Caleidoscopio dos contos 2014: revisión dun ano

Na sección deste blogue titulada “Caleidoscopio dos contos” tentamos facer un percorrido pola historia dos contos de fadas a través dos seus ilustradores e ilustradoras. A pintura de fadas e o seu vencello coa literatura. Trátase dunha liña de interese que cadra coa que Euseino? Editores quere dedicar ás artes e á teoría artística, ás artes decorativas e á estética en xeral a través da xa iniciada colección Rúa do Sol.

O título “Caleidoscopio dos contos” provén dunha cita do escritor Andrew Lang, un dos grandes autores e ensaístas da literatura de fadas. Velaquí a frase:

“O ‘märchen’ [conto fabuloso ou conto de fadas] é un caleidoscopio: os incidentes son anacos de cristal de cores. Ao sacudilo, compoñen unha variedade de formas atractivas; algunhas desas formas axéitanse mellor ca outras, teñen máis potencialidade e logran ampliar aquilo que a forma no seu conxunto abrangue.”

Ao comezar este ano de 2015, propoñemos volver a contemplar esa “variedade de formas atractivas” da que nos fomos ocupando durante os últimos doce meses no “Caleidoscopio dos contos”. Eis os artigos publicados en 2014, cunha recensión e as ligazóns correspondentes:

John Anster Fitzgerald: un gran dominio das cores complementarias: entre o vermello e o azul, aparece o púrpura, sen que o branco deixe de estar presente e ilumine a escena, dotándoa de harmonía cromática. Velaí o logro do pintor de ascendencia irlandesa John Anster Fitzgerald (1819-1906), que consegue dotar os seus cadros dunha atmosfera chea de luces e sombras para captar así o interese do espectador.

This slideshow requires JavaScript.

Bilibin e os contos rusos: na historia do libro ruso, Iván Bilibin (1876-1942) foi o primeiro en conseguir sintetizar os principios da pintura e os das artes gráficas impresas. Para a evocación das paisaxes que ilustran os contos rusos, Bilibin asocia un compoñente decorativo e simbólico, independente do suxeito da ilustración propiamente dito, servindo de pano de fondo, e outro compoñente, que sitúa o decorado específico da historia. Esta asociación caracteriza o estilo moderno, tanto ruso coma occidental.

A escola de Glasgow: a finais do século XIX Glasgow, Escocia, gozou de auxe económico debido principalmente á industria téxtil. Para mellorar a manufactura e a calidade dos deseños fundouse a Escola de Arte de Glasgow, que contribuíu ao nacemento do Art Nouveau. Pero a grande achega da Escola de Glasgow foi a incorporación das mulleres ás aulas, primeiro como alumnas e despois como docentes. Nesta escola formáronse algunhas das ilustradoras máis sobranceiras do século XIX: Jessie Marion King e Emma Florence Harrison.

Ilustradores nórdicos, 1: entre os ilustradores máis destacados dos contos de fadas nórdicos atopamos a Vilhem Pedersen e a Lorenz Frølich. Vilhem Pedersen foi o primeiro en debuxar os personaxes dos contos de Andersen. Os cento vintecinco debuxos que Pedersen realizou para os contos de Andersen están vencellados á obra de Andersen do mesmo xeito ca as ilustracións de John Tenniel o están á de Lewis Carroll. Lorenz Frølich realizou encargas decorativas como a das pinturas para o teito do castelo dinamarqués de Frederiksborg. En 1871 os seus debuxos ilustran unha edición dos contos de Hans Christian Andersen.

Ilustradores nórdicos, 2: o artista noruegués Theodor Severin Kittelsen (1857–1914), recoñecido ilustrador de libros de contos de fadas, creou uns marabillosos trolls que amosan toda a súa “fealdade”, dando vida a seres fantásticos antropomorfos inspirados e á vez mesturados coa natureza e as súas sombras.

Baixo a luz da aurora boreal – Ilustradores nórdicos, 3: a arte de John Bauer reside en que envolve os seus debuxos nun vento solar, creando unha especie de esfera protectora, coma unha burbulla que acubilla o espectador —desacougado pola “maldade” que caracteriza os trolls no texto e que se contrapón a aquilo que recrea a ilustración— salvagardándoo do mal. Abonda unha liña leve, un aceno, un sorriso ou uns ollos saíntes no rostro destes seres con espunllas para que desapareza a desconfianza do lector.

Precursoras da ilustración: Elenore Plaisted Abbott era considerada unha das chamadas “New Woman”, segundo o termo popularizado polo escritor Henry James para referirse ás protagonistas das súas novelas Daisy Miller e The Portrait of a Lady; en contraposición ás mulleres da era victoriana, as denominadas “New Woman” participaban activamente na sociedade e foron o símbolo do modelo de independencia, profesionalización das mulleres e intervención na vida pública. Pintoras e ilustradoras como Elenore Abbott desenvolveron un papel crucial na representación artística das “New Woman” como exemplo deste novo tipo emerxente de mulleres.

Baixo a luz da aurora boreal – Ilustradores nórdicos, 3

Cando o redactor Cyrus Graner, que traballaba para a editorial Åhlén & Åkerlund (fundada en 1906 polo xornalista Erik Åkerlund), decide iniciar unha colección de anuarios, coa intención de ser publicados polo Nadal, contrata para ilustralos un artista novo, aínda que non descoñecido, chamado John Bauer. Os temas dos relatos Bland Tomtar och Troll (“Entre trasnos e trolls”) son variados, sendo a característica principal a de que os protagonistas se atopan con seres fantásticos. Este encontro desencadea acontecementos tamén fantásticos que rematan cun final feliz.

Os contos foron encargados ás escritoras e escritores suecos de máis prestixio do momento. Entre os contos destacan För Länge, länge sedan ou o que é o mesmo “Hai moito, moito tempo”, de Anna María Lovisa Wahlberg (Estocolmo, 1858-1933), escritora de contos, dramaturga e tradutora que ás veces empregaba o pseudónimo de Rien. Bauer tamén ilustrou o conto Svanhammen (“O traxe do cisne”), de Helena Nyblom, presente no anuario de 1908. Pero unha das súas ilustracións máis populares é a da Princesa Tuvstarr, personaxe de “O conto do alce Skutt e a pequena princesa Tuvstarr”, de Helge Kjellin, que formaba parte tamén do Bland Tomtar och Troll de 1913, anuario que a partir daquel momento se consideraría un clásico da literatura sueca.

Prinsessan_och_trollen

Durante sete anos, John Bauer recreou os personaxes que aparecían neses contos e, cando o deixou de facer, os seus debuxos eran case máis famosos ca os relatos que ilustraban.

Nado no ano 1882 en Jönköping, unha ciudade situada ao pé do lago Vättern, no sur de Suecia, desde pequeno amosou interese e dotes para a pintura. En 1898 solicitou o ingreso na Real Acadenia das Artes e, aínda que non conseguiu que o admitisen, non se desanimou e pasou dous anos nunha escola para pintores ata que en 1900 o logrou. Ademais de aprender técnicas pictóricas, realizou estudos sobre plantas e traxes medievais, coñecementos que reflectiría posteriormente nos seus debuxos. Durante eses anos de academia, comezou a traballar realizando encargas para diferentes revistas. Na academia foi onde coñeceu á que sería a súa dona, Ester Ellqvist, quen sería modelo para diversas obras do pintor.

Cando Bauer recibe a encarga de ilustrar un libro sobre Laponia, viaxa ao Norte de Suecia para documentarse sobre a paisaxe e as vestimentas propias dos lapóns. Como se dunha posta en escena se tratase e arremedando unha representación teatral, Bauer coloca aos seus personaxes nun primeiro plano sobre un decorado. Moitas veces de perfil, eses personaxes miran cara o espectador ou ben a un punto indeterminado do decorado de fondo. Pero Bauer distínguese e será recoñecido sempre polos seus debuxos de trolls.

Como seres prehistóricos, asentados en grupos e familias estruturadas e organizadas, Bauer dota aos trolls dunha estética propia, con roupas farrapentas, con peiteados e adornos feitos de alfaias peculiares. Con grandes extremidades, desproporcionadas e acordes co seu grao de maldade, paradoxalmente estes seres deixan de parecer arrepiantes. Bauer, igual que Kittelsen (véxase “Ilustradores nórdicos, 2“), logra integrar e mimetizar estes seres coa paisaxe na que habitan, confundíndoos cos outeiros e coas árbores centenarias e cubríndoos de carriza.

Pero a arte de John Bauer reside en que envolve os seus debuxos nun vento solar, creando unha especie de esfera protectora, coma unha burbulla que acubilla o espectador —desacougado pola “maldade” que caracteriza os trolls no texto e que se contrapón a aquilo que recrea a ilustración— salvagardándoo do mal. Abonda unha liña leve, un aceno, un sorriso ou uns ollos saíntes no rostro destes seres con espunllas para que desapareza a desconfianza do lector.

En Suecia, preto do círculo polar ártico, tanto a noite coma o día resplandecen dun xeito particular; Bauer soubo captar esa tonalidade, ese luscofusco que xorde do escuro da fraga: a luz da aurora boreal, a do amencer do norte.

Ilustradores nórdicos, 2

CONTOS SUECOS

En Suecia, o interese polos contos populares comezou, igual que noutros países, na primeira metade do século XIX. Os arquivos suecos comezaron recompilando os contos recollidos en traballos de campo. Compoñíanse de manuscritos recibidos de correspondentes que percibían unha compensación económica polo seu traballo. Os textos eran supervisados e, posteriormente, clasificados. En 1910, na Universidade de Lund institucionalizáronse os estudos da cultura oral cando se fundou o Departamento de Estudos Escandinavos de Folclore Comparado. Catro anos máis tarde, en 1914, crearíase o Arquivo Dialectolóxico e da Memoria Popular.

Kittelsen_ForestTroll

A primeira colección de contos suecos publicada foi Svenska folksagor och äfventyr, ”Lendas e contos suecos”, editadas entre 1844 y 1849, obra de Gunnar Olof Hyltén-Cavallius (1818-1889) e de George Stephens, escritor inglés residente en Suecia, estudoso do folclore e da literatura medieval escandinava. Esta colección sería reeditada xunto con outras publicacións, actualmente esgotadas, en 1939 co nome de Svenska Sagor och Sägner “Historias e lendas suecas”. Un deses autores, Hyltén-Cavallius, acadararía posteriormente un grande recoñecemento grazas a súa obra “Ensaio da etnoloxía sueca” (1863-1868), que deitaría as bases sobre as que se asenta o estudo da cultura oral.

Posteriormente, en 1883, o historiador de contos suecos, Nils Gabriel Djurklov (1829-1904) faría unha recompilación dunha colección de contos marabillosos suecos que publicaría en Estocolmo co título Sagor och äfventyr berättade pä svenska landsmäl.

Les trolls et la princesse enlevée, 1915-John_Bauer_1915

Nos contos escandinavos, además de seres fantásticos, procedentes da mitoloxía vikinga antiga, atopamos outros seres imaxinarios que desenvolven un papel fundamental nos relatos. Aparecen os xigantes, os trolls, os ananos, os trasnos, o Näck (ser de xénero masculino dotado dun don musical), o Huldra ou Skogsrå (espírito da fraga) e a Sjöra (ninfa de auga que ás veces é de xénero masculino e outras feminino).

A palabra escandinava troll refírese a seres que case poderíamos confundir cos xigantes polo seu tamaño aínda que se diferencian destes en que os primeiros sempre viven en comunidade, cunha organización social semellante á dos humanos. Adoitan caracterizarse pola fealdade e teñen a peculiaridade de estar dotados de poderes máxicos.

Nøkken, baixa

Mais se o artista noruegués Theodor Severin Kittelsen (1857–1914), recoñecido ilustrador de libros de contos de fadas, creou uns marabillosos trolls que amosan toda a súa “fealdade”, dando vida a seres fantásticos antropomorfos inspirados e á vez mesturados coa natureza e as súas sombras, cun halo maligno, os trols do artista sueco John Bauer deixan de ser seres estúpidos e parvos para semellarse a “seres humanizados”, mangallóns e bos, seres tenros e melancólicos.