Concibía o libro como obxecto de arte total, o que lle permitía escribir poemas, ilustralos, musicalos, coidar da calidade do papel, da cor da cuberta, da distribución da masa impresa no branco da páxina, das filigranas das orlas, da tipografía e do deseño da encadernación. Entre os libros que ilustrou Apel·les Mestres, destacan Vobiscum, con debuxos de espírito medieval propios dos incunables, e Liliana, no que a técnica naturalista se serve da fantasía. Está considerado o precursor dos modernistas e o impulsor do deseño editorial.
Apel·les Mestres i Oñós nace en Barcelona en 1854. Ao rematar o bacherelato matricúlase na Escola de Belles Arts de la Llotja. Froito das súas viaxes por Francia e Suíza, descobre a balada romántica e a poesía de Heinrich Heine, de quen posteriormente traduciría para o catalán a súa obra Intermezzo. Debuxante, escritor, ilustrador, poeta, caricaturista, dramaturgo e músico. Como escritor tratou diversos xéneros: poesía, teatro e prosa. Moitos dos seus textos ían acompañados por ilustracións de seu.
Entre os galardóns obtidos polo seu traballo destacan o de Mestre en Gai Saber dels Jocs Florals de Barcelona (1908), a Cruz da Légion d´Honneur do goberno francés (1920) e a Medalla de Ouro da cidade de Barcelona (1935).
Apel·les Mestres contribuiu á publicación de novas pezas narrativas acompañadas de caricaturas e textos breves chamados auca, historias en estampas ou contos vivos. Aínda que non se trata de historietas propiamente ditas, poderíanse definir como protohistorietas, xa que aínda están pouco desenvolvidas e carecen de globos de texto, aparecendo este ao pé de imaxe. Unha auca é un tipo de documento artístico propio da cultura catalá; cada auca trata dun tema específico explicado a través dunha historia. Está composta por corenta e oito imaxes encaixadas en viñetas, cada unha delas acompañada de dous versos ao pé de cada viñeta, facendo un rodolí. Hai auques de temas diversos: asuntos zoolóxicos, xogos de infancia e festas do ano. As aucas represéntanse nunha páxina única.
Na primeira década dos anos XX, os traballos de Apel·les Mestres como ilustrador centraríanse en obras de Cervantes, Dumas, Andersen, Bulwer-Lytton, Ebbers e Perrault.
Escribiu tamén obras musicais e, ao estourar a Primeira Guerra Mundial, ocuparíase na recuperación da cultura catalana recompilando, no ano 1922, cancións da tradición popular catalana. Apaixonado do naturalismo e do medievo, ambos os dous aparecen reflectidos na súa obra Liliana (1907). Tamén algúns dos seus traballos están influenciados polo romantismo, os modernistas e por un dos grandes ilustradores, Gustave Doré. Morreu en xullo de 1936, coincidindo co comezo da Guerra Civil.