A diagonal. En defensa da literatura

Julia Kristeva e Philippe Sollers, de Tel Quel a L’Infini

Fundada en 1960 por Philippe Sollers e por Jean-Edern Hallier, a revista Tel Quel atravesou as décadas de 1960 e 1970 ata chegar ao ano 1982. Como anteriormente fixeron a Nouvelle Revue française de André Gide, que daría lugar ás Éditions Gallimard, e os Temps modernes dirixida por Jean-Paul Sartre, non soamente en Francia, as revistas acadaron unha importancia crucial na defensa da autonomía literaria e na capacidade de xerar novas correntes de pensamento.

Tel Quel deu abeiro a un potente movemento intelectual e literario ao que van asociados os nomes de Sollers, Jean-Pierre Faye, Julia Kristeva, Marcelin Pleynet e Jean Ricardou mais tamén os doutros autores que, coma Francis Ponge, Roland Barthes, Michel Foucault, Jacques Derrida e Gerard Genette publicaron na revista, e pensadores que foron adoptados por ela nalgún momento, coma Jacques Lacan e Louis Althusser.

O primeiro número da revista publicada por Éditions du Seuil levaba, para explicitar a cabeceira, unha cita de Nietzsche: “Eu quero o mundo e quéroo tal cal [en francés, “tel quel”], e sígoo a querer, quéroo eternamente … ” Por se non abondase, a revista comezaba cunha “Declaración”: “Cada vez que o pensamento, sometido a imperativos morais ou políticos, deixou de ser o que agardamos del: o fundamento da nosa presenza, a súa clara e difícil expresión para a arte; cada vez que o pensamento desvalorado rebuliu arredor das obras, poñéndose a predicar alí onde abondaba con amar en silencio; a literatura, sempre desprezada e vistoriosa, defendíase cunha mala consciencia que tería que sorprender se non fose o seu sinal de superioridade…”

Entre moitos artigos de grande interese que foi publicando ao longo da súa historia, no número 36 de Tel Quel, do ano 1969, atopamos unha peza pequena de Philippe Sollers, o seu director, que á parte de ter unha extensión que nos permite incluíla neste artigo, nos parece moi ilustrativa da posición da revista:

“A diagonal”

Se agora mesmo inscribimos tres liñas paralelas —non xerárquicas— e ás que chamamos x: FS (formacións simbólicas), y: FI (formacións ideolóxicas) e z: FH (formacións históricas, cuxo obxecto está marcado polo materialismo histórico e dialéctico), máis unha liña de puntos designada como Economía (“determinante en última instancia”) indicando a sobredeterminación do lado das formacións históricas, a diagonal (d) ha ser esa liña de texto —a súa proxección e a súa sombra trazada—, liña de influencia da escritura e da súa “ficción”. Influencia da relación entre as tres liñas que se diferencian dialecticamente e marcan coa súa transversal o proceso das diferenzas de forzas que xogan dun nivel a outro.

Se podemos dicir que x funda o suxeito e o signo; que y os descoñece e que z os transforma en funcións activas, (d), pola súa banda, fainas desaparecer (disólveas).

Por outra parte, a diagonal garante a non unificación, a non teoloxización dos campos así definidos. A determinación (económica) situada na base e non fóra do proceso xeral está cortada por (d) en (s) —punto de sobredeterminación sexual da escritura, da súa produtividade improdutiva onde a oposición fóra / dentro se reabsorve nunha escansión abrindo na liña un aspecto teatral infinito cunha serie de cortes que pasan a través da ou das linguas e dos obxectos de coñecemento, da marca ao volume e á inversa. A liña de puntos paralela a (d) é a liña semanalítica que corta o económico no punto de sobredeterminación do signo (s’). A diagonal, negada no económico, denegada no ideolóxico e forcluída no simbólico, abre unha escritura “infinita” fundada nunha re-negación. Ten por función non “exhibir” senón xogar coa distancia entre os tres eixes paralelos, as súas unións e a desaparición ou a transformación do suxeito (a diagonal constitúe a ciencia desa desaparición-transformación) —producindo un efecto de coñecemento específico e regulando as transferencias dun eixe ao outro no momento da constitución dunha secuencia sobre un dos eixes: salto inmediato que a traslada sen cesar dunha liña á outra. TEATRO DA DIAGONAL.


O que acabamos de traducir trátase dunha parte do artigo “Survol/Rapports (blocs)/Conflit”, de Philippe Sollers. Pouco antes de que se publicase este artigo, no outono de 1968, todo o equipo da revista, incluíndo ademais a Foucault, Barthes e Derrida, asina o libro Théorie d’ensemble (“Teoría de conxunto”), novo manifesto colectivo no que se amosa unha consciencia aguda dos poderes posibles da literatura, algo que a concepción máis habitual teima en minimizar, frear e subordinar. Non a literatura ao servizo da teoría senón máis exactamente o contrario. As ciencias da linguaxe e a filosofía axudando a elaborar un tecido de ficción infinito.

Á parte da revista e co mesmo nome, en 1963, as Éditions du Seuil lanzan unha colección baixo a dirección de Philippe Sollers. Vinte anos máis tarde, ao desaparecer a revista, a colección ten un catálogo de 73 títulos et 32 autores. Deles, 34 son ensaios de crítica literaria, de estética e de filosofía —entre eles, obras de Barthes, Derrida e Kristeva, ademais de Genette, Ricardou e Todorov– , 29 son novelas —esencialmente de membros do consello de redacción coma Philippe Sollers e Jean Thibaudeau ou de escritores próximos á revista coma Maurice Roche, 10 son poemarios e 7 títulos pertencen á literatura estranxeira, os máis deles obra de escritores italianos coma Eduardo Sanguineti e Maria-Antonietta Macciocchi. Ningún dos títulos aparecidos na colección Tel Quel obtivo nunca premio ningún mais, reeditados en edicións de peto, traducidos a moitos idiomas, os ensaios de Barthes, Derrida, Genette e Kristeva son esenciais para o pensamento contemporáneo e chegan a un público dunha amplitude imposible de imaxinar no momento da súa publicación.

Tel Quel realizou un traballo teórico considerable nuns momentos nos que, principalmente nos eidos da literatura e das ciencias sociais, ao estruturalismo, á escola freudiana de Lacan e á renovada lectura de Marx que fai Althusser se engade a publicación das primeiras obras de Foucault. A reflexión iniciada pola revista vai principalmente en dúas direccións: a descuberta do formalismo e da lingüística e a aplicación da análise estrutural á literatura. Gérard Genette e Tzvetan Todorov van xogar un papel importante nesa reflexión, do mesmo xeito que o han facer Roland Barthes e Jacques Derrida.

Eses achados teóricos, reforzados pola chegada de Julia Kristeva, semióloga de orixe búlgara, levan o grupo de Tel Quel cara ao que se denominou a “escritura textual”, definida polo escritor Philippe Forest como “un xesto crítico cuxa violencia se exerce no interior da linguaxe mais resoa no conxunto do campo social”.

Durante os acontecementos de maio de 1968, Tel Quel abala entre o esquerdismo libertario e a ortodoxia comunista. Pasando logo a revista ao maoismo. Ata que, en 1977, Philippe Sollers pronuncia unha conferencia titulada “Crise de l’avant-garde?”, na que anuncia a fin do marxismo e da psicanálise, interpretando esta desfeita dupla como a causa do “relaxamento da produción vangardista” e denunciando o mito da arte moderna como unha incesante fuxida cara adiante.

Grupo Tel Quel, París, 1974. De dereita a esquerda, Severo Sarduy, François Wahl, Roland Barthes, Julia Kristeva, Josephine Fellier, Marcelin Pleynet, Philippe Soler e outros.

L’Infini

En 1983, Philippe Sollers, Julia Kristeva e Marcelin Pleynet abandonan as Éditions du Seuil para crear, primeiro en Éditions Denoël e logo, catro anos máis tarde, definitivamente en Gallimard, unha nova colección e outra revista co nome de L’Infini, cun primeiro número que comeza con este editorial-manifesto:

“Ao nihilismo difuso da fin dun mundo repregado sobre si, ao neoacademicismo, á depresión vangardista, á morosidade e á adaptación do desexo sucede, pois, unha desenvoltura calculada, obstinada, un xeito novo de pensar as formas. ¿A televisión? ¿As tertulias? ¿A política convertida en marketing? ¿A edición xornalística? ¿A psicanálise de Estado? ¿O rebumbio dos medios de comunicación? ¡Iso non é nada! Verdadeiramente nada. Nada do que ter medo. Lede mellor estes textos, velaí, escollidos para esta publicación que escintila cada tres meses. […] Eles definen, sen un proxecto común acordado previamente, unha puntuación radical, unha especie de pulo fóra da lei.”

Despois de dúas décadas, o contexto cambiara considerablemente. Tel Quel e L’Infini marcan dúas épocas dificilmente comparables mais a palabra literatura continúa designando o mesmo obxecto malia a sociedade do espectáculo, a pesar da industria de gran consumo cultural e da estética tardomoderna.

Para Sollers, a edición é claramente a continuación da escritura por outros medios, unha maneira de levar a obra máis lonxe, de difundir os seus efectos nun corpo social considerado como refractario á literatura dificilmente clasificable e ao pensamento no seu estado máis puro, menos dixerido e sen disfraces. A historia destas dúas revistas e destas dúas coleccións pódese pensar como unha “teoría de conxunto”, como a elaboración dun pensamento sistemático da literatura no que se inclúen obxectos singulares (as obras, os autores e autoras).

Como declaraba Philippe Sollers:

“Vivimos nun mundo orquestrado por unha doutrina única que é a da separación. Segundo esta póliza da separación, as cousas deben estar nidiamente separadas as unhas das outras de tal xeito que poidan ser controladas por unha ollada —ollada que, de seu, é pura e simplemente financeira. Esta separación é querida, orquestrada, sistematicamente aplicada, de tal sorte que quen escapa acaba sendo un blasfemo ou un electrón incontrolable.”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s