Caleidoscopio dos contos, 11

Concibía o libro como obxecto de arte total, o que lle permitía escribir poemas, ilustralos, musicalos, coidar da calidade do papel, da cor da cuberta, da distribución da masa impresa no branco da páxina, das filigranas das orlas, da tipografía e do deseño da encadernación. Entre os libros que ilustrou Apel·les Mestres, destacan Vobiscum, con debuxos de espírito medieval propios dos incunables, e Liliana, no que a técnica naturalista se serve da fantasía. Está considerado o precursor dos modernistas e o impulsor do deseño editorial.

tarxeta persoal de presentación  cap

Apel·les Mestres i Oñós nace en Barcelona en 1854. Ao rematar o bacherelato matricúlase na Escola de Belles Arts de la Llotja. Froito das súas viaxes por Francia e Suíza, descobre a balada romántica e a poesía de Heinrich Heine, de quen posteriormente traduciría para o catalán a súa obra Intermezzo. Debuxante,  escritor, ilustrador, poeta, caricaturista, dramaturgo e músico. Como escritor tratou diversos xéneros: poesía, teatro e prosa. Moitos dos seus textos ían acompañados por ilustracións de seu.

Entre os galardóns obtidos polo seu traballo destacan o de Mestre en Gai Saber dels Jocs Florals de Barcelona (1908), a Cruz da Légion d´Honneur do goberno francés (1920) e a Medalla de Ouro da cidade de Barcelona (1935).

Apel·les Mestres contribuiu á publicación de novas pezas narrativas acompañadas de caricaturas e textos breves chamados auca, historias en estampas ou contos vivos. Aínda que non se trata de historietas propiamente ditas, poderíanse definir como protohistorietas, xa que aínda están pouco desenvolvidas e carecen de globos de texto, aparecendo este ao pé de imaxe. Unha auca é un tipo de documento artístico propio da cultura catalá; cada auca trata dun tema específico explicado a través dunha historia. Está composta por corenta e oito imaxes encaixadas en viñetas, cada unha delas acompañada de dous versos ao pé de cada viñeta, facendo un rodolí. Hai auques de temas diversos: asuntos zoolóxicos, xogos de infancia e festas do ano. As aucas represéntanse nunha páxina única.

libro verde 2

Na primeira década dos anos XX, os traballos de Apel·les Mestres como ilustrador centraríanse en obras de Cervantes, Dumas, Andersen, Bulwer-Lytton, Ebbers e Perrault.

Escribiu tamén obras musicais e, ao estourar a Primeira Guerra Mundial, ocuparíase na recuperación da cultura catalana recompilando, no ano 1922, cancións da tradición popular catalana. Apaixonado do naturalismo e do medievo, ambos os dous aparecen reflectidos na súa obra Liliana (1907). Tamén algúns dos seus traballos están influenciados polo romantismo, os modernistas e por un dos grandes ilustradores, Gustave Doré. Morreu en xullo de 1936, coincidindo co comezo da Guerra Civil.

O espaciamento

Nun artigo anterior, titulado “Mirada e escritura“, partíase dun texto descritivo de Proust para chegar á función háptica, aplicada por Deleuze á lóxica da sensación e, en concreto á arte pictórica. Remataba ese texto cunha referencia a Gérard Genette a propósito da escritura como espaciamento, como lugar onde as relacións baleiras fan xurdir significatividade:

“A situación háptica é, pois, a que favorece a escritura, pois coloca no mesmo plano os elementos da sensación e os do senso ou profundidade, permitindo que a retórica seleccione e dispoña, nese mesmo e único plano, os efectos significativos da linguaxe. Igual ca na función háptica se pode dicir que o pintor pinta cos seus ollos en tanto que toca con eles, tamén se pode dicir que o escritor describe en tanto que toca o mirado coa escritura. Como apuntou Gérard Genette, comentando a Derrida, a lingua é ela mesma ante todo unha escritura, é dicir, un xogo fundado sobre a diferenza pura e o espaciamento, xogo no que é a relación baleira a que significa, non o termo pleno.”

Polo tanto, o baleiro desa relación non pode ser outra cousa, precisamente, ca o espazo. O verbo que une o espazo e o significado é, por outra banda, o verbo dispoñer, asignar a cada cousa un lugar no espazo, distribuír: o verbo grego légein. De aí que o “dicir”, lógos, sexa vencellar as cousas e os lugares; o nome expresa a relación coas cousas e cos lugares, por iso o “dicir” equivale a dispoñer cousas e lugares nunha orde de relación, nun relacionarse. Logo as relacións baleiras han ser o espaciamento da lingua en tanto que posibilidade de distribuír significatividade.

Genette, a través da noción de “figura”, tan cara a este autor, insiste nesa relación entre a literatura (o “dicir”) e o espazo. Precisamente un dos aspectos da “espacialidade literaria” maniféstase no senso estilístico da escritura, no que a retórica denominou as “figuras”, pois, malia a linguaxe estar vencellada ao carácter liñal da palabra, á aparente formación do discurso coma unha cadea de significantes que remite a outra cadea ausente de significados, segundo Genette (Figures II, “La littérature et l’espace”), na linguaxe literaria o espazo semántico que se baleira entre o significante aparente e o significado real abole a linealidade do discurso.

Precisamente é a ese espazo ao que se lle chama figura: “a figura é ao mesmo tempo a forma que colle o espazo e a que se dá a linguaxe, e é o símbolo mesmo da espacialidade da linguaxe literaria na súa relación co senso”.

Stilus en Pompeia

Segundo Genette, cómpre entender “o estilo como a espacialidade semántica do discurso literario”. Por exemplo, se o Código (Penal) enuncia “a todo condenado a morte se lle ha cortar a cabeza”, iso significa, ao mesmo tempo, tanto a pena capital coma a literalidade espectacular da súa propia linguaxe. Mais, para Genette, ese espaciamento da linguaxe confúndese coa dimensión temporal que a simultaneidade indicada por ese “ao mesmo tempo” parece delatar. Isto é, a dimensión sígnica e espacial da escritura (o estilo: a traza da pluma —stilus— no papel) pregaríase sobre a dimensión temporal da súa significatividade.

Así e todo, esa miraxe temporal é doadamente demontable se recorremos á noción de prega, tan cara a Deleuze. O pregamento da escritura sobre si mesma non sería un efecto temporal senón, pola contra, un xogo de desprazamento no espazo: un espaciamento aberto entre o escrito e a escritura como discurso. Botando man doutra metáfora, desta volta ben próxima a Genette, trataríase do efecto producido polo palimpsesto: escribir sobre ou escribir por riba de, mais sempre partindo da imposibilidade de riscar o escrito anteriormente. Logo, entre escritura e escrito, ábrese un espaciamento polo que se filtra —se peneira, se selecciona— a significatividade.

A isto, daquela, haberá que engadir a consideración da linguaxe como un xogo de signos que se concreta nun sistema de relacións diferenciais no que cada elemento se cualifica polo lugar que ocupa no conxunto en función das relacións verticais e horizontais que mantén cos outros elementos, afastados ou próximos. Citemos outra vez a Genette, sempre e cando poidamos eliminar unha das palabras do seu texto: “a espacialidade manifesta da escritura pode ser tomada como símbolo da espacialidade profunda da linguaxe”. Polo tanto, a lingua ou o “dicir” (lógos) é a disposición da significatividade no espazo.

A figura, entón, é tal porque ocupa un espazo xa non na linealidade do texto senón no espaciamento da escritura. Lémbrese que a liña (en grego, grammé) ten unha única dimensión, pois está constituída por unha sucesión de puntos, e a sucesión si que está vencellada coa temporalidade, mentres que o espazo se forma a partir de tres puntos non sucesivos, nos que a temporalidade non incide. Polo tanto, a dimensión gramática da linguaxe é liñal mentres que a dimensión literaria (da letra, logo da escritura) é espaciamento.

Para concluír, cómpre lembrar que a “figura” tamén é un dos elementos fundamentais da función háptica, segundo indica Deleuze no seu libro sobre o pintor Francis Bacon. Alí proponse un plano intermedio ou unha capa subxacente á figura mediante a que se expresa a mirada háptica, ese plano estaría constituído a partir da noción de diagrama, etimoloxicamente “a través ou mediante a liña”. Deleuze estudia a posición do diagrama como elemento subxacente que dispón a ollada sobre a superficie plana e permite adquirir significatividade sen necesidade de recorrer aos a priori da función óptica, tales coma a perspectiva. Daríase entón, postulamos aquí, unha correlación entre a linguaxe literaria —escrita a partir do palimpsesto subxacente e da prega que espacia o seu senso— e a linguaxe háptica —trazada a partir do diagrama que é alicerce da figura.

Deixamos para un artigo posterior unha análise máis pormenorizada do diagrama deleuzián e da súa implicación na percepción háptica da figura no lenzo.

Novo libro de Rebeca Baceiredo

Anuncio-A revolución novoNos próximos días, A revolución non vai ser televisada, o novo libro de Rebeca Baceiredo, distribuirase nas librerías colaboradoras de Euseino? Editores. Con este título iníciase a colección Casabranca, dedicada á filosofía.

Reserve o seu exemplar:

Na internet

Nas librerías