Os libros de Euseino? Editores pódense atopar no posto 18 do Culturgal grazas á colaboración de Rodolfo e Priscila. Unha selección do catálogo ao dispor das persoas lectoras o venres 25, sábado 26 e domingo 27 de novembro en Pontevedra.
Pola nosa banda, todo o catálogo deRodolfo e Priscila está ao dispor das persoa lectoras na sede de Euseino? en Vigo. Para quen os queira ler e mirar. Entre eles A festa equivocada, de Fran P. Lorenzo, e Conto ao carón do río, de Oihane Amantegi, traducido por Isaac Xubín.
Publícase “Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas”, de Rebeca Baceiredo
A obra da filósofa e escritora Rebeca Baceiredo, ademais de ser unha das máis orixinais do pensamento galego dos últimos vinte anos, consegue iluminar a filosofía coa capacidade de concreción da literatura e que, ao tempo, a filosofía poña ao descuberto unha faceta da literatura que a despoxa de trucos artísticos banais. Ambas as dúas, literatura e filosofía, deixan de lado o poder do que adoitan estar investidas para, na escritura de Baceiredo, quedar á vista, sen aderezos nin dogmatismos. Como escribe na presentación de cuarta de cuberta Mario Losada, editor de Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas, nestas páxinas “o exercicio da interpretación espállase desde a literatura para resoar no campo da filosofía”.
Temos, pois, a satisfacción de volver presentar ás persoas lectoras unha obra nova desta autora senlleira, coa que iniciamos a colección Casabranca no ano 2013. Sen Rebeca Baceiredo o proxecto de Euseino? Editores non sería o que actualmente é.
O novo libro de Rebeca Baceiredo non é un ensaio filosófico usual. Nel reflexiónase sobre conceptos coma deus, o tempo, a morte, o acontecemento e a subxectividade no horizonte da disolución do eu e da pregunta polos límites da linguaxe. O excepcional é o terreo no que se inscriben estas ideas, que non é o propio do discurso teórico nin da análise fenomenolóxíca senón algún punto intermedio e bastardo entre a escritura e a vivencia real. A autora extrae o pensamento do relato da experiencia íntima e filosófica que a escritora brasileira Clarice Lispector achegou a través da súa obra e dos seus personaxes. Unha intimidade que, como diciamos, mediante o exercicio da interpretación, se espalla desde a literatura para resoar no campo da filosofía.
Algunhas das partes desta obra transitan por mundos nos que as palabras son cousas, onde pensar é viaxar e nos que os desvíos do pensamento literario de Lispector nos achegan á pregunta ontolóxica fundamental: ¿que facer coa vida?
O resultado é unha fascinante dramatización de ideas, unha travesía na que o deus xeométrico de Spinoza asusta, a cousa en si nos dá leccións de vida e as poetas regresan das súas liortas nos límites da linguaxe. E, sobre todo, unha chamada a outro xeito de escribir filosofía.
Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:
Composición, por Theo van Doesburg. Tinta chinesa sobre papel.
A ensaísta e poeta María do Cebreiro escribe sobre a crítica literaria en tempos de estrañeza. As obras manteñen a súa presenza mesmo nun mundo no que os textos pretenden asoballalas. Un texto non é necesariamente unha obra. Igual ca quen escribe non é forzosamente unha persoa escritora; a escritora éo cando “vivir significou escribir, e escribir unicamente foi dicir con sinceridade, case reflectir nun espello, o pulo da súa fantasía e os traballos do seu pensamento”. Así o describiuo filósofo Giorgio Colli, editor da obra completa de Nietzsche. Mais o estadio do espello quedou atrás, a obra non precisa de suxeito, independízase da tea de araña da sopeita pois a obra mesma está feita de tecido, de letras, de literalidade. A morte da crítica realmente o que reflicte é a morte do autor e da autora como principio de razón. O principio da obra é a irrazón da súa existencia. Iso abonda.Nada de relación filiativa, todo é afiliativo. Non hai creación porque ninguén crea, a literalidade está no mundo como tal cousa.O escepticismo da autora deMaternidades virtuosasresponde quizais a esa estrañeza perante a obra sen razón, a obra non escrita para un público, a obra sen público. A obra sen esencia. Cousa non substancial que está fóra de si, que está no mundo.
1) Renacenza. Non é doado escribir sobre a crítica literaria nun mundo no que tanto a literatura como a crítica perderon definitivamente a súa función. Neste contexto, a única proposta optimista é desexar que a crítica literaria morra dunha vez para que, con fortuna, poida nacer de novo.
2) Fado. Velaquí o fado da crítica literaria hoxe: a suxeición ao sistema de medios de comunicación, dependente á súa vez das dinámicas gobernamentais e dos intereses comerciais. Fronte a tal servidume, a crítica literaria será soberana ou non será.
3) A autoridade de calquera. Soberanía non equivale a libre xuízo. A erosión xeneralizada do principio de autoridade pode ser boa cousa. Como aceptar que un crítico, polo feito de escribir nun determinado medio, nos diga o que debemos ler? Nun tempo no que nin sequera aceptamos doadamente as recomendacións dos médicos, a crítica xudicial é cousa do pasado.
4) A arte da sospeita. O fundamento da verdadeira crítica é a sospeita. Como calquera pensamento digno de tal nome, debe ser unha arte de tensar a corda.
5) Perigos. A crítica literaria é, xa que logo, incómoda. Non estraña que case ninguén queira exercela. Así e todo, cómpre desconfiar tamén da posición do francotirador. Cando a voz do crítico soa ferida ou rosmona de máis, é doado sospeitar que non está a escribir desde a ecuanimidade senón pro domo sua.
6)Obxectividade. Fronte ao prexuízo que teima en manter xebradas a dimensión creativa da argumentativa, os mellores poetas do século XX foron os mellores críticos, tanto da súa propia obra como da obra dos poetas que a usaron como condición de posibilidade para escribila. En consecuencia, o crítico debe ser obxectivo mais non neutral.
7)Futuro presente. Que cabe agardar da crítica neste século? Quizais xa non o delicioso close reading da súa obra e das alleas ao que nos afixeran os críticos e poetas do século XX (non hai tempo). Tampouco o distant reading postulado como alternativa pola literatura comparada de comezos do milenio: entre a peste e o algoritmo, o concepto de República Mundial das Letras quedou literalmente esfarelado.
8) Estrañeza. A crítica literaria do futuro artellará un discurso situado a medio camiño entre o arquivo e o mapa. Operará, ao seu xeito, en sentido contrario á cultura da cancelación, cartografando, por unha banda, os textos resistentes ao sentido común da nosa época e achegando, pola outra, un catálogo vivo e actuante de prácticas literarias complexas (entendida a complexidade como un procedemento de estrañeza continua perante o mundo).
9) Responsabilidade e resistencia. A crítica literaria do futuro será un traballo de delicadeza e de resonancia. Obrigaranos a ler dúas veces, nun tempo no que, mesmo rodeados de textos, case ninguén lerá. Non toda literatura resiste esa segunda vez, o que pode ser usado como un indicio contra ela, e tamén contra a crítica literaria que a sostén.
10) Resurrección. A crítica literaria morreu. Viva a crítica literaria!