O regreso de Anxos Sumai á literatura cunha obra nova que volve sorprender pola límpida e iluminadora capacidade de narrar. A autora de Anxos da garda, Así nacen as baleas (Premio Repsol e Premio San Clemente, 2007) e A lúa da colleita (Premio García Barros, 2013), escritora senlleira e narradora dunha orixinalidade e estilo inesquecibles, vólvenos engaiolar cun mundo narrativo inimitable. Acompañada polas ilustracións de Minia Regos, ambas as dúas acaban por configurar un libro cheo de matices e suxestións sobre a infancia, o emprego literario da imaxinación e a súa pegada nunha narrativa que nos devolve a capacidade de mirar dun outro xeito a realidade.
Nun recanto do gran Glaciar onde só se escoitan estalidos, murmurios de xeadas e o tenue ruído das fendas que se abren paso entre os montes brancos, nace Catarina, unha nena de xeo.
A aparición inesperada dun agasallo fortuíto da natureza, en forma de froito, racha a rutina e presaxia un cambio inusitado na vida da protagonista. A imaxinación literaria de Anxos Sumai unida ás asombrosas ilustracións de Minia Regos dan forma a este libro. Xuntas elaboran unha narración que esperta a curiosidade e convida a deterse para gorentar as súas páxinas.
En A nena de xeo, Minia Regos consegue dar “vida” á nena do glaciar a través de imaxes que parecen fráxiles e, ao mesmo tempo, profundamente expresivas. Hai nelas unha contención que dialoga coa palabra escrita, unha luz que se filtra entre o branco e o azul, unha atmosfera que fai que as ilustracións funcionen como unha segunda voz narrativa, unha voz silenciosa que amplía plasticamente a escritura de Anxos Sumai.
Entre escritura e ilustración establécese un espazo de tensión creadora onde a persoa que le é convidada a completar, a interpretar, a imaxinar.
Un álbum para mirar devagar, agardar a que se derreta nas mans… e deixar que rexurda na lembranza.
Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio a través da ligazón:
Notas curiosas e infrecuentes sobre a poiese da materia
“The Realists”, by William Butler Yeats
Hope that you may understand. What can books, of men that wive In a dragon-guarded land; Paintings of the dolphin drawn; Sea nymphs, in their pearly waggons, Do but wake the hope to live That had gone With the dragons.
“Os realistas”, de William Butler Yeats Traducido do inglés por Carlos Lema
Que o deas entendido espero. Onde se non nos libros, de homes que cren En terras de dragóns gardadas por cancerbero; Golfiños pintados con esmero; Ninfas mariñas, que en carrozas de nácar son, Onde se non a espranza de vivir espertar ten Porque acabou ao carón Dos dragóns.
Continuamos esta serie de artigos, ou notas curiosas sobre pormenores do mundo que ás veces pasan desapercibidos, ou xacen abandonados sen que a nosa atención repare neles. A xeito de gabinete de curiosidades no que, grazas a esa capacidade do verán para iluminar a materia, reunimos pezas insólitas, pouco frecuentes, sobre as cousas do mundo.
Nesta segunda entrega recuperamos un artigo deBeatriz Fragasobre os otólitos ou pedras que medran na cabeza dun peixe non moi coñecido, a corvina. Publicouse en xuño de 2015 en Carballo na revista da Asociación Cultural San Xoán.
“Otólitos”, por Beatriz Fraga
Hai outro óso mariño que chaman pedra da corvina. Corax significa corvo. Hai corvo mariño, ave; e corvo mariño, peixe, e este chámase en Galicia, pelrón. Nada diso vén ao peixe corvina. En latín é coracinus. En galego e en castelán chámanlle corvina. É peixe abundante e frecuente en Galicia. Cría na cabeza dúas pedras, sobre as cales di Rondelecio: Lapides in capite repertos. Valere ad nephriticum, vel colicum dolorem vulgus existimat. Alii colbo suspensos ad morbum [279v] regium conferre credum. Dubida disto último e testemuña do primeiro: Ad nephriticum vero dolorem valere sum expertus. Esta afirmación de Rondelecio basta para que a pedra da corvina sexa moi estimada. Eu trouxen unha de Galicia, moi corpuda, pois pesa máis de tres reás de prata e é branquísima.
Martín Sarmiento, Obra de 660 pliegos
Esas pedras corvina, branquísimas e estimadas, ás que se refire Martín Sarmiento son os otólitos.
Os otólitos, ou estatólitos, son pedras calcáreas formadas por carbonato de calcio, un tipo de sal que se atopa na natureza, e son exclusivas dos peixes óseos (os que teñen esqueleto interno). Desde que o peixe é larva, o carbonato de calcio vaise depositando sobre un núcleo, formando aneis concéntricos semellantes aos que atopamos nos toros das árbores.
A natureza e a forma desas pedras quedan claramente expresadas na denominación orixinaria do grego: otos, oído, e lithos, pedra. Semellantes a un saco, a unha améndoa ou a unha avultada pebide de cabaza, forman parte do órgano de equilibrio dos peixes, achegándolles información sobre a dirección, coma se fose un compás, e a velocidade na que está nadando.
Natureza en rexións descendentes, por Levi Walter Yaggy, 1893
Mais a forma, tamaño e estrutura da pedra son propias de cada especie. O tamaño varía segundo o tipo de crecemento corporal, indo desde o tamaño dunha cabeza de alfinete ata o dunha moeda. Os peixes que medran rapidamente, coma a piarda ou pión, teñen otólitos pequenos, mentres que os que medran lentamente, coma a corvina, tenen otólitos grandes.
A palometa (Brama brama), o linguado (Solea solea), a xarda (Scomber scombrus), o peixe limón (Seriola dumerili), a pescada (Merluccius merluccius hubbsi), o bacallau (Gadus morhua) e a corvina (Argyrosomus regius) teñen agachado na cabeza ese pequeno tesouro. Así e todo, as pedras máis prezadas son as das corvinas.
Eses “ósos”, semellantes ao almafí ou ao alabastro (pedra de xeso), están situados, nos vertebrados, xunto aos órganos acústicos do animal, e poderiamos dicir que son coma o carné de identidade do peixe xa que, ao estudar os seus aneis ou bandas, estes fornecen moitísima información sobre o animal: idade, etapas do desenvolvemento…
Son bioindicadores xa que, ao formarse en equilibrio coa auga onde vive o peixe, rexistran propiedades químicas dese elemento, como por exemplo a presenza de metais pesados.
Aínda que diferentes en cada especie, están presentes en todos os vertebrados, incluído o ser humano, mais nos mamíferos vense reducidos a uns diminutos cristais, as otoconias. A función principal que realizan nos mamíferos é a de ser estabilizadores da posición do corpo en relación coa vertical. Cando eses cristais se moven ou desprenden, acaso por un movemento brusco de posición, e flotan libremente dentro dos canais do oído interno, envían mensaxes confusas ao cerebro que este traduce como falta de estabilidade, vertixe ou vágado.
Centrándonos de novo na corvina, explícase que o nome do peixe sexa un derivado de corvo porque, visto desde arriba, semella ser de cor negra. En Tesoro de la lengua castellana, de Covarrubias (s. XVI), dáse esa razón para outorgarlle o nome “Lo más cierto es, como lo dize Nimpho, que se le dio este nombre por tener las aletas tan negras como las plumas del cuervo”.
En Galicia, todas as especies de Esciénidos (Sciaenidae), cuxo representante máis característico é a corvina, podemos atopalas con este nome: verruguete, verrugate, corviña, corvina ou corvinato. Mais o reino animal está cheo de sorpresas e a corvina aínda agacha outra. O peixe en cuestión emite uns ruídos peculiares que se poden escoitar a trinta metros de distancia. A corvina produce ese son empregando “músculos sónicos” que están localizados preto da vexiga natatoria. Na corvina atlántica tanto os machos coma femias teñen eses músculos. Os machos empregan estes sons no cortexo das femias e os peixiños inmaturos prodúcenos como resposta ante o medo.
Os otólitos, igual que o ollomao, teñen carácter apotropaico, atribuíndoselles virtudes sobrenaturais con propiedades para atraer a boa sorte, espantar o mal, como remedio para as dores de cabeza e de ventre e para os cálculos de ril.
Depositados como ofrenda xunto con outros elementos entre eles a cerámica, aneis e escaravellos exipcios (amuleto de vida, símbolo de resurrección) foron atopados varios otólitos nalgunhas escavacións arqueolóxicas, entre elas a de Gorham’s Cave, en Xibraltar, datadas do século VIII ao III a. C. En Sanlúcar de Barrameda, no piñeiral da Algaida, atopouse, no que parece ser un santuario púnico dedicado ao Luceiro Vespertino ou Luceiro da Alba (Venus), un total de 49 otólitos de diferentes tamaños que foron depositados alí como ofrendas.
Actualmente, ollomaos e otólitos engarzados como adornos, penduran do pescozo de moitas persoas, como amuletos, talismáns ou simplemente como unha figura de achego (un agasaIlo de alguén querido).
Otólitos nunha fotografía xentileza de Wikimedia Commons.
Entre eles, “O Rei Portador” de Beatriz Fraga, a primeira obra publicada por Euseino?
Ademais de “m-Talá” de Chus Pato, “Transhumanismo” de Brais Arribas e “Diario de dúas casas” de María Villamarín
Ao comezo deste verán saíron dos prelos da Cooperativa Sacauntos as reimpresións de catro títulos do catálogo de Euseino? Poesía, filosofía e un diario xunta un libro de contos. Catro xeitos diferentes de escribir, catro achegas e autorías diversas.
Da 3ª reimpresión de m-Talá, de Chus Pato, en edición crítica realizada por Carlos Lema en 2020 para celebrar o vixésimo aniversario deste poemario que é un fito da Literatura Galega contemporánea, “Unha reedición monumental” en opinión de Antón Blanco Casás na revista Abriu, á 5ª de Diario de dúas casas, o libro de María Villamarín que engaiola as persoas cun relato directo e sincero das experiencias —no mundo rural e no urbano— dunha muller que escribe de si e para si ao tempo que rende homenaxe á lectura e ao cinema. Del dixo Helena Miguélez:
"Moito me presta este libro sobre por que seguir sendo do rural aínda ten importancia".
Trinque da sede da Fundación Euseino? coas reedicións e a versión galega da letra de Rafael Berrio.
A 2ª edición de O Rei Portador e outras historias, de Beatriz Fraga, chega doce anos despois. Trátase do primeiro libro publicado por Euseino? Editores e del escribiron críticos literarios coma Armando Requeixo na época inicial do seu blog Criticalia:
"nestas páxinas [...] importa tanto o detalle miúdo do que se conta coma as grandes heroicidades e proezas que se refiren, o que explica esa súa prosa de recender poético e evocación oralizada na que todo transcorre como se nun conto marabilloso estiveramos. Seguramente a isto último [...] contribúan tamén as coloristas e delicadas ilustracións coas que a propia autora viste estes contos, evocadoras transposicións visuais dun territorio creativo [...]".
"a autora non renuncia a inserir certas doses de interpretación propia, con moita sutileza e acerto, o cal lles confire ás historias un meirande valor de actualización, de presenza na actualidade lectora. Enriquece as historias narradas […] sabe imprimirlles unha dimensión oral que as fai moi atraentes á hora de recontalas ou lelas en voz alta."
Ademais de Ramón Nicolás tamén na primeira época do seu Caderno da Crítica:
"historias [...] ás que se lle outorgan unha nova vida chea de forza e intensidade […] [coma] a do fermoso e intenso relato titulado «Berenice», centrado na raíña libia de cabelos dourados."
E Francisco Martínez Bouzas no seu blog Novenoites:
"Beizóns para Euseino? Editores, este novo selo que debuta cun pequeno pero fermoso libro de Beatriz Fraga […] A autora reescribe estas lendas perdidas nas lañas do tempo e faino para o imaxinario literario de hoxe cunha escritura renovada [...] e unha orixinal imaxinación."
Despois xurdiría a idea de publicar unha colección de filosofía. Que iniciamos con Rebeca Baceiredo e o seu A revolución non vai ser televisada, actualmente na 4ª reimpresión. Algo impensable para a Filosofía Galega. Un roteiro que agora continúa a 3ª edición de Transhumanismo, o libro co que Brais Arribas conseguiu abrir un debate en torno da tecnociencia e do que implica para a existencia da humanidade.
Manter activa durante doce anos unha liña de publicacións independente, baseada na edición coidada e rigorosa de obras singulares e na que non interveñen criterios alleos aos do campo da cultura e do pensamento, é un orgullo e unha satisfacción. É posible grazas ás persoas autoras que nos confían a súa obra, ao esforzo das persoas voluntarias e á xenerosidade das persoas benefactoras e lectoras. Beizón ás librerías colaboradoras pola difusión e apoio.
Iniciamos esta campaña de reedicións elixindo como leitmotiv estes versos dunha canción de Rafael Berrio, como homenaxe á memoria do músico e á súa obra, e para coller folgos no noso labor:
"Quen o impide, quen o impide? Ninguén o impide."
Coma no nome da Fundación Euseino?, na canción o signo de interrogación, a pregunta, invita a pensar e tamén a deixar de lado todo dogmatismo e todo nihilismo.