“Fugas do Bem”, por Michael Marder

Logo do comentario publicado neste blogue sobre o seu artigo “What Is Plant-Thinking?”, Michael Marder proponnos a lectura doutro ensaio da súa autoría titulado “Fugas do Bem” e escrito en portugués para a Revista Filosófica de Coimbra. Agora envíao para os lectores e as lectoras de Euseino? Agradecémoslle especialmente a xentileza.

[Calcar para ler o texto de “Fugas do Bem“]

Michael Marder é profesor de filosofía na Universidade do País Basco e autor dos libros The Event of the Thing: Derrida’s Post-Deconstructive Realism (University of Toronto Press, 2009), Groundless Existence: The Political Ontology of Carl Schmitt (Bloomsbury-Continuum, 2010) e Plant-Thinking: A Philosophy of Vegetal Life (Columbia University Press, 2013).

En “Fugas do Bem”, Marder trata un asunto fundamental na filosofía: ¿é posible apreixar a idea do Ben? A partir da noción de infinito, tan cara a Levinas, remóntase á idea do Ben en Platón para buscar os trazos dunha fuxida que non deixa de ser a historia do pensar como imposibilidade de categorización da presenza. Se o Ben é algo, ¿pódese dicir en que consiste ou xa ese mesmo intento de predicación —pasar do que dese “algo que xa está aí” ao de que ou ese algo que se di do que xa está aí— amosa a súa imposibilidade? O Ben como “un desviar, un esquivar”, como un abandonar a posición eidético-ontolóxica ou calquera posición. Se, como afirma Marder, “unha idea non pode apreixar o Ben”, ¿deberiamos entón, con Spinoza, pensar no que é bo e no que é malo e deixar de perseguir aquilo que só na súa fuxida, na súa inatinxibilidade, está presente?

Alegoría do triunfo de Venus, Angelo Bronzino

Mentres segue as pegadas —”os destroços”— que van quedando nesa retirada do Ben, Marder abeira o non lugar (khóra) no que o Ben está albergado. Ese non lugar ao que foxe permanentemente é o lógos, o dicir como maneira de dispoñer e habitar o mundo. O lógos aparece, pois, como ese “entre”, esa abertura que é refuxio para o Ben; na súa fenomenalidade, ese dicir a presenza transfórmase no ána lógon (“en relación con” ou “en proporción ao” lógos), no mathema (“o que é aprehensible”) do que paradoxalmente escapa a toda argumentación. O Ben é tal porque a linguaxe —igual ca Marder— o cerca: o “soño de acoller o Ben” é o progreso cara ao infinito, esa digresión permanente que na per-manencia aproxima o dicir á concreción da retórica como intento de apreixar aquilo que se perde no mesmo acto da súa formulación. O Ben é indefendible porque é inapreixable, só como presenza irredutible pode ser o que é. A única posibilidade do Ben está na súa fuga: no dicir.

[Calcar para ler o texto de “Fugas do Bem“]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s