A inexistencia divina

Onte publicáronse no suplemento dun xornal español as recensións de dous libros de historia da relixión, ademais dunha extensa entrevista coa súa autora, a historiadora Karen Armstrong, quen afirma, entre outras cousas:

“[…] Europa está a quedar moi pasada de moda no seu secularismo. Noutros lugares a xente estase a facer máis relixiosa, para ben ou para mal. A relixión é coma a arte, o sexo ou a gastronomía: hai arte excelente e moi mala. A idea de que a relixión é daniña non é moi intelixente.” […] “Coma a mellor arte, a relixión ofrece a posibilidade de escapar do horror que nos rodea e buscar senso para as nosas vidas”.

Á parte das matizacións referidas á historia, nas que aquí non imos entrar e que moi parcialmente as anteditas críticas analizan, cómpre reparar na presentación que da relixión fai esta historiadora e na que equipara a súa función á da arte, ou á da busca de “experiencias transcendentes” que parecen achegarse a aparentemente simples modalidades de consumo. Así e todo, o que si nos parece fundamental diante desta concepción da relixión é clarexar que o que se está a discutir cando se fala de “buscar senso para as nosas vidas” non só é dunha “moda”  que “nos faga saír momentanemamente de nós mesmos”, o que se está a postular novamente resulta ser unha cuestión fundamental non só na historia senón no presente: a lexitimación da política pola relixión.

800px-1831Hummel_Granitschale_im_Lustgarten_anagoria

Despois desa opera magna de Hans Blumenberg titulada A lexitimación da Idade Moderna, pensamos que queda ben argumentada que a diferenza esencial entre a Idade Moderna e o Antigo Réxime é que a primeira prescindiu da necesidade da relixión como lexitimadora da organización do mundo, ou da pólis. Na Idade Moderna, a política está lexitimada polos cidadáns e as cidadás, sen necesidade dunha autoridade transcendente allea a eles que a sancione validamente; na modernidade, a noción de representación vincula a lexitimidade coa decisión da cidadanía.

Por ese motivo, parécenos pertinente lembrar aquí un dos títulos publicados por Euseino? Editores, A música das esferas, de Carlos Lema, no que se dedican o capítulo titulado “O culto do Ser Supremo” e a addenda “Orde do mundo, secularización e progreso” a analizar o proceso da lexitimación moderna e a contrapoñer criticamente diferentes interpretacións, entre elas as de Blumenberg, Arendt, Agamben, Koselleck e Löwith.

Sobre ese mesmo asunto da divindade e da súa relación co mundo, achegamos a seguir un artigo no que o autor do devandito libro, partindo dun ensaio de Anna Longo que se publicará no número de setembro de Anotacións sobre literatura e filosofía, expón de xeito sintético a necesidade de superar a idea de ateísmo, precisamente por estar vencellada en exceso á existencia da relixión, isto é, porque é preciso postular unha concepción da divindade allea á relixión, que non teña función lexitimadora e que sexa compatible coa razón: a de que Deus xa non é o garante dunha orde necesaria que forma parte dun totalizable posible senón que constitúe un dos feitos absolutamente continxentes, entre outros. Pois todo se pode producir sen unha razón primeira, incluso un Deus.

 

A INEXISTENCIA DIVINA, OU A SONATA MODERNA

por Carlos Lema

 

Estou a traducir un ensaio da filósofa Anna Longo titulado “Deus fóra dos límites da crítica kantiana”. Nel faise unha interpretación da tese de doutoramento escrita por Quentin Meillassoux sobre “A inexistencia divina”. É da inexistencia divina propiamente dita, non só do ensaio de Longo e da tese de Meillassoux, do que se vai tratar neste artigo.


O realismo da Paixón

Para podelo facer, cómpre partir do que Hans Blumenberg chamou “realismo da Paixón”; realismo que, na interpretación deste autor, resulta ser o sinal do mesmísimo comezo da modernidade: o ser humano como fracaso de Deus. O fracaso da creación consiste na aparición da humanidade, da finitude, en suma.

Ese fracaso acontece porque o todopoderoso non é quen de “cumprir a intención digna de Deus… non se esnaquiza contra o mundo desque o crea senón que soamente se esnaquiza nel: ese é o tema da Paixón. Sexa quen sexa ese personaxe sufrinte e morrente, o ‘Fillo do home’ e o ‘servidor de Deus’… ninguén sabe exactamente o que significa cada un deses atributos: nel, Deus é abandonado por si mesmo.” (La Passion selon saint Matthieu, p. 19)

Pódense atopar doadamente razóns para ese abandono en que, segundo o relato bíblico, Deus permitiu que a morte se introducise no mundo ou, na interpretación que dá Paulo, como consecuencia do pecado. En realidade, o Creador esixía da súa “imaxe e semellanza” que esta renunciase a ser como era el mesmo. Sexa como for, desde ese momento, tentación e limitación están forzosamente vencelladas. Lutero tiña razón cando, na décimo sétima das súas teses, a titulada “Contra a teoloxía escolástica” (1517), afirma: en virtude da súa natureza, o home non pode querer que Deus sexa Deus (Non potest homo naturaliter velle deum esse deum); polo contrario, el deséxase a si mesmo como Deus e como Deus do Non-Deus (Immo vellet se esse deum et deum non esse deum). Non se trata de ateísmo senón do desexo de ocupar a posición do Deus único. Desde ese momento, a rivalidade só pode ser absoluta.

En consecuencia, non ten por que asombrarnos que a cuestión do suxeito —e con ela entra en xogo o correlacionismo, ou acceso ao mundo a través do suxeito— estea presente no “realismo da Paixón”, pois do fracaso de Deus todopoderoso xorde a posibilidade, como potencia, do Deus do mundo. O destino do creado xa non vai ser a Salvación senón o mundo mesmo: “a eiva amarga da morte”, e traduzo libremente a Blumenberg.

Esa amargura do Ser Humano, provocada pola inexistencia divina, pódese representar de xeito perfecto se a trasladamos aos tres movementos da forma sonataa única forma artística, xunto coa novela, propia da Idade Moderna, xa que nela se representa o que Hegel denominou Aufhebung (que aquí poderiamos emparentar coa modulación musical), ou variación sen modificación da substancia:

1) Exposición do tema: o cristianismo como Salvación individual, de cada consciencia en solitario. O “realismo da Paixón” é o que a fai posible; xa non é Deus todopoderoso quen salva, é Cristo, é un ser humano.

2) Variación e desenvolvemento do tema: a Revolución de 1789 crea unha relixión universal, os Dereitos do Home como Ser Supremo, relixión que ocupa a posición do cristianismo tras o fracaso da Salvación anunciada por este último.

“Despois da extinción das espectativas escatolóxicas, a culpabilidade persoal convertérase no drama da vida individual, outra volta entregada á multiplicidade dos seus aspectos, por oposición á simplicidade do devandito pecado orixinal.” (ibid., 54)

3) Reexposición do tema e final: tras o fracaso da relixión humanista, Mallarmé intenta outra vez salvar o suxeito a través do Libro, do Poema, da Literatura como relixión absoluta porque dependería da salvación polo azar absoluto dunha arte codificada numericamente. (Sintentizo a conclusión do libro de Meillassoux sobre Un coup de dés: o caos é a única posibilidade de orde, i. e., de salvación, xa que a necesidade da continxencia das leis é, en definitiva, a única posibilidade de absoluto, a salvación do mundo está na mesma continxencia como lei única do universo.)

Seguindo esta interpretación, o rito devén poesía, ou carisma, xa que a poesía é carismática en tanto é a expresión do suxeito (o paradigma: Hölderlin) e, ao cabo, esta dá en narración; na novela-xénero, a cultura é unha variación sobre o suxeito como alicerce do pacto social moderno, como legalidade das formas a priori de representación kantianas, dos conceptos. De aí que a novela sexa a única forma literaria que logra anular a distinción falsa entre cultura humanista, ou “alta cultura”, e “cultura de masas”, ou produto da industria cultural. Pola contra, a poesía acabará por ser a continxencia que se xustifica como algo revelado. Para non fracasar, o poema —hoxe— debería carecer de expresión (non ter relación co suxeito nin coa comunidade), ou debería ser expresión dunha linguaxe azarosa, i. e., asignificativa coma a combinatoria numérica da música.

Logo o realismo da Paixón remata nese “encaixe de liques” (collo prestada esta frase dun poema inédito de Chus Pato) que é a sonata moderna: a representación do Eu é a divindade salvadora fronte a ese final eterno e repetido da morte. Velaí a consecuencia da expulsión do Paraíso.


Un Deus continxente
 

Así e todo, as consideracións que fai Anna Longo sobre a inexistencia divina postulada por Meillassoux vannos levar á asunción do innecesario da salvación.

Segundo Anna Longo, Meillassoux explícanos que, no sistema kantiano, precisamente para dar conta da representación dun mundo racionalmente determinable, a razón acaba por levar á produción da idea de Deus, incluso na imposibilidade de probar a súa existencia. Deus sería “o ser de todos os seres, a totalidade das condicións para pensar os obxectos en xeral en tanto que estes me poden ser dados; a unidade sintética absoluta de todas as condicións de posibilidade das cousas en xeral” (Kant, tomo II, 48). O Ser Supremo é daquela a totalidade do posible que é a condición da experiencia posible, quere dicir, do feito de que se lle dea un contido á determinación formal das categorías.

Esa idea de Deus corresponde á da totalidade do substrato da determinación universal, isto é, ao fundamento concreto de todas as determinacións posibles, en relación co cal cada cousa é limitada en positivo polos atributos que posúe e en negativo polos que non posúe (vid. Kant, II, 273). Dito doutra maneira, a razón acabaría por levar a supoñer, como condición de posibilidade da determinación a priori, un ser que “contén dalgún xeito a provisión enteira da materia da que se poden coller todos os predicados das cousas, que por conseguinte só é a idea dunha totalidade real (omniudo realitatis)” (ibid., 275).

Mais, se admitimos, tal como demostra a argumentación de Meillassoux, a verdade racional da continxencia de toda cousa, a razón xa non ten necesidade da idea de Deus nin como principio de razón que converte as leis en necesarias nin como suma total do posible e condición da representación. Aínda máis, se soamente pode existir o que non é contraditorio, i. e., todo aquilo que non é necesario e, polo tanto, só pode existir o que é continxente, entón o ser necesario non pode existir porque, sendo contraditorio, abrangue todos os predicados de todas as cousas. Como moito, o que pode existir sen necesidade é un Deus continxente e inmanente.

Velaí o paso do posible, como fundamento dese mundo ordenado polas leis necesarias, ao virtual, como caos que permite a actualización dunha infinidade de mundos cuxas leis son absolutamente continxentes e que obriga a unha transformación da idea de Deus. Deus xa non é o garante dunha orde necesaria que forma parte dun totalizable posible senón que constitúe un dos feitos absolutamente continxentes, entre outros, que poden xurdir do virtual en tanto que conxunto non totalizable. Todo se pode producir sen unha razón primeira, incluso un Deus.

Dese xeito, xa non é unha fe irracional a que pode soster a crenza nun absoluto certo senón que é o coñecemento racional da continxencia absoluta de toda cousa o que lexitima a esperanza na aparición dun mundo gobernado por un Deus que cumpra a xustiza para os vivos e para os mortos. Tal é o senso propio da expresión “inexistencia divina” como a interpreta Anna Longo en “Deus fóra dos límites da crítica kantiana”.

 

Bibliografía

Hans Blumenberg, La Passion selon saint Matthieu, París: L’Arche, 1996.

Emmanuel Kant, Critique de la raison pure (1781/1787), París: Librairie philosophique de Ladrange, 1846.

Anna Longo, «Dieu hors des limites de la critique kantienne», ThéoRèmes  [En liña], 6, 2014, publicado o 19 juin 2014, consultado o 28 xullo de 2014. URL : http://theoremes.revues.org/618 ; DOI : 10.4000/theoremes.618. A tradución galega hase publicar en setembro en Anotacións sobre literatura e filosofía [En liña], nº 10, 2015 [ISSN 2340-8537], Euseino? Editores, URL: https://euseinoeditores.wordpress.com/anotacions-sobre-literatura-e-filosofia/

Quentin Meillassoux, L’inexistence divine, tese de doutoramento baixo a dirección de Bernard Bourgeois, Universidade de Paris 1, 1996. Microficha establecida e reproducida polo Atelier national de reproduction des thèses, Universidade de Lille III.

Quentin Meillassoux, Le Nombre et la sirène. Un déchiffrage du Coup de dés de Mallarmé, París: Librairie Arthème Fayard, 2011. [Un ensaio extenso de Meillassoux sobre o mesmo tema, titulado “Un Coup de dés, ou a divinización materialista da hipótese”, publicarase proximamente na colección Rúa do Sol, de Euseino? Editores.]

Quentin Meillassoux, Tempo sen devir (seguido de “Continxencia e liberdade, unha comparación entre materialismo especulativo e ciencia experimental”, por Anna Longo), traducidos do inglés e do italiano por Carlos Lema; Vigo: Euseino? Editores, 2014.

“Plastic Bodies”

Os nosos colegas de Open Humanities Press acaban de publicar un dos libros máis interesantes do que vai de ano; referímonos a Plastic Bodies: Rebuilding Sensation After Phenomenology, de Tom Sparrow, que ve a luz na colección New Metaphysics, dirixida por Graham Harman e Bruno Latour.

Tom Sparrow, profesor de filosofía na Universidade de Slippery Rock, en Pennsylvania, xa dera ao prelo, en xuño do ano pasado, outro libro sobranceiro: The End of Phenomenology: Metaphysics and the New Realism (Edinburgh University Press).

Mais é en Plastic Bodies no que o pensamento filsófico de Sparrow acada maior autonomía respecto dos seus mestres, desta volta os filósofos Emmanuel Levinas e Maurice Merleau-Ponty. Logo da interpretación crítica da fenomenoloxía que Sparrow realizou no libro citado máis arriba, pode agora enfrontarse co que el chama “reconstruír a sensación” prescindindo do espectro do “antirrealismo antropocéntrico” para se situar na nova concepción do realismo da que xa vimos falando neste blogue desde hai certo tempo (vid. “O xiro especulativo“).

RobertFuddBewusstsein17Jh

¿Por que cómpre cualificar os corpos como “plásticos” e por que cómpre concibilos así? Sparrow mesmo é quen contesta a pregunta:

“O termo ten un significado popular asociado á estética, tanto se falamos de ‘cirurxía plástica’ coma de ‘artes plásticas’. Mais  a miña interpretación non está relacionada con ningún deses dous sensos. Cando falo de plasticidade, o que intento é relacionar o seu significado co que agora normalmente ten no discurso da neurociencia contemporánea, quer como teoría cognitiva quer como teoría evolutiva […]” (178)

Para elaborar esta nova concepción da plasticidade, Sparrow comeza baseándose na obra de William James, quen a define dun xeito amplo como “a posesión dunha estrutura suficientemente feble para ceder ante unha influencia mais o bastante forte como para non ceder ante calquera cousa. Cada fase de equilibrio, relativamente estable na súa estrutura, vén sinalada polo que se pode chamar un conxunto novo de hábitos”, de aí que a plasticidade, segundo James, non soamente forneza un significado útil para pensar as dinámicas do cerebro e do corpo senón que tamén ofrece unha posibilidade para pensar a integridade dinámica estrutural da encarnación do suxeito [embodied subject].

Neste contexto que acabamos de expoñer, a fenomenoloxía é lóxico que sexa a referencia inicial do proxecto filosófico de Tom Sparrow mais non o seu punto de chegada. É así porque o autor de Plastic Bodies entende que a sensación está fóra do alcance da investigación fenomenolóxica propiamente dita. En si mesma, a sensación non está presente fenomenicamente como un obxecto da consciencia, ou como o que Husserl denomina un obxecto intencional; segundo Sparrow, a sensación é algo que acontece nun nivel inferior ao fenoménico, é dicir, que como moito se pode tratar dun dato mediado pola consciencia.

“Daquela, ¿como se pode falar desa sensación non fenoménica? A miña teima é que a experimentamos dun xeito primario a través dos seus efectos e que despois a podemos pensar a partir deses efectos. A percepción, a paixón, a cognición, a consciencia, a identidade e a liberdade son algúns deses efectos. Realmente, accédese a eles fenomenicamente mais sempre como produtos da sensación.” (21)

Iso non quere dicir que Sparrow sitúe xerarquicamente a sensación como causa primeira, senón que segundo el a sensación é condición necesaria; a sensación é un obxecto apropiado para a análise empírica. Polo tanto, no seu libro non intenta elaborar unha fenomenoloxía da sensación, como tampouco o intentaron Merleau-Ponty nin Levinas. O que pretende facer Sparrow é partir das observacións especulativas destes dous filósofos sobre a sensación para desenvolvelas nunha novidosa teoría da encarnación (embodiment), unha teoría máis especulativa ca fenomenolóxica. A esa teoría denomínaa estética especulativa e, para comezar o traballo nesa dirección teorética, fornece en Plastic Bodies unha lectura construtiva da fenomenoloxía do corpo, aínda que o faga, como el mesmo salienta, “ao servizo dunha metafísica non fenomenolóxica”:

“Á sensación podémonos achegar desde dúas perspectivas, a fenomenolóxica e a especulativa. Iso exponse cun argumento duplo e sinxelo: a sensación é o material básico da subxectividade; igual ca a sensación é responsable, dunha maneira nada trivial, da capacidade do suxeito para existir. Ao longo de todo o texto está en cuestión a función e a constitución da dimensión estética da encarnación (embodiment), especificamente a realidade autónoma da sensación (aisthesis) e a materialidade do estético.” (22; cursiva no orixinal)

Desde outro tipo de achegamento, sobre esta autonomía da aisthesis respecto do kósmos noetós ou realidade pensada e representada polo suxeito, os lectores curiosos poden consultar tamén a parte final (“Cabo”) de A música das esferas, de Carlos Lema, un dos títulos do noso catálogo.

De por parte, se Levinas e Merleau-Ponty forman o pano de fondo do libro de Tom Sparrow é precisamente porque inician unha renovación no concepto de sensación, renovación que, así e todo, nin é obra da fenomenoloxía nin puido ser realizada por esta. De feito, Sparrow prescinde do que, para moitos discípulos de Levinas é a esencia da súa filosofía, é dicir, o seu programa ético, e pon maior énfase, pola contra, na súa contribución á metafísica da encarnación (embodiment), que normalmente queda na sombra na literatura sobre o autor de Totalité et infini. No canto de considerar isto unha creba do método, interprétao como un indicio do que xorde a filosofía do corpo.

“Asumir con Merleau-Ponty que nós simplemente somos os nosos corpos, céibanos de postular unha cerna de subxectividade autoidentificada que debe permanecer intocable en todos e cada un dos vínculos intercorpóreos, sexan sociais, físicos ou culturais. A plasticidade axúdanos a abordar moitas das cuestións que xorden cando identificamos o suxeito co corpo. Ao cabo, a plasticidade do corpo dános unha versión totalmente inmanente da subxectividade levándonos a garantir ao corpo unha fluidez indeterminada que fai difícil explicar como emerxe a súa estabilidade e como pode ser mantida” (179).

A través desa perspectiva nova, que non é antifenomenolóxica senón que retén desta a súa parte esencial de verdade, incluso cando se acaba por demostrar que esa parte non é de natureza fenomenolóxica, podémonos achegar ao que é, segundo Tom Sparrow, a verdade da plasticidade.

“Entre a filosofía e o mundo” – Xosé M. Eyré entrevista a Carlos Lema

O escritor e crítico literario Xosé M. Eyré, quen desde o seu blogue Ferradura en tránsito mantén unha continua e insubornable reflexión sobre a literatura e a cultura, reflexión na que o pensamento vai indisolublemente unido á crítica política e á independencia de opinión, publica nesa mesma tribuna unha entrevista con Carlos Lema, tomando como punto de partida o seu libro A música das esferas, publicado por Euseino? Editores.

Eyré introduce a conversa con estas palabras:

Editor, poeta, ensaísta, […] [Carlos Lema] recentemente publicou “A música das esferas. Xenealoxía da orde no mundo”, do que xa nos temos ocupado nesta “Ferradura” e do que tamén fixemos crítica en “Galicia Confidencial”. Con el mativemos unha demorada conversa […] onde, ademais da súa última publicación, nos ocuparon outros temas cos que quixemos vincular a filosofía e a máis inmediata realidade que vivimos.

A entrevista íntegra pódese ler na ligazón:

Entrevista a Carlos Lema: “Entre a filosofia e o mundo”