Jacob Rogers traduce ¨Ninguén queda”

A obra de Brais Lamela, publicada en inglés por Bullaun Press

Presentouse cun coloquio arredor de “Ninguén queda” / “What Remains”

Ás 20 horas do día 16 de outubro, xoves, na sede da Fundación Euseino? en Vigo celebrouse un coloquio con Jacob Rogers, tradutor de Ninguén queda para o inglés, e con Brais Lamela, que interviu por videoconferencia desde os EUA. Presentou o acto, Yaiza López Vilas, coord. de Euseino? Social.

O motivo deste encontro é a publicación da tradución inglesa, titulada What Remains (Bullaun Press), da obra que en 2022 publicou Euseino? Editores na súa colección Rúa do Lagarto e que acadou, entre outras distincións, o Premio da Crítica e unha recepción moi favorable das persoas lectoras.

Con este acto tamén quixemos agradecer o extraordinario labor de Jacob Rogers como tradutor e defensor da literatura galega no ámbito anglosaxón, ao tempo que se reflexionou sobre o papel das traducións e, singularmente, das relacións entre literaturas. Coa axuda do tradutor e de Brais Lamela, que tamén coñece moi ben o ámbito da literatura anglosaxoa, achegámonos a algúns pormenores da tradución inglesa, como por exemplo a escolla do título, para intentar albiscar o que na tradución queda da obra orixinal ou, mellor aínda, de que xeito unha lingua allea a unha obra literaria a pode reflectir para dirixila así ás persoas que len noutro idioma.

Se a obra literaria existe na súa literalidade, de aí a función histórica da filoloxía na restitución e recuperación dos textos fieis á edición orixinal, ¿que queda dela cando a lemos noutro idioma, cando é “outra opinión” (alodoxia) a que a transforma?

Solicitar exemplares da tradución para o inglés na ligazón:
What Remains

Nova canle videográfica de Euseino? Social

Iníciase cun vídeoensaio sobre “Eu son o monte”, de Sara Guerrero

Logo de varios meses de traballo, inauguramos a Canle Videográfica de Euseino? Social en YouTube como resultado da participación da Fundación Euseino? no programa de Google para Organizacións Non Lucrativas.

Iniciamos esta nova xeira para continuar coa difusión das tres liñas nas que Euseino? desenvolve o seu labor como organización non lucrativa independente: as actividades organizadas por Euseino? Social, os fondos de documentación autorial do Arquivo Euseino? e as publicacións de Euseino? Editores.

Facémolo cun vídeo arredor dun dos títulos publicados recentemente, Eu son o monte, de Sara Guerrero. Presentado e realizado por Andrew F. Pardo como parte do Programa para Persoas Voluntarias, este vídeoensaio recrea, mediante a combinación da imaxe e a palabra, as suxestións que un libro ao tempo fami­liar e inhóspito provoca.

Non se pretende substituír a lectura, a finalidade é incitar a ler a obra mediante a alternancia de fotogramas, lectura oral de pasaxes narrativas e unha conversa coa autora que permite acceder ás diversas camadas da literalidade do libro para botar unha nova luz sobre as zonas opacas e pouco observadas do mundo rural galego.

O impulso suxestivo, inmediato e simultaneamente reflexivo da literatura, reconcíliase co dinamismo das imaxes, co ton e a forma de articular as palabras de Sara Guerrero mentres le fragmentos da súa obra. Do mesmo xeito que na obra narrativa a vitalidade natural e os seres humanos se igualan entre si e co mundo ambiente, neste vídeo as imaxes parecen escribirse como nun palimpsesto, entre as liñas do libro.

A canle videográfica de Euseino? Social inclúe tamén outros tres vídeos nos que se sintetiza o coloquio que co tradutor norteamericano Jacob Rogers mantivo a escritora Berta Dávila en marzo de 2023; a presentación do poemario Intimidación, do colectivo Maiakovski, en setembro de 2022, no que participaron Inma Otero Varela, Fran Alonso, Xerardo Quintiá e Mariña Pérez Rei. Ademais do diálogo entre Arantza Portabales e Berta Dávila realizado dentro da serie “Duelistas” en outubro de 2021, diálogo co que se iniciaron as actividades de Euseino? Social.

A canle vai continuar publicando novos vídeos grazas á colaboración das persoas voluntarias da Fundación Euseino? e ás persoas que participan nas actividades.