaño cinco veces menor nun pequeno caderno de exercicios azul, de fondo azul Prusia escuro, onde están incrible e finamente pormenorizadas aínda que parecen un pouco desdebuxadas. Fíxoas Anna Atkins no século XIX colocando espécimes sobre o papel sensible á luz para crear unha serie de siluetas. Trátase dun proceso erosivo. O sol come as sales de ferro deixando un cianotipo, coma se simplemente lles tirase por riba un capote e, ao cubrir a herba, a súa imaxe quedase gravada nel.

A Robert Hunt, outro precursor da fotografía, o proceso pareceulle tan doado que case era un sinal de debilidade usalo. Os resultados son tan extremadamente simples, afirmou, son tan certeiros, a delineación tan perfecta e o carácter xeral tan interesante que son recomendables por si mesmos, especialmente para señoras e para todos aqueles viaxeiros que non lle queiran prestar demasiada atención ou tempo a esta cuestión: desexar obter coidadas representacións da botánica dunha rexión. Acabamos de ver espécimes da alga británica realizados por unha señora.

Velaquí, abofé, a señora do cianotipo, un tipo de proceso salientable pola extrema fidelidade coa que mesmo se copian os máis esguivios gabiáns das plantas mariñas.

Dictyosiphon fæniculacea, cianotipo por Anna Atkins


A prol das señoras e dos viaxeiros, que el despreza, non podo deixar de pensar agora que o máis difícil para unha artista é acadar ou, ao cabo, desexar acadar, a sinxeleza, a rapidez na execución e a fidelidade ao pormenor.

Hai artistas actuais que se dedicaron á fotografía xa que perseguían obxectivos dese tipo. Susan Derges, por exemplo, deixa nas noites de luar papel fotográfico nos ríos para facer unha versión visual que deixa falar a luz da lúa con voz propia. Gary Fabian Miller fai brillar a luz eléctrica a través de matraces con líquido de cor para facer cadros de imaxes da súa mente. Coido que Harriet Tytler foi unha precursora da fotografía ao traballar coma Samuel Beckett para acadar esa luz que se imprime na súa voz. Cando leo un poema seu, ábrese un obturador e logo outro e outro e a alborada acábase achegando fisicamente a min en catro movementos.

Pola contra, cando leo as “Insinuacións de inmortalidade” de William Wordsworth, que é un poema elaborado, non un poema erosionado, síntome algo menor, inferior e por detrás do poeta, e o efecto que el procura cae coma unha sombra entre o sol e eu mesma.

Houbo unha época na que Meadow Grove e Stream the Earth, calquera lugar común para min, me parecía que era coma a luz celestial, coma se tivese a gloria e a singularidade dun soño. Xa non é o mesmo, se volvo sobre isto que acabo de dicir, cando aceptaba a noite e o día, as cousas que vía, agora xa non me parece así. O arco da vella ía e viña, a rosa era xeitosa, á lúa daba xenio vela. Se miras arredor dela cando o ceo está aberto, se miras na auga dun ceo estrelecido, a luz do sol é coma un nacemento fermoso e cheo de gloria. Mais agora xa sei que a calquera sitio que vaia o esplendor da Terra quedou atrás.

O acuario, feito con cunchas, cartón, papel, plástico e materiais diversos, no trinque da Fundación Euseino?