“¿Que é a Literatura Galega?”, por Carlos Lema

Nun artigo publicado o 31 de xaneiro de 2023, María do Cebreiro Rábade Villar volve oportunamente sobre a cuestión do mal chamado “criterio filolóxico” como elemento de xuízo para determinar as obras pertencentes á Literatura Galega.

Para cuestionar este criterio utiliza a idea periclitada de “literatura nacional”, non un criterio propio do campo de senso literario senón un criterio sociolóxico, histórico e político. Intenta reforzalo, entre outros, co exemplo xa coñecido de Manuel Murguía e o papel das súas obras historiográficas no que a nosa autora denomina “cultura galega”, outra noción non literaria senón sociolóxica, historiográfica e política.

Neste artigo que agora publicamos, Carlos Lema oponse tallantemente a esa posición seguindo un criterio puramente literario, o da literalidade lingüística das obras literarias. A escritura está feita cun material, o idioma, e os obxectos literarios con letras, signos que representan sons e significados. De aí que, segundo expón, o criterio materialista sexa o único que pode acabar dunha vez con esa continua agresión á Literatura Galega mediante a que se intenta socavar a súa existencia desde diferentes frontes e con argumentacións varias, entre elas o cuestionamento de que a materia da que está feita a literatura é o idioma, non outra.

“Frontes” porque se trata dun conflito moi grave e porque o desenvolven dúas “culturas”, dous Estados, ambos os dous con idiomas que impuxeron pola forza en gran parte do mundo a través do imperialismo cultural. Castelán e portugués foron e seguen a ser instrumentos do imperialismo e, agora, tamén do neocolonialismo, con grandes intereses económicos camuflados baixo termos como “cultura” e empregando para ese fin os idiomas, que nada teñen que ver con esa utilización espuria que se lles está a dar.

As dúas frontes empregan armas e tropas distintas. A fronte portuguesa é interna, xa que o conflito o iniciaron e o continúan persoas galegas coa pretensión de “re-integrar” (eufemismo por subxugar) o idioma galego nun neocolonialismo mediante o argumento do “peso demográfico” e da re-integración nun “galego correcto” ou orixinario (o portugués actual), argumento enganoso pois nas excolonias portuguesas se se fala esa lingua é como resultado da súa imposición pola forza do imperialismo, cousa que tamén acontece no caso do castelán nas súas excolonias.

Finalmente, a fronte española pretende disfrazar o conflito neocolonial da literatura castelá coa galega cun verniz de consenso estatal. Con ese obxectivo, o Estado español está a realizar intromisións constantes no campo literario galego, por exemplo, incentivando economicamente a vinculación ás instancias españolas das persoas que escriben en galego coas axudas á “creación” e os premios “nacionais” que o Estado español outorga. Tamén executa unha política de estímulos á canle comercial do libro mediante a organización de actos públicos nos que se presentan, simultaneamente e en aparente harmonía, obras en castelán e en galego ou persoas autoras castelás xunto a galegas.

O obxectivo é obviar a implícita diferenza xerárquica (pois a arkhé, a posesión do dereito, está custodiada polos arcontes de Madrid) entre unha cultura imperialista, que posúe a forza e o poder dun Estado, e unha literatura que se intenta erguer fronte a esa agresión na que a canle comercial dominada por empresas españolas tamén participa. Con só botar unha ollada aos andeis das librerías e das bibliotecas galegas faise isto patente, ¿que é a mexicana Feira do Libro de Guadalaxara se non un neocolonialismo cultural enfiado por intereses económicos? Non sendo, polo tanto, un obxectivo menor desa política neocolonial o de desprazar dese xeito as instancias literarias canonizadoras á metrópole. ¿A onde foron as persoas escritoras do chamado boom sudamericano para triunfar e a onde queren que vaian agora as galegas?

Esa é a razón da importancia que, a xuízo de Carlos Lema, ten defender o idioma galego como única e exclusiva lingua da Literatura Galega. Para desbotar a imposición das ideas pola forza (quer cultural quer económica ou comercial) e para deixar ben claro que a Literatura non pertence a ninguén, tampouco a quen a escribe, pois a Literatura son as obras, son a lingua na que están escritas e, coma os idiomas, a Literatura é da xente toda, é un can sen dono, unha cadela rabuda e ceiba.

[A persoa autora deste artigo quere deixar constancia de que nada do afirmado e argumentado nel pretende poñer en dúbida a boa fe e a integridade ética das persoas que manteñan as posicións aquí criticadas. Todo o contrario, a crítica e o debate son un sinal de respecto ás ideas e ás persoas que as defenden. (N. da ed.)]

En resposta a María do Cebreiro Rábade Villar (“Algúns apuntamentos sobre o criterio filolóxico”)

O criterio mal chamado “filolóxico” empregado pola crítica literaria para determinar as obras que forman parte dunha literatura realmente non é filolóxico porque depende da vontade dos suxeitos e de intereses espurios, alleos ao campo de senso literario e aos obxectos que forman parte del; o único criterio verdadeiramente filolóxico posible é o criterio materialista da literalidade.

Unha obra literaria é tal en tanto se manteña no seu estado literal. Calquera alteración da súa literalidade, dunha verba, de frases, sintaxe, léxico etc., implica a alteración das figuras e recursos literarios (senso e son, relacións semánticas) e do sistema anafórico propio da arte (redundancia, recursividade e repetición) e fai que esa obra deixe de existir como tal obra e se converta noutra diferente.

O labor da Filoloxía foi e segue a ser precisamente o de restituír e determinar a literalidade das obras, por exemplo, no que se refire á recuperacións de toda a cultura grecolatina e ás obras resultado do traballo levado a cabo polos copistas medievais, e hoxe en día aplica os criterios ecdóticos ás obras publicadas con variacións, erros, ou con cambios introducidos nas diferentes edicións incluso polas propias persoas autoras.

Cómpre lembrar que a literatura non pertence a ninguén, moito menos aínda a quen a escribe pois, ao facelo, inscribe a obra nun campo de senso formado por obxectos, non por “voces” nin por “mundos propios”; as cousas están no mundo e as obras literarias son cousas que están no mundo, logo non son propias de ninguén xa que ningunha lingua ten dono. De aí que manteñamos que a Literatura a forman as obras non as vidas nin a vontade das persoas que as escriben. Isto demóstrase claramente no caso das obras de autoría anónima ou nas de autoría colectiva da tradición popular, das que non se coñece a orixe e que van variando coa copia, coa reinterpretación, pois copia é etimoloxicamente abundancia. A arte baséase na abundancia da copia, non na propiedade nin na autoridade senón na riqueza que xorde da literalidade, a riqueza da variación que todo idioma permite porque ninguén lle pode poñer couto.

Elemento esencial da literalidade é o idioma no que están escritas as obras. De aí que a tradución dunha obra non teña como resultado esa mesma obra senón outra diferente porque está escrita noutro idioma, cousa que se comproba de xeito doado estudando as traducións varias dunha obra concreta ao longo dos anos e dos idiomas. O caso da Biblia é paradigmático nese senso e, cuestión de suma importancia, pon en entredito o dogmatismo das relixións baseadas en libros con orixe en fontes diversas e trasmitidos por tradicións e en linguas varias. A Literatura non é dogmática na forma de interpretar as obras, é literal porque todo obxecto existente tende a persistir no seu ser, a non desaparecer. Signatura rerum: todas as cousas, herba, sementes, pedras, raiceiras revelan na súa calidade, forma e figura o que son. A literatura tamén.

En conclusión, segundo o criterio da literalidade que acabamos de expoñer, persoas autoras coma Ramón del Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán e Gonzalo Torrente Ballester, entre outras, que non escribiron ningunha obra en idioma galego, non poden formar parte da Literatura Galega. Das persoas autoras que escribiron obras en galego e noutras linguas, coma Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, forman parte da Literatura Galega as obras que escribiron en lingua galega, non as escritas en idiomas diferentes. O tema do que traten as obras e outras caraterísticas antropolóxicas, ideolóxicas ou extraliterarias, é dicir, que nada teñen que ver coa literalidade ou materia lingüística da que están feitos os obxectos literarios, non constitúen elemento de xuízo para determinar a pertenza dunha obra a un campo de senso literario concreto. Caso contrario, un libro coma Eu son o monte, da mexicana Sara Guerrero, non formaría parte da Literatura Galega, ou unha novela coma O derradeiro libro de Emma Olsen, da que é autora Berta Dávila, formaría parte da Literatura Anglosaxoa, afirmacións a todas luces absurdas.

Deixar un comentario