O antiarquivo

Reportaxe de culturagalega.gal sobre o Arquivo Euseino?

A materia literaria —notas e cadernos de traballo—, outro xeito de acceder á obra

O xornalista Xermán Hermida publica en Cultura Galega a reportaxe titulada Memoria das escritas de hoxe:

"Compilar cadernos, notas e, en xeral, o material de traballo do que xorden as obras literarias nunha sorte de anti-arquivo. Esta é a base do Arquivo Euseino? de documentación autorial, unha iniciativa que pon o foco no carácter inacabado dos libros e nas posibilidades destes materiais como base para tecer redes. Varias autoras vivas e unha cooperativa depositaron xa fondos nun proxecto único no noso país."

Mediante un áxil diálogo con Carlos Lema, Hermida vai percorrendo as distintas características e a singular finalidade dun arquivo que “quere difundir os aspectos ocultos das obras literarias” e permitir a posibilidade dun tipo de lectura que amosa a obra escrita como “unha materia, autónoma respecto á persoa que a elabora e cunha vida propia que se relaciona co mundo de formas moi diversas”.

O xornalista pide tamén opinión a dúas das autoras con fondos no arquivo da Fundación Euseino? e que desde a súa creación apoiaron o proxecto: Anxos Sumai, que ademais é documentalista asesora do Arquivo Euseino? (organigrama), e Rebeca Baceiredo, unha das autoras, xunto con Chus Pato e Berta Dávila, vencelladas estreitamente ao proxecto iniciado por Beatriz Fraga e Carlos Lema en 2015.

Na orixe dese proxecto está a crítica do libro como dispositivo de apropiación do saber, en concreto a obra de Jacques Derrida, un dos grandes filósofos e pensadores da literatura do século XX.



Cunha nada común pericia para sintetizar a información sen facer que os matices se eslúan, Xermán Hermida describe as diferentes facianas do Arquivo Euseino? salientando a súa singularidade: o potencial dos cadernos de notas, a incorporación de documentos, o Fondo videográfico Numax, o arquivo como rede, a cara oculta da escritura, o acceso aos fondos, os proxectos, a relación das persoas voluntarias cos materiais que dixitalizan, catalogan e arquivan, a xenerosidade das persoas doadoras dos fondos.

Deixar un comentario