“Así foi John Lockwood Kipling”, por Beatriz Fraga
Cando falamos de Kipling pensamos unicamente no escritor Rudyard Kipling (1865-1936), autor do Libro da selva, de Kim e de The Man Who Would Be King. Mais antes dese Kipling hai tamén outro Kipling non menos importante aínda que si menos coñecido, John Lockwood Kipling (1837-1911). Nado en Pickering, North Yorkshire, Inglaterra, John Lockwood foi unha figura moi influente no movemento Arts&Crafts. Artista, escritor, director de museo, profesor e conservacionista, o pai de Rudyard é un gran descoñecido fóra da India, onde realizou gran parte da súa obra.
Ata o 2 de abril deste ano 2017, no Museo Victoria&Albert de Londres, co título de Lockwood Kipling:Arts and Crafts in the Punjab and London [Lockwood Kipling: artes e artesanía no Punjab e Londres], está aberta a primeira gran exposición sobre a súa traxectoria e legado. A exposición, realizada en colaboración co Bard Graduate Center (BGC) de Nova York, inclúe as mellores pezas de artesanía da india e do Paquistán e obras relacionadas co movemento Arts&Crafts, entre elas a súa colección de arte popular da India, a colección de antigüidades budistas de Gandhara (hoxe Peshawar, Paquistán), a cadeira para Bagshot Park, deseñada por John Lockwood Kipling e Bhai Ram Singh, e o piano decorado para Alice, a muller de Lockwood, polo artista prerrafaelita Edward Burne-Jones.
Hai un lugar onde hoxe o nome de Kipling significa inmediatamente Lockwood, non Rudyard, ese lugar é Lahore, unha cidade que cando viviu nela Kipling estaba situada no Noroeste da India e que agora é a capital da provincia paquistaní do Punjab. Coma no caso do seu fillo o escritor, a identidade de Lockwood Kipling estaba vinculada ao imperio británico. Mais, a diferenza de Rudyard, a súa vida e obra non foi estudada en profundidade ata o momento, isto é, ata a realización desta exposición e do seu amplo catálogo, nos que se explora o mundo de Lockwood dun xeito pormenorizado e con rigor histórico. Tampouco hai lugar máis apropiado para esta exposición que o Museo V&A, ao que estaba estreitamente vencellado, o mesmo ca ao ambiente artístico de South Kensington.
A fascinación polos oficios artísticos
En 1851 celébrase en Londres a gran Exposición Universal. En Hyde Park, eríxese para albergala un maxestoso Palacio de Cristal. De dimensións descomunais, o edificio, deseñado por Joseph Paxton —ilustrador, paisaxista inglés e arquitecto visoniario— xunto co enxeñeiro Charles Fox, semellaba ser un enorme diamante. Entre outras cousas, no seu interior os visitantes podían ver: o proceso íntegro de producción de algodón, o enorme diamante de 108 quilates Koh-i-Noor (Montaña de Luz) exposto nunha gaiola, coma se se tratase dun paxaro, e, entre as curiosidades, o primeiro inodoro ou unha fonte da que manaba auga de colonia. Con 6 millóns de visitantes, a exposición non deixou indiferente a ninguén e menos a Lockwood Kipling que, igual que moitos artistas coetáneos, quedou tremendamente impresionado polos obxectos expostos, principalmente por aqueles que procedían da India. Símbolo do progreso e a modernidade, a exposición demostraba a supremacía de Inglaterra como o país industrialmente máis avanzado do mundo. As colonias inglesas enviaron gran variedade de produtos que cativaron os visitantes. A mostra era unha mestura entre modernidade e artes tradicionais.
Lockwood comezou a súa carreira en 1861 como escultor no Museo South Kensington, que posteriormente pasaría a chamarse Museo Victoria&Albert. Estando traballando en Burlem, Staffordshire, no deseño da decoración da fachada do Instittuto Wedgwood, coñece a unha das irmáns MacDonald, Alice, cuñada do pintor Edward Burne-Jones. Despois de casar con Alice, Lockwood trasládase á India, onde será nomeado profesor de Escultura Arquitectónica da Escola de Arte Jeejebhoy, en Mumbai (Bombai). Como profesor e director da escola, creou tres obradoiros: Pintura Decorativa, Modelaxe e Traballo Ornamental en ferro forxado. Tamén dirixiu a Escola de Artes Industriais de Lahore (hoxe Facultade de Artes de Paquistán).

Artesán da madeira; da serie Artesáns do Noroeste da India, por John Lockwood Kipling (Outubro, 1870), lapis, pluma e tinta sobre papel.
Arts&Crafts na India
Cando Kipling chegou a Bombai atopouse cunha cidade en pleno auxe debido, fundamentalmente, á exportación de algodón. Decenas de impoñentes edificios de estilo neogótico eran construídos como símbolo de poder. Lockwood contribuíu á decoración arquitectónica de moitos deles. Realizou viaxes polo territorio hindú facendo debuxos para documentar os traballos dos artesáns locais nos seus obradoiros. En 1875, Kipling trasládase a Lahore, antiga capital do Punjab, en Paquistán, despois de ser nomeado director da que hoxe se coñece como a Universidade Nacional de Arte.
Un dos máis importantes logros de Kipling foi a reestructuración da educación artística, recorrendo a prácticas artesanais e tradicionais do deseño baseadas en modelos locais.
En colaboración co arquitecto hindú Bhai Ram Singh (1858-1916), deseñou a decoración dos cuartos da raiña Victoria en Bagshot Park, en Surrey en Osborne, residencia de verán da raíña na illa de Wight. Bhai Ram Singh deseñou o Museo de Lahore sendo Kipling un dos primeiros comisarios do devandito museo.
Lockwood Kipling defendeu o valor da arte e da artesanía da India e impulsou o talento dos artistas hindús valorando o traballo manual en contraposición ao traballo mecanizado. Continuando coas ideas do movemento Arts&Crafts, e como resposta á industrialización, relanzou a artesanía e a produción de mobles. Os seus informes describen debuxos, modelos e moldes de obras que se incorporan ao currículo da Escola de Arte cunha dobre finalidade, reavivar o interese nas artes tradicionais creando novos estilos e formas mediante a súa combinación coas artes industriais contemporáneas.
Xornalista prolífico, proxectou nos artigos que escribía os seus puntos de vista sobre a sociedade e a política, o ensino, a arte e o deseño.
A primeira edición do Libro da selva ou O libro das terras virxes, do seu fillo Rudyard Kipling, está ilustrado con magníficos gravados de Lockwood. Tamén ilustrou os Contos do Punjab da escritora británica Flora Annie Steel, que viviu durante moitos anos na India. En Popular Science Monthly, volume 40, publicado en 1892, Lockwood Kipling describe e ilustra con gravados un artigo sobre algúns dos animais da vida cotiá na India, coma o cabalo, o elefante e a cabra.