Anna Longo: sobre os realismos novos e as condicións do pensamento

Recentemente, Anna Longo publicaba na súa páxina de academia.edu o texto co que iniciou o debate no Coloquio “Realismos novos”, celebrado na École des Hautes Études en Sciences Sociales de París en decembro pasado. Neste blogue demos noticia da celebración dese coloquio (véxase nesta ligazón ) mais agora interésanos a reflexion de Anna Longo en concreto. A autora de “Continxencia e liberdade” é quen de expoñer, nun texto sintético e sumamente esclarecedor, un problema que é fundamental cando se trata de elaborar unha achega realista nova: estamos a falar da cuestión da xénese do transcendental, é dicir, das condicións do pensamento e do coñecemento.

“Se hai un realismo novo, a novidade non atingue, de feito, á redescuberta da existencia da realidade, cousa que nunca negou ninguén, senón á redefinición das súas propiedades a fin de xustificar a posibilidade de coñecer esa realidade.”

1431967710555a17de0c162

Así, o grao de realismo dos sistemas de pensamento non ten que ver cos límites que estes lle apoñen á capacidade do intelecto de acceder á realidade última, ao que é en si, senón coas condicións do pensamento e coa maneira na que esas condicións se producen. Esta cuestión xa caracterizaba o idealismo alemán, que a solucionou ao considerar o real como un proceso durante o cal se producen as condicións de comprensión do proceso mesmo. Así e todo, segundo o idealismo, ese proceso iniciábase a partir da maneira na que o suxeito se postulaba a si mesmo e, como consecuencia dese acto, postulaba o seu obxecto, é dicir, facendo do obxecto aquilo que está condicionado polo suxeito.

Mais é obvio que esta concepción non é compatible co coñecemento científico, para o cal é esencial que o obxecto se considere independente do suxeito. Polo tanto, a cuestión filosófica principal consiste en determinar como debe ser o real para permitir o coñecemento das súas producións, tendo en conta que preceden o pensamento e que, daquela, non se poden definir como aquilo que postula o suxeito. Segundo Anna Longo, é a relación con esta cuestión filósofica a que caracteriza os realismos novos. Dependendo da maneira en que se obteñen solucións á cuestión esencial das condicións do pensamento, pódense distinguir diferentes tipos de realismos novos:

1) A solución de Quentin Meillassoux consiste en demostrar que é a absoluta continxencia do real o que explica, por unha banda, a posibilidade de dar unha descrición matemática dos feitos, é dicir, unha descrición independente das calidades secundarias que só existen para un suxeito e, por outra banda, a continxencia explica tamén por que se poden considerar a natureza e o pensamento como completamente exteriores un con respecto do outro; de feito, se a natureza fose xa pensamento ou se o pensamento fose xa natureza, volveríase caer no idealismo, isto é, na concepción que considera que o obxecto é postulado polo suxeito.

“Por iso, para Meillassoux, as condicións do pensamento non residen no inorgánico, na legalidade da natureza, senón que son o resultado dunha actualización independente: o pensamento é un feito cuxa condición única é a posibilidade de que as leis da natureza cambien sen razón.”

2) Para intentar comprender como o pensamento e os obxectos están determinados polo real, Ray Brassier —outro dos filósofos do realismo especulativo— sostén que a razón non é un instrumento ao servizo dos intereses da vida, que a razón non atopa as súas condicións nas necesidades do vivente que debería satisfacer senón na completa indiferenza do obxecto con respecto á existencia do suxeito. De aí que as condicións do coñecemento obxectivo veñan dadas pola completa falta de senso, de valor e de significación dun real que só se pode definir “sendo nada”.

Polo tanto, estas dúas maneiras de enfrontarse á cuestión da xénese do transcendental implican a exclusión da continuidade entre as producións da natureza e as producións do pensamento, é dicir, que non se pode considerar o pensamento como un produto natural ou como unha propiedade compartida —quer en diferentes graos quer en potencia— pola totalidade do existente.

A este xeito de concibir as condicións do pensamento opóñense outras concepcións que se esforzan en xustificar unha continuidade entre o pensamento e a natureza, entre o pensamento e as cousas, ao postular que son estas últimas as que condicionan a maneira de pensar:

3) Nesa liña, Iain Hamilton Grant amosa como, contrariamente aos demais idealistas da súa época, Schelling intentou explicar a xénese das condicións do pensamento como un efecto da potencia do devir natural ao demostrar que o obxecto determina unha razón que, malia todo, non é quen de adecuarse completamente á totalidade do proceso.

4) Outro xeito completamente orixinal de enfrontarse á cuestión é, segundo apunta Anna Longo, o da filosofía de Graham Harman, quen sostén que as condicións do pensamento non se poden buscar na especificidade do suxeito humano senón na maneira en que cada obxecto se fai sensible para cada un dos outros obxectos sen chegar a desvelarse completamente.

A conclusión á que chega Anna Longo é que estes sistemas que acabamos de describir se poden considerar como realismos novos precisamente porque se trata de esforzos que intentan atopar solucións novas ao problema da determinación das condicións do coñecemento, pois parten da maneira en que o real determina o pensamento e non tanto da maneira en que o suxeito determina o real.

A cuestión da xénese do transcendental é, daquela, o problema cuxa formulación continúa a ser esencial se se quere producir unha aproximación filosófica nova á cuestión vella do coñecemento do real. Para Anna Longo, “unha filosofía que sexa capaz de responder, de dialogar ou, ao cabo, de rexeitar os sucesos evidentes da ciencia e as súas pretensións recentes de explicación das condicións do pensamento e do coñecemento” deber ser “unha filosofía que, ao se esforzar en criticar os logros do criticismo, tamén se esforce en non recaer no dogmatismo que caracteriza a metafísica clásica”.