“A historia deste libro”, por María Infantes

Boas tardes a todos, e moitas gracias por compartir connoscoeste momento tan feliz. Porque para min é un día moi feliz.

Cando, hai case un ano, Beatriz Fraga lle propuxo a Din este proxecto, pareceume tan fermoso e ilusionante que sen querer a miña mente comezou a imaxinar, a crear as primeiras pinceladas do que ao cabo sería esta pequena historia. Porque eu coñecía, como non, os debuxos naturais de Din, o seu mundo paralelo como eu o chamo, así que xogaba con vantaxe.

A historia xurdiu dunha maneira tan natural coma os seus debuxos. Non digo que fora un proceso fácil, porque nada é fácil, pero cando no mes de setembro collín o lapis, coas imaxes escollidas abertas no ordenador, asomou a maxia.

O grafito deslizouse polo folio en branco dunha maneira case febril, todas as ideas dos meses anteriores xuntáronse e ordenáronse e, coma case sempre que escribo, sentinme unha simple medium. As personaxes falábanme e eu so tiña que trasladar ao papel o que me dicían, escoitaba as súas distintas voces e o conto foi armándose coma un puzzle onde as pezas só teñen un lugar no que encaixan á perfección.

Cando rematei e o lin por primeira vez, lembro que sorrín pois, aínda que necesitaba traballalo, a historia era esa. Xa a tiña.

Agora, cando o leo e o releo, penso que tal vez a historia sempre estivo aí.

Encontro de páxina en "Mondas". Fotografía de Xabier Viana.

Encontro de páxina en “Mondas”. Foto de Xabier Viana.

A música é o fío condutor, o fondo; e o seu ritmo, o verso. A música é imprescindible nas nosas vidas, como Din repite as súas fillas coma un martelo pilón desde que naceron, “la música os salvará la vida.” A música é unha linguaxe, pero o máis importante e que é unha linguaxe universal, está en calquera cultura e en todas as capas da sociedade. Por iso quixen que fose o canal que vertebra todo o conto. E fíxeno en verso pola mesma razón, crear un ritmo e axudar o lector e o espectador a entrar na historia e participar nela.

Na súa web conminúscula.com, Xabier Viana di algo moi bonito, que Mondas é un libro infantil… e tamén un manual de instrucións para adultos. Pode ser. O conto require a disposición do lector e dos oíntes a contemplar, a ter a mente alerta porque pasan máis cousas das que parecen e cunha soa lectura non se poden ver. É un libro para repetir, para contar cen veces e cada vez descubrir algo novo, dentro e fóra del.

E, xa para rematar, quero engadir que todo o que acabades de escoitar foi o proceso e o resultado, pero nada disto puido pasar sen a confianza de Beatriz Fraga e Carlos Lema. Aproveito este acto para darlles as grazas, grazas pola súa confianza e, sobre todo, por facerme sentir dende o primeiro día unha escritora.

Aproveito tamén para dar as grazas ás miñas amigas, grandes escritoras, Dolores Ruiz e María Rodríguez, por estar cando as necesito, sempre dispostas a axudarme, a animarme para que remate a miña novela, a chamarme “escritora” moito antes da miña primeira publicación, que é esta. Este libro tamén é voso.