“Novela e multitudo”, por Carlos Lema

Homaxe a Toni Negri

No pasamento do filósofo Toni Negri, a xeito de homaxe que amosa a pegada e reformulación das súas ideas, publicamos un fragmento do prólogo do libro de Carlos Lema sobre a “novela democrática” que imos editar o ano próximo. Na súa reflexión sobre a función do xénero novelístico na Idade Moderna, o autor relaciona a noción de multitudo, que Negri recolle de Hobbes e logo transforma, co proxecto balzaciano da Comedia Humana e co subxectalismo tardomoderno. Homaxe concibida desde o disentir como unha das formas xenuínas da admiración.


“Os traballadores do metal no lecer do mediodía” (1880), por Thomas Pollock Anshutz.

Despois da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, os suxeitos que forman as multitudes, tantos coma seres humanos hai vivindo na Terra, constitúense en unidade para administrar e acceder ao senso. O consenso sobre o suxeito converte cada individuo nun todo dotado de senso quer como parte quer como unidade da multitudo. O horizonte da Idade Moderna é o da liberdade de cada suxeito que, ao tempo, se identifica inextricablemente cun todo orientado á liberdade individual de cada un dos seus compoñentes; a multitudo é a expresión do acomún, non da comunidade á que se someten os individuos que a forman senón a dun todo múltiple no que cada parte ten dereito a representarse de xeito singular, ese acomún que nos iguala e ao tempo nos permite ser diferentes.

Coma se dun faraón se tratase, cada suxeito postúlase como candidato á sobreexposición, en ningún momento deixa de se virar cara aos outros suxeitos, está completamente persuadido de que o conxunto de suxeitos observa e inspira o mais miúdo dos seus actos.

O suxeito, en tanto que tal, é actual, libre e sen compromiso; de aí que para dominar as regras da arte teña que asumir un traballo de formación mediante o cal poida conxugar a necesaria potencia de difusión, condicionada polo repertorio de formas e recursos presentes e pasados, coa novidade orixinal que o cultivo da súa subxectividade supostamente achega. Obxectivamente, encarna todo o logrado pola ciencia, a arte, a relixión, o dereito e o Estado. Para se converter en subxectividade representable, debe desenvolver a facultade de facer converxer baixo a forma de sínteses soberanas a súa capacidade obxectiva de actuar e a súa capacidade de reflexionar de maneira actualizada en calquera intre.

Trátase, nin máis nin menos, do programa proposto polo idealismo, que xustifica esa unidade afirmando que cómpre desenvolver a substancia como suxeito, o que significa propoñer unha omniactividade de dimensións case persoais. Esta convicción está hoxe tan presente debido ás diversas metáforas da creación espalladas en todas as facetas da vida da suxeito que, a través do pensamento, nos forza a engadir un actor a un acontecemento, un emisor a un signo, un autor a unha obra e un creador a un universo.

Esa omniactividade despregada nas súas múltiples faces creadoras polo suxeito moderno entende por mundo algo que sempre é o oposto exacto dun singulare tantum, é dicir, da idea dun todo da realidade. A multitudo é un conxunto formado por totalidades individualizadas, faraónicas, un conxunto de deuses que outorgan unha condivindade focalizada no punto preciso en que cada si mesmo, ou mesma, eleva as demais ao rango da singularidade. Cadaquén resulta observado e entrégase faraonicamente á observación para consagrar cada un dos seus xestos e dos seus propósitos ás testemuñas que o observan. Esa funcionalidade conxunta é a que produce a singularidade. É a conxunción dos elementos narrativos, dos fíos organizadores da trama, das redes significativas a que constrúe o suxeito.

Quen escribe novelas exacerba esa funcionalidade faraónica do suxeito moderno, observa para que o observen, examina para que o examinen, representa para sentirse representado. Non soamente está dotado, ou dotada, de visión panorámica sobre a súa contorna senón que, ao mirar, se fai a si mesma sobranceira, destaca como aquela persoa a quen os demais ven. Cun poder introspectivo que, ademais, é recoñecido e se recoñece.

O que na linguaxe filosófica se denomina subxectividade e a coloquial chama personalidade pódese entender, por pouco que se goce de certa dose de imaxinación conceptual, como unha declinación ulterior do modo de existencia faraónica segundo o cal ser deus e representar a deus, ou aínda mellor, vir de deus e levar a deus en si non poden ser obxecto dunha distinción efectiva.

Ser todo e representalo todo, vir de todo e levalo todo dentro de si. A multitudo é o único xeito de acceder ao senso logo da desaparición de deus. A dor que causa ser conscientes desa condescendencia de deus coa humanidade, desa caída no mundo sublunar pola que o principio de razón se deposita no ser humano deixando de residir nunha causa primeira extraterrenal e eterna, só se pode apouvigar coa representación da vera facies dese conxunto de suxeitos ontoloxicamente iguais e singularmente diferentes: de Dante a Balzac, da Divina Comedia á Comedia Humana, do transcendente ao mundano, da poesía á novela. Por dicilo dun xeito categórico, a novela debería ser sempre democrática dado que o seu mecanismo produtivo é democrático, no senso de que é un produto da linguaxe, das letras, palabras, sons, frases e oracións. Unha literalidade que a multitudo crea e comparte.

Ese afán de totalidade centrada na percepción que o o suxeito moderno ten do mundo está representado por La Comédie humaine; as formas a priori do entendemento despréganse nos noventa títulos publicados en vida de Honoré de Balzac. De corenta volumes en 1839, o proxecto ascende a cento corenta e cinco en 1845, dos que oitenta e cinco xa están escritos naquel momento. Así e todo, en 1847, ao sentir que perdía folgos, o escritor reduce o proxectado a cento trinta e sete obras, das que oitenta e sete se consideran rematadas mentres que cincuenta quedaron por escribir.

O novelista reflicte na ficción unha orde na que a experiencia supón a unidade sintética do diverso, unidade que é o suxeito pensante. Este non se formula unilateralmente, a unidade do suxeito é a posibilidade reflexiva e transitiva de situarse conscientemente fronte a un obxectivo para dese xeito desenvolver a complexidade do mundo que leva dentro de si.

Nunha carta a madame Hanska, Balzac fai un balance entusiasta do seu proxecto novelístico: “Hai tres persoas cunha vida inmensa: Napoleón, Cuvier e O’Connell, eu quero ser o cuarto. O primeiro foi quen de vivir a vida de Europa enteira, ¡inoculouse exércitos completos! O segundo, ¡casou co mundo! O terceiro, ¡encarnouse nun pobo! Eu hei ser quen de levar unha sociedade enteira na cabeza.”

De por parte, no prólogo da Comedia Humana, Balzac atribúe ao novelista unha responsabilidade sobranceira na vida pública:

“A lei do escritor, o que o fai tal, o que, e non teño medo de o dicir, o que o converte nun igual e se cadra o fai superior ao home de Estado é unha decisión sobre as cousas humanas, unha entrega absoluta a uns principios […] Desde ben cedo, tiven por regra estas verbas, que son a lei tanto do escritor monárquico coma do escritor democrático”.

Nese mesmo limiar, o novelista traza as liñas do seu proxecto narrativo e fixa os obxectivos que persegue esa obra descomunal. Balzac considera que cada época ou xeración presenta dous ou tres mil tipos, unhas figuras e caracteres esixidas pola multitude de existencias que obrigan asemade a unha serie de marcos contextuais e a unha orde para representalas. A clasificación ficcional divídese en “escenas”: da vida privada, da vida de provincias, parisina, política, militar e do campo. Cada unha desas seis divisións, composta por un número determinado de novelas, ten un senso, unha significación, e representa unha época da vida humana. As escenas da vida privada representan a infancia, a adolescencia e os seus erros, as escenas da vida de provincias representan a idade das paixóns, dos cálculos, dos intereses e da ambición; a continuación, as escenas da vida parisina ofrecen o conxunto dos gustos, dos vicios e de todas as cousas desenfreadas que alporizan os costumes propios das capitais onde se atopan simultaneamente o ben e o mal extremos. Nelas hai situacións, fases típicas, que acontecen en todas as existencias. Ao cabo, segundo o escritor, cómpre amosar tamén as existencias excepcionais que resumen os intereses de varios ou de todos os que, dalgún xeito, están fóra da lei común, esas son as escenas da vida política. E, finalmente, apreixar o drama social nas escenas da vida do campo, nas que se encontran os caracteres máis puros e a aplicación dos grandes principios de orde, de política, de moralidade.

A totalidade destes “Estudos de costumes” está vencellada aos “Estudos filosóficos”, que se alicerzan neles e forman a segunda parte da Comedia Humana, parte na que, tal como anuncia Balzac, o medio social se atopa demostrado completamente e na que, sentimento a sentimento, se describen os estragos causados polo pensamento. Un chanzo máis arriba, sitúanse os “Estudos analíticos”, entre eles a “Fisioloxía do matrimonio”, naquela altura xa publicada e á que o autor ten intención de engadir, primeiro, a “Patoloxía da vida social” e, logo, a “Anatomía das institucións do ensino” e a “Monografía da virtude”.

Como amosa esta pormenorizada exposición do seu ambicioso proxecto narrativo, e sen renunciar ao obxectivo da gran difusión ao que o xénero da novela desde os seus inicios está enfocado, Balzac rexeita a arte pola arte e considera que o escritor ten como misión incitar á reflexión, dar que pensar. O novelista está dotado de facultades excepcionais grazas ás cales domina o seu tempo en razón da súa dobre natureza terrestre e espiritual, o que o fai capaz de albiscar as verdades que escapan aos demais seres humanos. Esa idea da realidade como un todo multifacético, pletórico e ao tempo complexo, reflicte unha concepción do novelista como consciencia que percibe e pensa toda a disimilitude e todo o parentesco do existente.

Subxectividade totalizadora do novelista que pensa todo o que existe porque, ao partir dun pensamento que se absolutiza, as cousas requiren desa función pensante para existir. Para ser e existir como tal, seica o mundo precisa dunha mente que o pense. Trátase dunha versión hipostasiada da subxectividade pola que se identifica toda realidade cun dos modos sensibles do subxectivo, que dese xeito é absolutizado por riba de todas as cousas. A multitude balzaciana é unha preconfiguración da multitudo tardomoderna á que se ha chegar mediante o antecedente da reflexividade que a novela modernista ha poñer posteriormente en circulación.

Deixar un comentario