Rebeca Baceiredo escribe sobre “Verdade e acción”

En Praza Pública, recensión do libro de González Gándara

A filósofa Rebeca Baceiredo escribe en Praza Pública unha recensión sobre Verdade e acción, o libro de Fernando González Gándara que publicamos a final de ano na colección Casabranca de filosofía. O artigo, titulado “A verdade como problema”, ademais de estar escrito por unha das persoas cunha obra fundamental para o pensamento galego contemporáneo, ten maior relevancia aínda porque a súa autora tamén o é do libro A verdade errada e a representación errante, ao que se pode acceder en acceso aberto na ligazón anterior.

Coidamos que é esencial ese labor de reflexión no que pensadoras e pensadores fan explícitas as súas lecturas de obras coetáneas xa que sen el o debate cultural, e o filosófico como parte central del, pode ser un ermo exclusivamente dedicado ao monocultivo das necesidades promocionais do comercio do libro.


O artigo de Rebeca Baceiredo comeza cun comentario sobre as publicacións de Euseino? Editores, nas que ela participa desde os primeiros títulos: “Euseino? mantén a publicación de filosofía coma no sentido arendtiano se entendía a acción do diálogo, algo antagónico aos totalitarismos”. De seguido, a análise céntrase na cuestión da verdade e, consecuentemente, na do coñecemento da realidade como “unha estratexia adaptativa […] ligada á acción humana. Isto implica unha ruptura coa clásica distinción que separa a teoría (episteme) do coñecemento produtivo ou técnico (póiese)”.

Se tradicionalmente a filosofía escindiu o pensamento da acción, o pragmatismo de William James e de Charles Sanders Peirce ao que González Gándara nos introduce na súa obra, “abre un abano de conceptos que enriquecerán os tipos de verdade, pois entende que se debe poñer o foco nos resultados prácticos dos enunciados”. Así e todo, ao fío das reflexións sobre a verdade e a ciencia suscitadas no libro comentado, Baceiredo pregúntase sobre unha cuestión actual para apuntar que:

“James é tamén consciente dun posible exceso de intervención dos asuntos humanos, dos intereses particulares no coñecemento, o que o desprazou de xeito efémero —ou intuído— cara a un escepticismo. De feito, como establecer iso útil no ámbito da praxe e non só da tekné, para non acabar na tecnociencia do presente […]?

A autora da recensión aproveita as cuestións tratadas no ensaio de González Gándara para reflexionar sobre a proposta defendida en Verdade e acción, onde se “insiste na única posibilidade de aprehender o mundo de xeito inacabado e disxunto” e sobre “A bidireccionalidade entre o ontolóxico e o epistemolóxico [que] elimina as barreiras entre o lexítimo e o ilexítimo impostas polo dogmatismo”. O perigo do utilitarismo seica tamén asexa detrás deses postulados malia ter en conta o principio “a utilidade non é o criterio de verificación” e Baceiredo avisa do risco de que

“a partir de James, a concepción aberta e falible da ciencia, como desenvolverá Popper, ou o derrocamento do privilexio da ciencia occidental á hora de establecer unha única relación lexítima co mundo, que defende Kuhn, serven para reforzar a posverdade é que o problema é o trazo groso. Así, o relativismo só significa que cada suxeito, sen esforzo, máis que ser a medida de todas as cousas, ten a vara de medir, coa que impón as súas crenzas.”

A recensión, que aquí glosamos brevemente, remata cunha referencia á violencia como imposición da verdade, aínda que, engadimos aquí, esa verdade non sexa tal por se tratar dunha verdade espuria.

Deixar un comentario