Os mortos agradecidos, ou a música como realidade
I’ll take a melody and see what I can do about it./
I’ll take a simple C and G and feel brand now about it.
—Allen Toussaint.
[“Hei coller unha melodía e ver con ela que facer ía./
Hei coller un Do e un Sol inxel pra me sentir un novel.”]
No caso de Jerry Garcia, músico fundador do grupo The Grateful Dead, o seu apelido non funciona só como unha etiqueta nominal senón que ten unhas coordenadas xeográficas precisas: a vila de Sada. Aínda que a familia consideraba A Coruña o seu fogar desde mediados do século XIX, a historia oral preservada polos seus biógrafos (Jackson, 1999, e Troy, 1994) sitúa o berce dos Garcia na localidade das Mariñas. En 1919, a familia asentouse definitivamente nos Estados Unidos. Foi Leonor Garcia Ross, tía do músico e única sobrevivente daquela viaxe transatlántica, quen transmitiu a irmáns e curmáns as orixes do apelido Garcia.
Resulta abraiante saber que o talento de Jerry Garcia non foi froito do azar. O seu pai, Jose Ramon “Joe” Garcia, era un músico que tivo que abandonar parcialmente a súa profesión para abrir un bar. A súa condición de outsider e a súa sensibilidade musical marcaron o carácter do seu fillo guitarrista.
The Grateful Dead e as Deadhead
A escolla do nome dun grupo musical transcende a estratexia de mercadotecnia para converterse, ás veces, nun manifesto filosófico constitutivo. No caso dos Grateful Dead, o nome funciona como un limiar entre o físico e o metafísico, unha provocación ontolóxica que desafía as concepcións modernas sobre a finitude.
A xénese do nome apunta a un achado casual no que azar e psiconáutica se cruzan. Os futuros membros do grupo estaban xogando ao Fictionary (un xogo de azar con palabras) cando Jerry Garcia deixou caer o dedo sobre a entrada dun dicionario. A frase que apareceu ante os seus ollos foi: Grateful Dead. Segundo sinala Sandy Troy na biografía que escribiu do músico, o grupo atopábase nun estado de percepción alterada pola inxestión de DMT. Ese contexto non é anecdótico: sitúa a orixe do nome nunha ruptura cos límites da consciencia ordinaria.

Así e todo, o concepto do “Morto Agradecido” non é unha invención psicodélica; esta pantasma agradecida é tanto un motivo coma un conxunto de contos populares presentes en moitas culturas. A historia máis común inclúe un viaxeiro que atopa o cadáver de alguén que nunca recibiu un enterro axeitado, xeralmente debido a unha débeda sen pagar. É nese momento cando o viaxeiro asume o pagamento da débeda do defunto ou o custo do seu enterro. Máis adiante, ese mesmo viaxeiro é recompensado ou salvado por unha persoa ou un animal que, en realidade, é a alma do defunto; o viaxeiro convértese así nunha representación da figura do doador. O morto agradecido pode adoptar formas diferentes, incluída a dun anxo da garda, un animal ou un compañeiro de viaxe. Curiosamente, o encontro do viaxeiro co defunto prodúcese sempre preto do final da súa viaxe.
Alén da literalidade, a fábula do “espectro agradecido” suxire que a verdadeira existencia comeza onde remata a tiranía da individuación. A gratitude espiritual disolve as fronteiras da propiedade privativa, do propio e exclusivo do suxeito: a persoa morta está en débeda coa viva e a viva convértese na presenza mundana do espectral. A través desta metáfora da débeda e a gratitude podemos achegarnos á interpretación filosófica da superación da individuación que forma parte do pensamento de Nietzsche.
Poderiamos dicir que o suxeito queda exposto á xenerosidade, á “caridade” entendida como o que implicaba a figura das Khárites gregas, a da graza mundana, a vida en toda a súa plenitude, alén das restricións do suxeito individuado. Iso é o que permite instituír o senso fóra do suxeito e fóra da comunidade e facelo sen necesidade dun vínculo transcendente ou inmanente; pola contra, como algo simplemente dado e recibido sen razón.
Precisamente, unha das motivacións do fracaso do movemento hippie, no que participaron os Grateful Dead durante a segunda metade do século XX, a da volta a unha comunidade solidaria, afonda a súa raigame na concepción comunitaria do protestantismo luterano. O movemento hippie buscaba a xustiza mais facíao partindo dunha base relixiosa —transcendente— da solidariedade comunal.
Vencellada coa concepción relixiosa de Lutero, na que a superación da individuación só é posible no vínculo relixioso do que Deus é único garante xa que a consciencia individuada, o suxeito relixioso autorrepresentado, é a cerna do cristianismo protestante; de aí as derivacións pseudorrelixiosas do hippismo e as seitas de tipo diverso a que deu orixe, sempre cunha presenza que controla a salvación, chámese gurú ou guía espiritual.
¿Cal foi a función especificamente moderna da autoconsciencia? ¿Por que falar do seu auxe ou orixe? Sería obviamente absurdo afirmar que antes de Lutero, Descartes e Kant a xente non tiña autoconsciencia. Así e todo, nas culturas premodernas a autoconsciencia no cumpriu o papel sistemático que pasou a desenvolver desde a reforma protestante. Algo que se ve claramente na importancia da lectura individual da Biblia e, no tempo dos hippies, o sobranceiro papel de determinados libros como guía espiritual dos suxeitos en busca da liberdade plena.
O círculo psiconáutico
Esa é unha das razóns polas que se pode afirmar que a proposta de Grateful Dead vai máis alá do estritamente musical para se converter nunha experiencia filosófica que agora podemos interpretar na súa actual conexión coas ideas de Nietzsche e o chamado “círculo psiconáutico”. Así denomina Peter Sloterdijk a aventura técnico-cognoscitiva de exploración do abismo que Nietzsche prefigura na súa teoría da traxedia.
A descrición nietzscheana do mundo parte dunha premisa radical: a vida individual, no seu illamento e fragmentación, é un “inferno”. Desde esa perspectiva, a existencia individual pódese percibir como un “inferno de individuación”, unha soidade radical que separa o ser humano da realidade mundana. Para rachar esas cadeas, o suxeito necesita superar a súa propia reclusión na individuación.
É nese punto onde a subcultura das Deadheads (persoas que seguen o grupo musical) funciona como unha manifestación moderna da fábula ancestral do espectro agradecido. As “cabezas mortas” e os “mortos agradecidos” aluden a que mediante a música e as drogas, isto é, mediante a embriguez e os soños, como apunta Sloterdijk na súa lectura de Nietzsche, se pode superar a individuación. O nome Grateful Dead convértese así nunha metáfora perfecta: somos espectros agradecidos que, mediante a música, logramos fuxir temporalmente do inferno da soidade individual.
Para comprender a importancia de Garcia, cómpre acudir ao “círculo psiconáutico” de Peter Sloterdijk, facer esa “viaxe” na que a descrición nietzscheana do mundo parte dunha premisa radical: a vida individual, no seu illamento e fragmentación, é un inferno. Unha condena que o suxeito só pode aturar superándoa de dúas formas:
- A embriaguez (Dionisos): onde a perda de control e a fusión co fluxo vital permiten crebar o principium individuationis.
- O soño (Apolo): onde a creación de formas e imaxes proporciona a serenidade necesaria para contemplar a verdade sen ser aniquilado por ela.
Dúas actitudes diferentes fronte á vontade. O instinto apolíneo alicérzase nos mundos oníricos, no soño. O ser humano que se atopa na realidade onírica contempla aparencias, endexamais pon en perigo a súa vida nin realiza unha acción, só observa. De aí que os soños sexan intelixibles, interpretables mediante a linguaxe. O dionisíaco, pola contra, é o estado de embriaguez, o influxo narcótico polo que o suxeito se mergulla nunha totalidade gloriosa, esquece a individuación da vontade na que está pechado.
Na súa embriaguez, o instinto dionisíaco abraza a relación fundamental entre dor e vontade; a diferenza do instinto apolíneo, que lle teme e que prefire obviala. De acordo con Nietzsche, a traxedia grega harmonizaba perfectamente os dous espíritos: rebordaba cos excesos dolorosos, nunha éxtase que envolvía ao público, mais tamén utilizaba a linguaxe da imaxe. Ao cabo, dun xeito ou doutro, na traxedia triunfa a supresión da individuación e da correlación humano-mundo.
Música e mundo, realidades unidas
A experiencia dun concerto dos Grateful Dead e a xestación da cultura “Deadhead” representan unha aplicación práctica deste compromiso apolíneo-dionisíaco. A música e a exploración psiconáutica non actúan como simples catalizadores senón como técnicas de autocoñecemento que permiten superar o cárcere da individuación. A cultura Deadhead é, polo tanto, unha necesidade existencial: a disolución do individuo nunha colectividade que vibra na mesma esfera de resonancia, onde a linguaxe e a arte son recoñecidas como bens comúns.
"A música, tal como a entendemos hoxe, é tamén unha excitación total e unha descarga total dos afectos, pero, aínda así, non é máis que o resto dun mundo de expresión dos afectos moito máis pleno, un simple residuo do histrionismo dionisíaco. Para facer posible a música como unha arte separada, foron inmobilizados (polo menos relativamente, pois ata certo punto todo ritmo segue apelando aos nosos músculos) unha serie de sentidos, especialmente o sentido muscular; de xeito que o ser humano xa non imita nin representa corporalmente todo o que sente. Non obstante, ese é realmente o estado dionisíaco normal, polo menos o estado orixinal. A música é a especialización dese estado, alcanzada lentamente a expensas daquelas facultades que están máis estreitamente relacionadas con el." [Götzen-Dämmerung oder Wie man mit dem Hammer philosophirt, "O solpor dos ídolos, ou como filosofar cun martelo"]
Para Nietzsche a música moderna é un “residuo” porque se separou do corpo. Antigamente, sentir un ritmo implicaba moverse (o “sentido muscular”). Ao converterse nunha “arte separada”, a música apréndenos a estar quietos nunha cadeira mentres escoitamos unha sinfonía. Esa inmobilización é unha forma de domesticación: o corpo inhibe a súa resposta total para concentrar toda a enerxía no oído, conságrase así a separación entre kósmos aisthetós e kósmos noetós, entre o sentido e o pensado, na que se basea a individuación e a centralidade do suxeito como dador de senso fronte ao resto das cousas do mundo, que agora só existen porque un suxeito as pensa.
A letra “G”: un idioma é inapropiable
Neste corpo sonoro, a letra “G”, que en inglés tamén representa a nota Sol da escala musical, adquire unha resonancia que a une á literalidade; esta inicial céibase da marca de identidade persoal (Garcia) para superar a linguaxe do privativo; igual que a música de Jerry Garcia, ningunha letra é patrimonio privado senón campo de relacións literais onde o mundo se ceiba do suxeito para acceder ao senso.
A arte e a literatura non deben ser entendidas como un culto á personalidade do “xenio”. Seguindo esta premisa, a linguaxe literaria non pertence a ninguén en particular; é o medio que amosa a nosa igualdade ontolóxica. Ao abandonar a “sociedade do espectáculo” en favor dunha “igualdade ontolóxica non individuada”, a persoa artista redefine o seu papel: de ser un ídolo separado, pasa a ser o medio a través do cal a arte se sitúa no mundo.
O termo “Deadhead” (cabeza morta) revela a súa realización última: o individuo decide “morrer” nunha descreación que nada pode posuír. A estética musical apréndenos que a gratitude xorde cando o suxeito se retira, permitindo que a música sexa libre e compartida. Inapropiable.
Bibliografía
Jackson, Blair (1999). Garcia: An American Life. Nova York: Viking.
Kaufmann, Walter (1954), The Portable Nietzsche. Nova York: The Viking Press, 1976.
Sloterdijk, Peter (Der Denker auf der Bühne. Friedrich Nietzsches Materialismus, 1986), Le Penseur sur scène. Le Matérialisme de Nietzsche, trad. fr. Hans Hildenbrand, París: Chrisitan Bourgois Éditeur, 1990, reed. 2000.
Troy, Sandy (1994). Captain Trips: A Biography of Jerry Garcia (1st ed.). Nova York: Thunder’s Mouth Press.
