Antes de que Charles Perrault publicase os seus famosos Contes du temps passé en 1697, o napolitano Giambattista Basile recolleunos da tradición oral. Basile serviu como militar e durante as súas viaxes recolleu historias da tradición popular recompiladas no libro titulado O pentamerón. O conto dos contos, publicado postumamente en dous volumes entre 1634 e 1636. Igual que o Decamerón e As mil e unha noites, o libro emprega unha estructura narrativa que vai encadeando as historias.
En tempos de Perrault, a ilustración limítase a ser o frontispicio xenérico e unha viñeta ao comezo de cada conto. A imaxe non compite co texto nin pretende resumilo senón que encarna ao conto do que é emblema. Co emprego da xilografía a imaxe intercálase no texto, ofrecendo deste xeito unha lectura paralela. Este esquema perdura ata finais do século XVIII.