Beatriz Fraga: sobre Yves Klein e a cor azul

Ampliando a súa indagación arredor da cor azul, Beatriz Fraga propón agora un achegamento á figura e a obra do pintor Yves Klein. Este artigo novo inclúese na serie iniciada con Teoría do azul” e que a autora de O Rei Portador continuou en A materia do azul”,  Azul Parrish” eO azul morpho, a cor tímbrica das feras. Todos eles publicados en euseino.org.

 

“O azul Klein, o absoluto visible”, por Beatriz Fraga

Un dos termos máis significativos da reflexión estética de Theodor W. Adorno é a forma como contido social. No Ensaio sobre Wagner, escrito durante o seu exilio londiniense di:

As obras de arte, en tanto que obxectos do espírito, non son algo terminado. Son unha rede de todo tipo de intencións e de forzas posibles, de tendencias internas e dos seus contrarios, de logros e de fracasos necesarios. Obxectivamente, destácanse e perfilan novos aspectos delas, outros, polo contrario, esvaen e morren. Adoptamos unha actitude auténtica ante unha obra de arte, non adaptando, como se di, esta á situación nova senón máis ben descifrando na obra aquilo fronte ao que reaccionamos doutra forma en virtude da historia.

Esta reflexión de Adorno ante a obra de Wagner poderíase extrapolar á obra plástica de Klein.

Yves Klein (1928-1962) foi unha importante figura dentro do movemento neodadaísta e un elemento fundamental da vangarda en Europa despois da Segunda Guerra Mundial. Klein e Les Nouveaux Réalistes pensaban que o artista debería ser un instigador, un creador de estímulos.

O artista naceu nunha familia dedicada á pintura. Fillo do pintor holandes-indonesio afincado en Francia Fred Klein e da pintora francesa Marie Raymond, non recibiu formación artística como tal. Estudou na École Nationale de Languages e na École National de la Marine Marchand. Debido á vida bohemia dos seus pais, Klein criouse cos seus avós en Niza.

Apaixonado polo deporte do judo, chegou a ser cinto negro nesta disciplina, publicando o libro titulado Os fundamentos do judo, logo de estudar no Instituto Kadokan de Toquio desde 1947 ata 1952/53. A negativa da Federación Francesa de convalidar o diploma xaponés frustrou a súa carreira deportiva facendo que se volcase na artística.

 

De como repartir o mundo

Poderíase dicir que todo comeza coma nun conto de fadas. Un día de praia, divagando cos seus amigos Armand Pierre Fernández e Claude Pascal, decidiron “dividir o mundo” entre eles: Arman (creador das denominadas Acumulacións, composicións de obxectos desubicados) adxudicouse a terra; Pascal, o poeta, quedou coas palabras e Klein escolleu o espazo etéreo que rodeaba ambas, o ceo. Poderíase dicir que esa tarde Klein asinou a súa primeira obra, o ceo azul de Niza. Posteriormente o artista descontextualizaría a cor azul do ceo creando unha coloración nova, o International Klein Blue (IKB), cor pola que sería coñecido mundialmente.

A singularidade do IKB non radica no pigmento en si senón no aglutinante da resina sintética na que se suspende a cor, que permite que esta manteña a súa intensidade cromática. Esa resina é un acetato de polivinilo comercializado, no seu momento baixo o nome de RHODOPAS M ou M60A e que se segue vendendo baixo o nome de Medium Adam 25. Aínda que non está rexistrada como patente, esta cor creada por Klein en colaboración con Edouard Adam (un provedor de pinturas artísticas parisino) foi rexistrada no Instituto Nacional da Propiedade Industrial de Francia (INPI), no que se inscribiu a fórmula baixo o nome de International Klein Blue (IKB).

Pero, ademais do azul, as obras de Klein están tinguidas doutras cores. O dourado, que aparece nas súas obras como material precioso e simbólico, atopa a súa máxima expresión nos Monogolds, ou paneis rectangulares con follas de ouro resplandecentes. O azul, o rosa e o dourado, tres cores que se unen nas denominadas pinturas de lume, nas que os cartóns, ou lenzos, son modificados a partir da combustión ignífuga. Os soportes pictóricos, mollados con auga e queimados posteriormente para crear ¨trazos”, combínanse en ocasións coas antropometrías.

 

De como prevaleceu o azul

Segundo se pregunta o propio pintor:

¿Como cheguei a esta época azul? Porque antes diso presentei na Galería de Colette Allendry, en 1956 e en 1955 (no Clube de Solitarios) unha vintena de superficies monocromas, de distintas cores, verde, vermello, amarelo, violeta, azul, laranxa […]. Trataba de mostrar a cor e na inauguración deime de conta de que o público, en presenza de todas esas superficies de distintas cores que colgaban dos muros e prisioneiro dos seus hábitos ópticos, reconstruía os elementos dunha policromía decorativa… Na miña opinión, as cores opostas nunha mesma tea forzan a quen as contempla non a entrar na sensibilidade, na dominante, na intención pictórica, senón que o forzan a ver o espectáculo do combate destas dúas cores, ou o dun completo entendemento entre elas. É unha situación psicolóxica, sentimental, emocional, que perpetúa unha especie de reino da crueldade.

 

Os homes azuis e as antropometrías

A comezos da década de 1970, pouco antes da morte prematura do artista, Klein propúxose facer un retrato colectivo dos seus amigos e compañeiros. Unha obra en relevo (realizada con moldes de xeso) cuberta polo International Klein Blue sobre un fondo de ouro a tamaño natural que lembra as estatuas imperiais romanas.

A arte corporal xurdiu co grupo Fluxus en 1958 nos Estados Unidos e espallouse por todo o mundo a partir do Fluxus Festival celebrado en 1963, proclamándose como un movemento artístico sociolóxico que dilúe a arte no cotián.

Klein, preocupado por rachar con toda forma de expresionismo, rexeita o uso do pincel, instrumento que el consideraba excesivamente psicolóxico, e emprega rolos para pintar, instrumento que consideraba máis “anónimo” e que lle permitía manter unha distancia entre el e os seus lenzos. Pero, de 1958 a 1960, foi máis alá, empregando unha técnica na que modelos actuaban a modo de pinceaux vivants (pinceis viventes). Baixo a súa dirección e instruccións, as modelos, impregnadas de pintura, deixaban as súas “pegadas” no lenzo. Estas son as denominadas Antropometrías (Anthropométries), tal e como as bautizou o seu amigo e crítico Pierre Restany.

Un deses acontecementos performáticos tivo lugar na Galerie Internationale d’Art Contemporain de París o 9 de marzo de 1960. Mentres os músicos interpretaban a Sinfonía monótona silencio, peza musical composta por Klein que, cun acorde único sostido durante vinte minutos seguido de vinte minutos de silencio meditativo, simboliza o ton emitido polo ceo azul e branco e o baleiro que enfatiza a harmonía universal. O artista, vestido de smoking, dirixía as accións de tres modelos espidas que botaban por riba do corpo a pintura e posteriormente estampaban as súas siluetas nun lenzo branco situado no chan.

Na Grande antropometría azul (ANT 105), as formas corpóreas das figuras son ilexibles e os movementos quedan plasmados como manchas de pintura.

 

Deusas en azul

Coñecida como A victoria de Samotracia, ou Niké de Samotracia, esa escultura helenística foi reintrepretada e tinguida por Klein coa cor que leva o seu nome. A escultura, un baleirado de 51 centímetros, está feita con resina sintética. En Venus Blue (1960), Klein aplicou a un xeso da Venus de Milo o seu monocromo azul, establecendo así unha relación entre o cosmos e a forma humana:

En 1946, eu pintaba xa fose baixo a influencia do meu pai, pintor figurativo, paisaxes con cabalos ou escenas de praia; xa baixo a influencia da miña nai, pintora abstracta, composicións de formas e cores. Nesa mesma época, a “cor”, o espazo sensible puro, apreixaba o meu ollo de maneira irregular pero obstinada. Esa sensación de liberdade total do espazo sensible puro exercía sobre min tal poder de atracción que eu pintaba superficies monocromas para ver cos meus propios ollos iso de absoluto que ten o visible. Daquela, non consideraba eses intentos como unha posibilidade pictórica, ata que un día, un ano despois, dixen para min: “¿Por que non? Na vida do ser humano, o por que non decídeo todo, é o destino, o sinal que para o creador incipiente indica que o arquetipo dun novo estado de cousas está listo, que xa madurou, que pode emerxer no mundo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s