Materialismo do verán
Notas curiosas e infrecuentes sobre a poiese da materia
“The Realists”,
by William Butler Yeats
Hope that you may understand.
What can books, of men that wive
In a dragon-guarded land;
Paintings of the dolphin drawn;
Sea nymphs, in their pearly waggons,
Do but wake the hope to live
That had gone
With the dragons.
“Os realistas”,
de William Butler Yeats
Traducido do inglés por Carlos Lema
Que o deas entendido espero.
Onde se non nos libros, de homes que cren
En terras de dragóns gardadas por cancerbero;
Golfiños pintados con esmero;
Ninfas mariñas, que en carrozas de nácar son,
Onde se non a espranza de vivir espertar ten
Porque acabou ao carón
Dos dragóns.
Continuamos esta serie de artigos, ou notas curiosas sobre pormenores do mundo que ás veces pasan desapercibidos, ou xacen abandonados sen que a nosa atención repare neles. A xeito de gabinete de curiosidades no que, grazas a esa capacidade do verán para iluminar a materia, reunimos pezas insólitas, pouco frecuentes, sobre as cousas do mundo.
Nesta segunda entrega recuperamos un artigo de Beatriz Fraga sobre os otólitos ou pedras que medran na cabeza dun peixe non moi coñecido, a corvina. Publicouse en xuño de 2015 en Carballo na revista da Asociación Cultural San Xoán.
“Otólitos”, por Beatriz Fraga
Hai outro óso mariño que chaman pedra da corvina. Corax significa corvo.
Hai corvo mariño, ave; e corvo mariño, peixe, e este chámase en Galicia, pelrón.
Nada diso vén ao peixe corvina. En latín é coracinus. En galego e en castelán chámanlle corvina.
É peixe abundante e frecuente en Galicia. Cría na cabeza dúas pedras,
sobre as cales di Rondelecio: Lapides in capite repertos. Valere ad nephriticum,
vel colicum dolorem vulgus existimat. Alii colbo suspensos ad morbum [279v]
regium conferre credum. Dubida disto último e testemuña do primeiro:
Ad nephriticum vero dolorem valere sum expertus. Esta afirmación de Rondelecio
basta para que a pedra da corvina sexa moi estimada. Eu trouxen unha de Galicia,
moi corpuda, pois pesa máis de tres reás de prata e é branquísima.
Martín Sarmiento, Obra de 660 pliegos
Esas pedras corvina, branquísimas e estimadas, ás que se refire Martín Sarmiento son os otólitos.
Os otólitos, ou estatólitos, son pedras calcáreas formadas por carbonato de calcio, un tipo de sal que se atopa na natureza, e son exclusivas dos peixes óseos (os que teñen esqueleto interno).
Desde que o peixe é larva, o carbonato de calcio vaise depositando sobre un núcleo, formando aneis concéntricos semellantes aos que atopamos nos toros das árbores.
A natureza e a forma desas pedras quedan claramente expresadas na denominación orixinaria do grego: otos, oído, e lithos, pedra. Semellantes a un saco, a unha améndoa ou a unha avultada pebide de cabaza, forman parte do órgano de equilibrio dos peixes, achegándolles información sobre a dirección, coma se fose un compás, e a velocidade na que está nadando.
Mais a forma, tamaño e estrutura da pedra son propias de cada especie. O tamaño varía segundo o tipo de crecemento corporal, indo desde o tamaño dunha cabeza de alfinete ata o dunha moeda. Os peixes que medran rapidamente, coma a piarda ou pión, teñen otólitos pequenos, mentres que os que medran lentamente, coma a corvina, tenen otólitos grandes.
A palometa (Brama brama), o linguado (Solea solea), a xarda (Scomber scombrus), o peixe limón (Seriola dumerili), a pescada (Merluccius merluccius hubbsi), o bacallau (Gadus morhua) e a corvina (Argyrosomus regius) teñen agachado na cabeza ese pequeno tesouro. Así e todo, as pedras máis prezadas son as das corvinas.
Eses “ósos”, semellantes ao almafí ou ao alabastro (pedra de xeso), están situados, nos vertebrados, xunto aos órganos acústicos do animal, e poderiamos dicir que son coma o carné de identidade do peixe xa que, ao estudar os seus aneis ou bandas, estes fornecen moitísima información sobre o animal: idade, etapas do desenvolvemento…
Son bioindicadores xa que, ao formarse en equilibrio coa auga onde vive o peixe, rexistran propiedades químicas dese elemento, como por exemplo a presenza de metais pesados.
Aínda que diferentes en cada especie, están presentes en todos os vertebrados, incluído o ser humano, mais nos mamíferos vense reducidos a uns diminutos cristais, as otoconias. A función principal que realizan nos mamíferos é a de ser estabilizadores da posición do corpo en relación coa vertical. Cando eses cristais se moven ou desprenden, acaso por un movemento brusco de posición, e flotan libremente dentro dos canais do oído interno, envían mensaxes confusas ao cerebro que este traduce como falta de estabilidade, vertixe ou vágado.
Centrándonos de novo na corvina, explícase que o nome do peixe sexa un derivado de corvo porque, visto desde arriba, semella ser de cor negra. En Tesoro de la lengua castellana, de Covarrubias (s. XVI), dáse esa razón para outorgarlle o nome “Lo más cierto es, como lo dize Nimpho, que se le dio este nombre por tener las aletas tan negras como las plumas del cuervo”.
En Galicia, todas as especies de Esciénidos (Sciaenidae), cuxo representante máis característico é a corvina, podemos atopalas con este nome: verruguete, verrugate, corviña, corvina ou corvinato.
Mais o reino animal está cheo de sorpresas e a corvina aínda agacha outra. O peixe en cuestión emite uns ruídos peculiares que se poden escoitar a trinta metros de distancia. A corvina produce ese son empregando “músculos sónicos” que están localizados preto da vexiga natatoria. Na corvina atlántica tanto os machos coma femias teñen eses músculos. Os machos empregan estes sons no cortexo das femias e os peixiños inmaturos prodúcenos como resposta ante o medo.
Os otólitos, igual que o ollomao, teñen carácter apotropaico, atribuíndoselles virtudes sobrenaturais con propiedades para atraer a boa sorte, espantar o mal, como remedio para as dores de cabeza e de ventre e para os cálculos de ril.
Depositados como ofrenda xunto con outros elementos entre eles a cerámica, aneis e escaravellos exipcios (amuleto de vida, símbolo de resurrección) foron atopados varios otólitos nalgunhas escavacións arqueolóxicas, entre elas a de Gorham’s Cave, en Xibraltar, datadas do século VIII ao III a. C. En Sanlúcar de Barrameda, no piñeiral da Algaida, atopouse, no que parece ser un santuario púnico dedicado ao Luceiro Vespertino ou Luceiro da Alba (Venus), un total de 49 otólitos de diferentes tamaños que foron depositados alí como ofrendas.
Actualmente, ollomaos e otólitos engarzados como adornos, penduran do pescozo de moitas persoas, como amuletos, talismáns ou simplemente como unha figura de achego (un agasaIlo de alguén querido).

































