Gabinete das fadas, 3

[continuación de “Gabinete das fadas, 2“]

Como única sobrevivente das tres irmás, a preocupación da autora de Jane Eyre era, sobre todo no que atingue a Emily Brontë, que “The immature but very real powers revealed in Wuthering Heights” fosen recoñecidos na súa importancia e que “a natureza da obra non fose malinterpretada”, amais de preservar a identidade da súa autora de todo tipo de especulacións. Para lograr estes obxectivos, Charlotte Brontë fixo unha etopea de Emily na que se axudou da tópica dominante no discurso literario do momento: a da noción de xenialidade como algo concedido por unha instancia transcendente, quer instintiva ou natural quer divina: “an original mind (however unripe, however inefficiently cultured and partially expanded that mind may be)”, reforzando así a idea de que o talento adquirido pola súa irmá para escribir era máis ben unha anomalía debida precisamente á súa suposta xenialidade.

“I have never seen her parallel in anything. Stronger than a man, simpler than a child, her nature stood alone.” “To stand by and witness this, and not dare to remonstrate, was a pain no words can render.”

Sketch_by_Emily_Brontë_sgowing_herself_and_Anne_at_work_in_the_dining_room_of_the_parsonage.

Ao empregar a noción de “natureza” seguida de cualificativos que indican o “extremada” da habelencia literaria de Emily Brontë, Charlotte suxire unha exclusión do común: a da xenialidade case monstruosa ou “enfermiza”. De por parte, isto asegúndao coa interpretación que dá de Wuthering Heights na edición que publica xusto un ano despois da morte da súa autora.

“Emily’s nature the extremes of vigour and simplicity seemed to meet. Under an unsophisticated culture, inartificial tastes, and an unpretending outside, lay a secret power and fire that might have informed the brain and kindled the veins of a hero”.

A enerxía da xenialidade mestúrase coa sinxeleza, isto é, dando como resultado a intelixencia instintiva ou natural, polo tanto non adquirida, das mulleres tal como se lles adxudica convencionalmente. Unha especie de intelixencia non voluntaria, non querida, anormal.

E “inadaptada” á vida práctica, engade Charlotte, co que reforza e parece querer confirmar a separación entre espiritual e mundano, intensificando a idea da arte como unha transcendencia. Trataríase, entón, dunha “sabedoría non mundana”, logo espiritual e recibida como un don divino ou da natureza, como un don transcendente, inhumano; impropio dunha muller. O “lume e a orixinalidade” de Emily Brontë contrasta coas virtudes que se supón pertencen ás mulleres, virtudes que son sempre “tranquilas”, en contraposición á intelixencia, que para elas é algo “natural”, non adquirido e polo tanto que son incapaces de controlar. Un poder que as transcende, que é concedido, non propio.

“Neither Emily nor Anne was learned” […] “they always wrote from the impulse of nature, the dictates of intuition, and from such stores of observation as their limited experience had enabled them to amass” […] “for strangers they were nothing, for superficial observers less than nothing”.

Tocante ao prefacio que Charlotte Brontë escribe para a edición póstuma de Wuthering Heights, nel realiza unha captatio benevolentiae coa que se esforza en compensar todo o dito sobre o carácter de Emily na noticia biográfica que o precede. Coa nova edición da novela, Charlotte semella pretender encarreirar as interpretacións da crítica para que acepten a obra no corpus dominante, acolléndose para iso e avant la lettre á produción de subxectividade ou de diferenza como defensa da literatura e do estatuto autorial das mullleres. Con esa mesma finalidade de adecuación ao discurso literario dominante, leva a cabo un labor de edición no que se expurgan características lingüísticas propias da fala do Yorkshire para asegurarse de que, efectivamente, “her native hills were far more to her than a spectacle”.

Non ha resultar estraño, pois, que a afiliación da cultura, o mesmo que acontece en literaturas clasificadas como “minorizadas”, sempre proceda da “imaxinación”, quer da cultura oral en cuestión quer da autora ou autor do que se trate, e endexamais se lle outorgue o estatuto do elaborado senón, pola contra, quede asimilada e marcada coas características do que non é consciente ou está próximo ao natural. Isto, cando se refire ás mulleres, equivale a privalas de vontade e libre arbitrio, de razón.

Para reforzar esta argumentación, Charlotte Brontë emprega a metafórica da natureza:

“Had she but lived, her mind would of itself have grown like a strong tree, loftier, straighter, wider-spreading, and its matured fruits would have attained a mellower ripeness and sunnier bloom; but on that mind time and experience alone could work: to the influence of other intellects it was not amenable”.

Reclama o estatuto autorial como unha concesión transcendente, non como logro da cultura:

Wuthering Heights was hewn in a wild workshop, with simple tools, out of homely materials”.

Como algo “terrible and goblin-like”, coma se da obra dun trasno se tratase. Compróbase así como o discurso do fantástico, ademais da súa interpretación como marca excluínte do consensus, ofrece unha posibilidade de ampliación da razón como algo non puramente instrumental senón tamén como lógos do progreso. A elaboración retórica realizada nestes textos por Charlotte Brontë rebaixa, por unha banda, o poder de exclusión do discurso literario ao tempo que, pola outra, tamén achega as mulleres ao estatuto de autoras mediante a retórica da subxectividade e da diferenza, encarnada desta volta no tropo da xenialidade transcendente da obra de Emily Brontë:

“the utmost evenness of manner and guardedness of language, will hardly know what to make of the rough, strong utterance, the harshly manifested passions, the unbridled aversions, and headlong partialities of unlettered”.

Gabinete das fadas, 2

“This notice has been written because I felt it a sacred duty to wipe the dust off their gravestones, and leave their dear names free from soil.”

Así remata Charlotte Brontë a súa “Biographical Notice of Ellis and Acton Bell”, publicada en 1850 co gallo da reedición dos poemas e novelas das súas irmás. Un prefacio e unha noticia biográfica cos que Charlotte fornecía pormenores da vida de Anne e Emily Brontë, ademais de describir e dar unha interpretación das súas obras ao tempo que facía unha loa delas.

Na historia do acceso das mulleres ao estatuto de autoras, o das irmás Brontë é un episodio que nos parece fundamental na literatura moderna. Xa o feito de que a crítica literaria se refira a elas conxuntamente é síntoma das dificultades que Charlotte Brontë, Anne Brontë e Emily Brontë tiveron que afrontar para chegar a ser recoñecidas como autoras individualmente, dificultades que aínda hoxe se perciben cando nos decatamos de que seguen a ser consideradas como un caso paradigmático e seguen a ser estudadas máis como “historia” ca como literatura.

Neste artigo, vémonos na necesidade de achegarnos a ese rexistro, mais facémolo explícito para que este texto non se lea como unha “curiosidade” senón como a crítica dunha interpretación desa historia literaria que aínda elabora e mantén un discurso taxionómico con obxectivos de exclusión ou de xerarquización. A mesma utilización da noción de diferenza pola crítica literaria referida á literatura escrita por mulleres incide e confirma unha división que aínda conserva o seu poder de marca, de sinal, de signo. Saber ler eses signos, deixalos en evidencia, á vista, é unha necesidade urxente do pensamento literario contemporáneo, que, precisamente para atender esa necesidade, pode ter a colaboración, en nada menor, do pensamento filosófico.

Emily Brontë escribiu Wuthering Heights entre outubro de 1845 e xuño de 1846, novela que publicou en 1847 co pseudónimo masculino de Ellis Bell. Foi a única novela que publicou, xa que finou un ano despois. A decisión de publicar tómaa logo do suceso obtido pola súa irmá Charlotte coa novela Jane Eyre. Con posterioridade á morte de Emily, Charlotte Brontë editou outra vez o manuscrito de Wuthering Heights, encargándose de que esa versión fose publicada en 1850 como edición póstuma.

20130817-031520 p.m..jpg

Dese xeito, a historia editorial e crítica de Wuthering Heights aparece amecida á de Jane Eyre e mais á da novela de Anne Brontë titulada Agnes Grey. A publicación de Wutheirng Heights e Agnes Grey xa fora decidida polo editor antes de que Charlotte Brontë acabara de escribir a súa novela mais fora adiada polos editores, co resultado de que Jane Eyre se publicou primeiro e foi un suceso de vendas. Nun intento de aproveitar o éxito da novela de Charlotte Brontë, deixouse entender implicitamente que Wuthering Heights e Agnes Grey tamén estaban escritas “polo autor de Jane Eyre”, malia o desacougo das tres irmás. Os pseudónimos adoptados contribuíron a iso.

“the ambiguous choice being dictated by a sort of conscientious scruple at assuming Christian names positively masculine, while we did not like to declare ourselves women, because – without at that time suspecting that our mode of writing and thinking was not what is called ‘feminine’ – we had a vague impression “that authoresses are liable to be looked on with prejudice; we had noticed how critics sometimes use for their chastisement the weapon of personality, and for their reward, a flattery, which is not true praise”.

Buscando que a súa obra fose xulgada polos seus méritos literarios e non polo xénero de quen a escribiu, Anne, Charlotte e Emily Brontë publicaron as súas novelas con nomes con sonoridade masculina: Acton, Currer, and Ellis Bell. Preservar a identidade masculina dos seus pseudónimos era tan importante para as Brontë que Charlotte mantiña esa identidade mesmo cando lle escribía aos seus editores. O público debatía sobre se os Bell eran unha, dúas ou tres persoas e se eran homes ou mulleres ata que, en 1850, a nota biográfica incluída por Charlotte Brontë na nova edición de Wuthering Heights e Agnes Grey identificou definitivamente as dúas autoras.

[Continúa no artigo seguinte, “Gabinete das fadas, 3“]

Gabinete das fadas, 1

En Euseino? Editores consideramos a escritura e o pensar das mulleres como unha das achegas máis importantes á retórica do progreso. Sen esta achega, a ampliación do límite do racional e o esvaecer das fronteiras da subxectividade, dos roles de xénero e do pensamento dogmático non serían posibles tal como se conciben hoxe en día. A partir desa reflexión das mulleres, reflexión non pechada nin determinada polo saber, a nosa arela é compartir a mesma escritura e o mesmo pensar. Con ese motivo iniciamos esta serie, titulada “Gabinete das fadas” precisamente porque os contos de fadas foron un dos primeiros xéneros literarios co que as mulleres accederon ao estatuto de escritoras —de autoras—; un xénero literario mediante o cal, desde o século XVII, se comezou a ampliar a retórica do progreso ao incorporar a tradición oral, as lendas e os mitos. Na Querelle des Anciens et des Modernes, as escritoras situáronse a prol da Idade Moderna como un xeito de ir facendo esvaecer os lindes da razón instrumental masculina.

Iniciamos o “Gabinete das fadas” cunha cita de Judith Butler que incide, entre outras, en dúas cuestións fundamentais: a retórica e a produción de subxectividade.

585px-The_Travelling_Companions_by_Augustus_Leopold_Egg

“Significativamente, Hegel vencella a transición entre consciencia e autoconsciencia cos significados retóricos da explicación lingüística. Polo tanto, como a autoconsciencia se caracteriza pola reflexividade, é dicir, pola capacidade de relacionarse consigo mesma, está condicionada polo poder da articulación. Ademais, non se trata de que a articulación propoña un ‘contido’ que se reflicte, daquela, nunha consciencia a observar teimudamente desde un algures ontolóxico, senón que a consciencia se revela a si mesma como un fenómeno articulado que soamente chega a ser el mesmo como articulación. Ao ser articulada, esta consciencia xa non se pode denominar axeitadamente con ese termo, pois el mesmo rexeita retoricamente as condicións da disparidade ontolóxica que ese mesmo nome denota. Ao transformarse en articulada, a consciencia convértese en si mesma mais, como apunta un dito hegeliano clásico, ao facelo tamén acaba por ser outra. Neste caso, esa Outra, que é, abofé, o seu eu completo, é autoconsciencia.

O movemento desa transición é un movemento retórico; o interior que, ao cabo, é revelado, primeiro é actualizado sen coidado de si e, soamente cando se completa a actualización, cando a Explicación queda fixada e remata, a consciencia contempla ese produto para recoñecerse como a súa autora. Tanto ten o propósito da Explicación, para a consciencia trátase dunha descuberta inesperada e, precisamente por iso, moi significativa: é a capacidade de recoñecerse a si mesma como unha estrutura reflexiva cun lugar no mundo. Como exterioridade, a consciencia é “outra” distinta de si mesma, o que quere dicir que iso que xeralmente se entende como “outra” distinta de si é, nomeadamente, o mundo; de aí que o contrario desta afirmación de identidade tamén sexa certo: a consciencia do mundo sempre é a consciencia de si na súa alteridade. O movemento retórico de transición reafirma, polo tanto, o principio de identidade, o lugar ontolóxico da diferenza, a rede de relacións internas na que se alicerza.

Como axencia retórica, o suxeito hegeliano sempre sabe máis do que cre saber e, ao ler el mesmo retoricamente, é dicir, ao ler os significados que sen decatarse actualiza contra o que el explicitamente pretende, recobre incluso unha parte importante da súa propia identidade. A retórica é, pois, a condición da decepción e da iluminación, a maneira na que o suxeito sempre é e sempre está alén de si mesmo, a significar o que non necesariamente pretende mais que, así e todo, exterioriza, o que le e, ao cabo, recobre consigo mesmo.”

Judith Butler, Subjects of Desire. Hegelian Reflections in Twentieth-Century France

Butler p30-31

As primeiras autoras

En 1690, Madame d’Aulnoy publica en París unha novela titulada l’Histoire d’Hippolyte, Comte de Duglas, na que insire «L’Ile de la Félicité», recoñecido como o primeiro conto de fadas literario. Decontado, aparecen outros contos de diferentes autores, que publican os seus relatos normalmente baixo a forma de escolmas. O conto de fadas convértese axiña nunha moda que se espalla nos salóns mundanos e na Corte parisiense ao longo da década derradeira do século XVII.

A historia e a crítica literarias, ata o comezo do século XX, soamente lembran dese período o nome de Perrault. Así e todo, os contos de fadas foron escritos maioritariamente por mulleres que, co pano de fondo da “Querelle des Anciens et des Modernes”, participaron na constitución dun xénero que se había converter no soporte privilexiado da escritura feminina en procura de recoñecemento.

Madame D'AulnoyLes Histoires sublimes et allégoriques d’H.-J. de Castelnau de Murat

Existe, entón, unha correlación entre o conto de fadas e a escritura feminina, sobranceiramente no que se refire á emerxencia da muller-autora na segunda metade do século XVII. De por parte, a importancia do xénero do conto de fadas acrecéntase de considerarmos que estivo implicado na polémica entre antigos e modernos (“Querelle des Anciens et des Modernes”, 1687) que supuxo a renovación dos cánones clásicos da forma literaria, enfrontando nomeadamente a Boileau e a Perrault. O abandono dos modelos ríxidos do clasicismo significou o comezo do espallamento da literatura ao conxunto da sociedade.

Realizábase dese xeito un cambio de paradigma, xa que, a partir dese momento, a tradición oral de orixe popular entra a formar parte da literatura; xurdindo ademais a noción de orixinalidade, ata daquela non valorada debido ao influxo da forma literaria clásica, como un dos criterios que en diante habían dominar a escritura literaria.

O acceso das mulleres ao estatuto de escritoras está, pois, relacionado co cultivo do conto de fadas e co feito de ser este xénero literario un dos renovadores do canon polo seu papel fundamental na incorporación da tradición oral na literatura escrita. A aparición do xénero do conto de fadas inscríbese no cultivo da escritura por narradoras que, influenciadas polas novelas da xeración anterior, se entregan á narración novelesca centrada nos sentimentos. Esta proximidade da novela e do conto de fadas ten que ver coa inclusión de contos de fadas no texto das novelas, fenómeno que está nas orixes da formación deste último xénero literario. Outra característica común ao conto e á novela da época é a preeminencia, nos dous xéneros, de mulleres escritoras; de feito, o xénero novelesco, que se espalla durante a primeira metade do século XVII, pertence maioritariamente á denominada literatura feminina “afectada” ou escritura do sentimento.

Entre estas escritoras precursoras do conto de fadas, cómpre salientar a Mesdemoiselles Lhéritier (1664-1734), Bernard (1662-1712), de La Force (1650-1724) e a Mesdames d’Aulnoy (1650-1705) e de Murat (1670-1716), que publicaron a súa obra durante a derradeira década do século XVII.

A retórica do conto de fadas feminino asóciase decote co seu valor pedagóxico, co marabilloso e coa lección moral dos contos; pola contra, o argumento da pedagoxía moral está inxustificado, xa que, no contexto da superación da estética literaria clasicista e no do acceso das mulleres ao estatuto de escritoras, o conto de fadas adquire outra funcionalidade. Trátase, en efecto, dunha retórica que, para as mulleres escritoras do século XVII, representa un medio de evitar a censura ao denunciar a hexemonía da razón instrumental masculina sen asumir o discurso dominante, centrado nunha idea restrictiva do racional. O recurso á retórica do fantástico, con figuras coma a da fada, cuestiona a vontade de verdade e a súa conseguinte aplicación ao saber e á dominación como funcións únicas do pensamento racional.