Publícase “Tempo sen devir”, de Quentin Meillassoux

Poucas veces se atopa unha obra que non só acada os máis altos modos de pensamento senón que establece novos modos de seu, transformando o campo todo no que intervén. Iso é o que precisamente fai Quentin Meillassoux.  —Slavoj Zizek

Neste mes de decembro, Euseino? Editores pon nas librerías Tempo sen devir, de Quentin Meillassoux, ensaio que representa unha síntese eficaz da súa estratexia filosófica, denominada materialismo especulativo. O xiro cara ao realismo e cara ao materialismo é un dos feitos máis relevantes acontecidos na filosofía durante a primeira década deste século. Malia desbotar a posición idealista tradicional, a filosofía permanecía nun estadio igualmente antimaterialista baixo a forma do que Quentin Meillassoux chama “correlacionismo”. Fronte a este pensamento filosófico recluído nos límites do suxeito, o xiro especulativo centra a súa atención nunha concepción nova do materialismo e do realismo, realismo e materialismo que agora xa non están condicionados polo correlato humano-mundo nin polas súas representacións.

Alain Badiou escribiu:

Non é esaxerado dicir que Quentin Mei­llassoux abre na historia da filosofía […] un vieiro novo […] instala o pensamento nunha relación completamente diferente coa experiencia do mundo […] autoriza outra volta a que o destino do pensamento sexa o absoluto e non os fragmentos e relacións parciais nas que nos compracemos.

Segundo Meillassoux, é precisamente porque a ciencia describe unha realidade absolutamente precedente e independente respecto de calquera suxeito, como é o caso da realidade ancestral, polo que é necesaria unha filosofía capaz de lexitimala, un realismo non inxenuo que evite simultaneamente o que el denomina correlacionismo e a metafísica dogmática.

O volume complétase cun ensaio de Anna Longo no que se propón unha comparación entre o materialismo especulativo de Meillassoux e a ciencia contemporánea ou ciencia da complexidade.

Consiga o seu exemplar:

Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

 

Cuberta+lombo

 

 

Harman: “on SR in Galician”

Graham Harman, filósofo e profesor na Universidade Americana do Cairo, acaba de publicar no seu blogue “Object-Oriented Philosophy” unha entrada na que se refire ao noso artigo “O xiro especulativo“. Velaquí a ligazón:

article on SR in Galician

Harman é un dos iniciadores da filosofía do realismo especulativo e, máis concretamente, da denominada filosofía orientada aos obxectos, entre as súas obras cómpre salientar Guerrilla Metaphysics: Phenomenology and the Carpentry of Things (2005), The Quadruple Object (2011) Quentin Meillassoux: Philosophy in the Making (2011).

O autor de The Quadruple Object enuncia os dous principios básicos do seu pensamento filosófico situándoos en

1) as entidades individuais a diferentes escalas (non soamente os minúsculos quarks e electróns) como substancia fundamental do cosmos e
2) as devanditas entidades endexamais se deben esgotar nas súas relacións, sexan estas as que sexan, nin tampouco na suma de todas as súas relacións posibles. Os obxectos considéranse á parte das relacións.

NoveauxRealisme

Graham Harman, xunto a Anna Longo e outros pensadores, participou esta semana nun encontro sobre “Novos realismos” celebrado en París e organizado pola École des Hautes Études en Sciences Sociales (véxase máis arriba o cartel desas xornadas). Da profesora Longo, Euseino? Editores acaba de publicar o ensaio “Continxencia e liberdade: unha comparación entre materialismo especulativo e ciencia experimental”, como parte do libro Tempo sen devir, de Quentin Meillassoux.