Esta presentación de algo que non está non se confunde, de xeito ningún, coa imitación: un monocromo azul de Klein, un negro de Soulages, tamén é a presentación de algo ausente, simplemente porque é a ausencia de algo presente. En efecto, en tanto que cadro, o monocromo, ese obxecto de tres dimensións, esa tea tensada sobre un bastidor, xa non é un obxecto tridimensional no que valen todas as súas caras senón unha superficie coloreada contemplada en tanto que tal. Ver o monocromo —que non imita nada— non é considerar o cadro como un obxecto cuxo anverso equivale ao seu reverso, por exemplo; non é necesario reparar na sección do cadro senón na súa superficie. Trátase de reducir a dúas dimensións unha cousa de tres dimensións: unha superficie dunha soa cor. O cadro, polo tanto, representa incluso se non se parece a nada (por outra banda, tampouco non é copia dun obxecto do mundo existente) pois auséntase unha dimensión, a terceira, a fin de crear un efecto de superficie. Ao facer que unha dimensión do obxecto se ausente, faise recoñecible a forma pictórica desa obra: ao facer ausentarse unha dimensión espacial do obxecto presente, faise presente algo que está ausente na tea.
Tristan Garcia, Forme et objet, cap. VII, “Représentations”, páxs. 272-273