“Unha das maneiras de ser libres é a creación artística, a poesía.”

Entrevista con Chus Pato en “Sermos Galiza”

No suplemento cultural de Nós Diario, publícase este sábado, día 9 de xaneiro, unha conversa de Manuel Xestoso, crítico literario e poeta, con Chus Pato. A entrevista xira arredor da publicación da Edición do Vixésimo Aniversario de m-Talá e da edición da Obra completa da autora de Charenton. Coincidindo con esta entrevista, o xornal tamén inclúe unha recensión do poemario escrita por Inma Otero Varela.

Da interesante entrevista, salientamos a concepción da poesía no marco da arte moderna e a súa relación coa liberdade:

“creo que m-Talá é un libro moi liberador, como toda a poesía. Os sapiens temos moitas maneiras de ser libres e unha delas é a creación artística e, en concreto, a poesía. O poema, aínda que fale dos temas máis sombríos, sempre permite esa liberación.”

Sobre esa importancia do poema volve Chus Pato ao afirmar que

“O poema trata de atravesar a linguaxe instrumental para chegar a unha palabra común, unha palabra para todos e que atope a liña do sentido. Non se trata de ‘entender’ o poema, senón de que é o que fai o poema coa lingua: se non a toca, non hai poema.”

Cuestión que amplía ao responder a unha pregunta de Manuel Xestoso sobre “a lingua como produción material” e “a súa [de Chus Pato] negación da oposición entre natureza e cultura”:

“Teño escrito que a natureza sapiens é a linguaxe. Non entendo o ser humano máis alá de ser un mamífero. Non contemplo esa separación da natureza: a natureza son eu, o meu corpo. A cultura é unha tecnoloxía da natureza. A partir de Hordas de escritura [2008] este tema aparece moi frecuentemente na miña obra.”

A poeta e padroeira da Fundación Euseino? tamén fala do papel desta institución independente no panorama cultural galego:

“Euseino? non é só unha editorial, senón un proxecto de intervención cultural creo que da máxima importancia para a cultura galega.”

Pola súa banda, Inma Otero, na súa recensión “Milfollas para vinte anos”, salienta as características da Edición do Vixésimo Aniversario de m-Talá:

“o estimulante que resulta a lectura con perspectiva das variantes, das características formais das diferentes edicións do poemario e dos estudos críticos que dan conta do impacto que obtivo o libro cando apareceu no ano 2000”.

O artigo continúa cunha interpretación do poemario de Chus Pato desde unha suxerente poética da crueldade, onde a crueldade sería unha metáfora da materia e, en última instancia, do Caos que esta implica e das posibilidades que, contra unha determinación transcendente, o Caos (na filosofía de Quentin Meillassoux, por exemplo) abre á xustiza:

“Tense dito que a súa obra é críptica, seguramente pola exuberancia. É rica en referencias culturais e en intensidade. E a dificultade está en conseguir que o intelectual non obstrúa a rabia, o sanguíneo, o sádico. Prodúcese unha evisceración lacerante, tamén do cerebro, que se ofrece crúa no poema.”

Relación entre materia e poema que entendemos asenta este último como cousa. De tal xeito que a produción, a poiese, non quedaría determinada pola súa orixe autorial centrada no suxeito:

“Non é un tránsito lingüístico. O poema aséntase e desde os seus alicerces mestizos só pode ser contemporáneo. […] Porque a posición do suxeito poscatastrófico xa non é central. Tampouco a do suxeito que se agoche detrás de enunciación (de aí a multifrenia) […]”

Unha lectura ben suxerente que propón unha recepción de m-Talá desde fóra dos círculos da cultura referencial e humanista do modernismo.

 

“m-Talá” segundo a crítica literaria

Nestes primeiros días de decembro, publicáronse as primeiras recensións da nova edición de m-Talá, de Chus Pato, ademais de darse a coñecer a Tabela dos Libros coas recomendacións dos críticos literarios.

As dúas recensións publicadas son as de Armando Requeixo no suplemento dominical do Diario de Ferrol e a de Xosé Manuel Eyré no blog Ferradura en Tránsito II. A importancia da crítica literaria, non soamente na difusión dunha obra senón na súa intelección é ben grande; ao estarmos nós a prol da interpretación, pois deixamos atrás os lamentos sobre a limitación da representación e a desconfianza respecto da linguaxe, consideramos que a crítica é esencial como literatura (como defensa da literalidade, das palabras e da orde na que se colocan) e como pensamento (as ideas a partir das cales se interpreta unha obra, as ideas a partir das cales se escribe unha obra).



Dous tipos de crítica que atopamos nestas recensións de Requeixo e de Eyré. O primeiro fai en “m-Talá Reloaded” unha descrición perfecta do libro como tal, como cousa con existencia propia. De que está feito e como está feito:

“Esta edición de m-Talá é unha versión implementada respecto da que se publicou hai agora catro lustros. […] un libro, en non pequena medida, novo.”

Despois de dedicar unhas palabras ben xenerosas a Carlos Lema, o editor literario deste m-Talá anovado, o crítico salienta a

“pulcritude na reprodución dos textos, o respecto á vontade estética e as apostas autoriais, os moitos materiais críticos fornecidos, […] a impecable capacidade organizativa e a concisa acuidade das páxinas prologais e dos textos aclaratorios converten esta edición nun paradigma de bo facer.”

Pola súa banda, as reflexións de Xosé Manuel Eyré verbo de m-Talá son un exemplo claro de pensamento literario. O crítico pensa conforme le “un dos poemarios claves na nosa historia poética”. O autor destes “breves apuntamentos sobre a obra poética de Chus Pato” considera necesario salientar “a nucleación temática dos textos […] mais aínda se para ela os resultados semellaron non ser óptimos, a incapacidade da palabra era a incapacidade de poesía/lírica para acadar os resultados que ela [a poeta] procuraba”.

“Deste xeito, m-Talá, hai que entendelo como unha tentativa por destruír a lírica tal como tradicionalmente se viña entendendo. O uso de recursos xenéricos alleos á poesía, tantos e tan variados, hai que entendelo nesa dirección. E tamén como estratexia, xa non para crear poesía senón para que quen le acceda á poesía […]”.

Para este crítico, “os poemas [de m-Talá], sobre todo os máis longos son auténticos labirintos balizados pola poeta para que quen le chegue á poesía”.

A estas dúas recensións, engádese unha achega doutro tipo fundamental de crítica literaria, a recomendación. O crítico transmite o seu entusiasmo por unha obra e anima á súa lectura. Velaí unha das funcións desa feliz iniciativa que é a Tabela dos Libros, na que os críticos literarios Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e Armando Requeixo seleccionan as súas novidades literarias predilectas. Na Tabela deste mes de decembro, a Edición do Vixésimo Aniversario de m-Talá ocupa o segundo posto, a carón de obras de Berta Dávila, Rexina Vega e Suso de Toro.

Pode ler as recensións completas se calca nas ligazóns:

“m-Talá Reloaded”

“breves apuntamentos sobre a obra poética de Chus Pato”

Tabela dos Libros