Azul Parrish

No último artigo da serie sobre a cor azul, Beatriz Fraga fai unha introdución á obra do ilustrador Maxfield Parrish. Logo dun primeiro artigo sobre a “Teoría do azul“, no que, a partir do efecto Tyndall de reflexión e refracción da luz branca do sol, se realizaba un compendio das investigacións sobre a percepción do azul, e dun segundo —“A materia do azul”— no que se expoñían os métodos de síntese material da cor azul, neste artigo descríbese o final do proceso xenuíno, isto é, do proceso perceptivo, ou estético, no que a aísthesis (sensación), despois de ser tratada en relación coa óptica, se vencella á materia e á súa combinación produtiva, para acabar o proceso no ámbito das artes plásticas.

 

AZUL PARRISH, por Beatriz Fraga

Frederick Parrish (1870-1966), fillo do pintor e gravador Stephen Parrish, foi un dos ilustradores estadounidenses máis recoñecidos da primeira metade do século XX. Adoptou como nome artístico o da súa avoa materna (válido para os dous sexos), asinando como Maxfield Parrish.

Princess_Parizade_Bringing_Home_the_Singing_Tree

Nado en Filadelfia, Parrish estudou na Haverford College, onde se graduou en 1892. Cursou tamén estudos na Academia de Belas Artes de Pennsylvania e no Instituto Drexel de Arte. Os seus traballos, claramente identificables polos seus ceos infinitos, nalgunha das súas obras lembran a cor do ceo dos murais do arquitecto e pintor italiano Giotto di Bondone (1267-1337). Nunha amplia gama de matices, que van desde a cor azul cobalto ao azul ultramar, ese fondo axuda a encadrar unhas figuras de aparencia neoclásica e andróxina.

Parrish comezou a ilustrar libros infantís en 1897, cando recibiu a encarga para ilustrar a primeira obra de L. Frank Baum, Mother Goose in Prose. Despois do éxito deste traballo, a editorial R. H. Rusell de Nova York encargoulle as ilustracións para a edición da obra de Washington Irving A History of New York, en 1898.

Os beneficios procedentes destes libros permitíronlle poder trasladarse a Plainfield, New Hampshire, preto da colonia de arte de Cornish, moi coñecida e visitada por artistas plásticos norteamericanos ata a Gran Guerra. Nese lugar viviría ata a súa morte. Entre os seus traballos de ilustración salientan As mil e unha noites, A sota de corazóns e os Tanglewood Tales de Nathaniel Hawthorne.

Tamén foi deseñador de campañas publicitarias para empresas como Colgate e revistas como Colliers. En 1909 a General Electric empregou por vez primeira o nome de Mazda nas súas lámpadas; o nome foi collido da mitoloxía persa, por Ahura Mazda, fundador do zoroastrismo e deus da luz. En 1920, a división Edison-Mazda de General Electric encargou ao xa moi coñecido artista Maxfield Parrish unha serie de calendarios e publicidade baseados na historia da iluminación.

A técnica empregada por Parrish baséase na teoría da simetría dinámica para a concepción compositiva de cada obra e na superposición de diferentes camadas de cores mediante o uso da veladura.

As proporcións exteriores e as composicións internas das obras de Parrish foron calculadas de acordo con principios xeométricos, tales coma os rectángulos de raíz e a proporción áurea. Poderíase dicir que o ilustrador estivo claramente influenciado pola teoría de Hambidge sobre a simetría dinámica, un sistema de debuxo natural, metodolóxico e proporcional descrito nos libros de Jay Hambidge (1867-1924) Dynamic Symmetry: The Greek Vase (1920) and The Elements of Dynamic Symmetry (1926).

Respecto da cor, Parrish lograba os seus marabillosos resultados por medio dunha técnica na que ía alternando capas para producir un efecto visual de cristalización. O seu traballo acada unha aparencia tridimensional —véxase a ilustración que acompaña este artigo— dificilmente apreciable nas reproducións impresas. A abraiante luminosidade das súas cores e o uso dun azul monocromático como fondo xa desde o momento de realizar o esbozo, levou a que se empregase a frase “azul Parrish”. O debuxante tamén empregou técnicas fotográficas e maquetas para desenvolver as súas composicións artísticas. A importancia do traballo de Parrish reside en que non pertence a ningún movemento ou escola, xa que desenvolveu un estilo propio.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s