Kant e as formas de representación

No 14 de xullo, en conmemoración do inicio da Idade Moderna

Un día do ano 1789, o filósofo Immanuel Kant non sae á rúa a pasear como facía decote. Xa son máis das cinco e media da tarde, o rumor de que algo fóra do común acontece é imparable. E como na veciñanza, na cidade de Könisberg, o teñen por sabio e os sabios son persoas de saúde fráxil, toda a xente marcha á súa casa para ver o que pasa.

Kant atópase superado polo entusiasmo, por iso non saíu a andar. Recibira os xornais de París que dan conta da toma da Bastilla. Entende nese acto político a cifra do progreso humano cara ao seu destino moral. Podía morrer tranquilo, “contemplei a gloria do mundo” di ao outro día aos seus alumnos.

“Immanuel Kant”, matriz realizada por Český Krumlov, 2012. Cortesía de Wikimedia Commons.

Con ocasión do 14 de xullo, nós —tamén veciños de Kant na cidadanía e na filosofía— queremos conmemorar a Revolución Francesa, un tema tratado reiteradamente polo filósofo de Königsberg. Na década de 1780 e nas seguintes, Kant desenvolvera a súa filosofía crítica a partir da Kritik der reinen Vernunft (“Crítica da razón pura”, 1781), da súa filosofía moral en Grundlegung zur Metaphysik der Sitten (“Fundamentación da metafísica dos costumes”, 1784) e da Kritik der praktischen Vernunft (“Crítica da razón práctica”, 1786). A súa filosofía política, aínda que iniciada en 1784 co seu ensaio Beantwortung der Frage : Was ist Aufklärung? (Resposta á cuestión: “¿Que é a Ilustración?”), e con outro sobre unha Entwurf zu einer allgemeinen Geschichte in weltbürgerlicher Absicht (“Idea para unha historia universal desde un punto de vista cosmopolita”), desenvólvese a partir de dous feitos políticos transcendentes: a Independencia e a Constitución Dos Estados Unidos de América e a Revolución Francesa. Sobre a mesma cuestión escribiu: Über den Gemeinspruch: Das mag in der Theorie richtig sein, taugt aber nicht für die Praxis (“Sobre a frase feita: isto pode ser certo en teoría mais non ten xeito na práctica”, 1792), Zum ewigen Frieden (“Cara a paz perpetua”, 1795), Der Streit der Facultäten (“O conflito das facultades”, 1798) e Die Metaphysik der Sitten (“A metafísica dos costumes”, 1797), que representan o pensamento maduro do gran filósofo.


A noción kantiana de representación a priori resulta fundamental para comprender a Ilustración e todas as súas consecuencias, en conclusión, para a propia Idade Moderna na que vivimos. Segundo Immanuel Kant, unha representación a priori é aquela que “é dada antes da análise que un poida facer dela” [Troisième Section, § 10, Des concepts purs de l’entendement ou des catégories, p. 135].

Para que iso aconteza, a representación ha de formar parte do entendemento xeral, dispositivo epistémico que o autor da Crítica da razón pura alicerza no concepto. O característico é que ningunha representación se relacione inmeditamente co obxecto precisamente porque “un concepto endexamais se relaciona inmediatamente cun obxecto senón con algunha outra representación dese obxecto (quer sexa unha intuición quer incluso outro concepto)” [Première Section, De l’usage logique de l’entendement en général, p. 127]; trátase, pois, da representación da representación dese obxecto, o que dá orixe a un coñecemento mediato do obxecto. Ese coñecemento mediado é o que permite e favorece a representación, de aí que, por exemplo, o cogito cartesiano non relacione o suxeito de maneira inmediata coa res senón que o faga mediante a res extensa, ou representación do real como claro e distinto, como cuantificable ou medible.

Máis concretamente, os conceptos supoñen funcións, sendo esta “a unidade do acto que consiste en reunir representacións diversas baixo unha representación común”. Na noción de función reside claramente a posibilidade ou uso político da representación, xa que a función do concepto é a que configura o entendemento —o consensus—, polo menos o entendemento humano, como “un coñecemento por conceptos, un coñecemento non intuitivo senón discursivo”, ou, como afirma Jeremy Bentham, “un deses obxectos cuxa existencia se supón para fins do discurso”, é dicir, “unha ficción tan necesaria que sen ela o discurso humano non se podería levar a cabo”.

Concepto, función e representación serían daquela as chaves do uso político do entendemento xeral como acordo, discurso ou episteme dunha modernidade na que a pólis xa non se articula directamente sobre o cidadán e a cidadá, coma na Grecia arcaica, senón a partir das súas decisións verbo da representación. E é ben sabido que toda decisión precisa dunha renuncia (vid. Quizais, de Delmiro Rocha), a da inmediatez polo mediato, polo mediado ou pola mediación.

“Kant nas rúas de Könisberg”, por Heinrich Wolff (1922)

Toda a teoría das representacións a priori de Kant confirma esta idea de que a episteme moderna está xustificada polo seu uso político a través da virtualidade social do representativo, do que é posible arranxar nun pacto discursivo baseado no consensus.

A diversidade das representacións se cadra dada nunha intuición que é puramente sensible, é dicir, que só é unha receptividade pura mentres que a forma desa intuición reside a priori na nosa facultade de representación, sen ser así e todo máis ca un modo de afección do suxeito. [Deuxième Section (a), § 15, “De la possibilité d’une synthèse en général”, p. 158.]

O dispositivo kantiano articúlase precisamente na ligazón (conjunctio) da diversidade como concepto, como senso identificado —politicamente— polo entendemento xeral. E o dispositivo kantiano é o dispositivo tardomoderno que Quentin Meillassoux denomina hogano correlacionismo. Mais limitémonos agora a Kant, que o describe así:

Se aínda designo a unidade desta representación baixo o nome de unidade transcendental da consciencia é para indicar a posibilidade do coñecemento a priori que dela deriva. En efecto, as diversas representacións, dadas nunha certa intuición, non serían todas xuntas as miñas representacións, se todas xuntas non pertencesen a unha consciencia. En tanto que son as miñas representacións (aínda que eu non teña consciencia diso como tal), son, daquela, necesariamente conformes á condición que soamente lles permite reunirse nunha consciencia xeral, posto que doutro xeito non serían para min. Desta ligazón orixinaria derivan varias consecuencias. [§ 16, “Da unidade orixinariamente sintética da apercepción”, p. 161]


Tamén sobre Kant en euseino.org:

“Kant e Louise Glück: un aniversario compartido”.

“A táboa do nada”.


Bibliografía

Critique de la raison pure [2ª ed.], tomo 1, traducido do alemán por Jules Barni, París: Germer-Baillière Librairie-Éditeur, 1869.


Kant e Glück: un aniversario compartido

Segundo conta Louise Glück no seu poema “Afterword” (“Epílogo“), ela e Immanuel Kant comparten data de nacemento: 22 de abril. A poeta norteamericana en 1943, o filósofo en 1724.

“¿Era eu aquela persoa? Unha cativa mais tamén
unha exploradora para quen a senda está de repente clara, para quen
a vexetación se separa…
E, máis alá, xa non afastada da vista, aquela exaltada
soidade que Kant se cadra experimentou
no seu camiño cara ás pontes…
(Compartimos o aniversario.)”

Ese é o motivo de que propoñamos hoxe a lectura dunha pasaxe da obra de Kant e de tres poemas de Glück.

“Flor sobre rosa”, fotografía de Marta G. de Lema

No primeiro caso, trátase da descrición da denominada “táboa do nada”, que está colocada nun lugar estratéxico do edificio da Crítica da razón pura, no punto de paso da Analítica á Dialéctica transcendental. Dunha rara densidade conceptual, a “táboa do nada” constitúe un dos sitios nos que a “revolución copernicana” de Kant atopa a súa expresión máis forte e rigorosa.

No segundo, referímonos aos poemas “Rainy Morning” (“Mañá de chuvia”), do libro Meadowlands (1996), “Nest” (“Niño”), de Vita Nova (1999), e o anteriormente citado “Afterword” (“Epílogo“), publicado no poemario Faithful and Virtuous Night (2014).

Ademais da relación establecida pola data de nacemento, a reflexión poética semella achegarse indefectiblemente á obra do filósofo cando se pregunta sobre a xénese do transcendental en versos coma:

“O paxaro xunta carabullos na maciñeira, relaciona
cada un deles co todo existente.
Mais, ¿desde cando estaba alí ese todo?”
[“Niño”]

“aludo a esta cuestión
ao teorizar sobre se é posible
amar o que se rexeita
coñecer: rexeitar

falar de algo non é
impedir decatarse dese algo.”
[“Mañá de chuvia”]

E coma estoutros, nos que se contrapón a idea platónica de Forma ao ton dramatizador da literatura:

“¿Por que me detiven? ¿Algún instinto
discerniu unha forma, a artista que hai en min
interviu para parar o tráfico, como así foi?

Unha forma. Ou fado, como dirían os poetas,
intuída alí hai poucas horas…”
[“Epílogo“]

Así e todo, cómpre clarexar aquí que a Forma non ten por que ser algo transcendente, tal como parece suxerir a poeta seguindo intuitivamente a Kant, senón unha elaboración continxente da propia materia, ou do Caos que fai posible todo e, polo tanto, tamén a Forma. Esta última non se refire a algo humano como lugar onde reside a trascendencia senón que é o produto do esforzo en persistir, é a irredutibilidade de cada cousa en tanto que cousa, isto é, ser. De aí que definamos a materia como aquilo polo que algo existe e non nada.

“O que eu vía era o caos.
O meu pincel quedou paralizado… Non podía pintar.”
[“Epílogo“]

A obra poética de Glück tamén nos dá esta perfecta descrición da correlación mundo-pensamento, situando o suxeito no lugar central da arte moderna:

“Alguén di unha palabra: Eu.
Desa corrente saen
as grandes formas…”

E a confesión final sobre a importancia da kantiana ”táboa do nada”:

“por iso estaba constantemente
cara a cara co baleiro, aquel
fillastro do sublime

que, cadrou así,
foi simultaneamente o meu suxeito e o meu medio.”
[“Epílogo“]

Asistimos así á compartición dun mundo construído pola potencia representativa dunha poeta baixo os auspicios do filósofo que estableceu as bases da Idade Moderna. Dese xeito, podemos comprobar como a autorrepresentación literaria leva a cabo unha eficaz reificación, amosando a igualdade ontolóxica entre suxeito e cousa. Avánzase así a posibilidade que esa igualdade fornece, a dun mundo que, alleo ao construtivismo e ao relativismo consecuente, non dependa das veleidades do suxeito para acceder ao senso.

Velaquí a ligazón para ler a pasaxe de Kant: “A táboa do nada”.
Pódese acceder aos poemas na ligazón: “Tres poemas de Louise Glück”.