“Tempo cristalizado, memoria condensada”, por Óscar Pazos

Representación epistemolóxica e materia caótica

O xeólogo e ensaísta Óscar Pazos, coma nos artigos anteriormente publicados Tempo inerte e O tempo e a forma no antropoceno, propón agora unha reflexión sobre como o tempo se incorpora á materia creando un rexistro concreto de sucesos. Non hai materia xeolóxica sen memoria, non hai proceso sen rexistro, e non é posible que o rexistro non se altere.

Mais o tempo queda incorporado das formas máis sutís, mesmo chegando á total condensación da materia na pura forma, coma unha memoria topolóxica. O tempo condesado nas simetrías dos cristais, nas superficies das rochas e nos límites das series e secuencias é un tipo de “memoria” da que collemos a información que nos permite reconstruír un “pasado” xeolóxico. Neste artigo, trátase unha realidade experimental nova, inaudita e apenas comprensible para a maioría de nós: os cristais de tempo. Tentando imaxinar eses cristais de tempo dende a experiencia xeolóxica, o autor bota man do coñecido paradoxo do devir heraclíteo, o da metáfora dun río que nunca é o mesmo río.

Materia caótica dun carballo representada polo tipo de corte ou sección efectuado tecnicamente.

Cristais de tempo

En 2012, o Premio Nobel Frank Wilczek teorizou sobre a existencia de cristais de tempo nos que as simetrías se materializarían na dimensión temporal en troques de facelo no espazo coma os cristais ordinarios que coñecemos. As súas teorías axiña se aprobaron e hoxe eses cristais temporais son realidades experimentais, aínda que fuxidías, apenas faíscas cuánticas criadas nos aceleradores de partículas. Polo de agora, non sabemos de nada diso na realidade, se é que alguén está nesa procura. Sexa como for, o salientable destes cristais de tempo é que, de feito, o tempo non pasa por eles ao ficar pechado na propia simetría coma nun xogo de espellos.

En aparencia, os cristais de tempo poñen do revés o ser-non-ser heraclíteo, compórtanse coma un río en movemento que segue sendo sempre o mesmo río aínda que o temporal non se chega a concretar, non se rexistra, simplemente é. Se puidesemos cruzar un río de tempo, fariámolo sempre no mesmo momento mais, se callar, non da mesma forma. É obvio, os cristais do tempo teñen marabillados os físicos e tamén os teñen preocupados na súa busca de os facer cadrar co segundo principio da termodináica, cousa que non está resolta. Abofé, a sensacional descuberta desafía o ser-non-ser heraclíteo tanto coma a nosa experiencia cotiá, secasí nun sentido distinto.

Contradicir a Heráclito resúltanos unha experiencia trivial amais de necesaria para acadar a continuidade e non sucumbir nun caos cognitivo. O río que cruzamos a diario é sempre o mesmo río, e así ten que ser para saber percorrer o camiño de volta. O seu circunstancial carácter non muda a repetida experiencia de cruzármolo cada día, leve máis ou menos auga, veña cunha enchente ou mansío. Ímolo facer de distinta forma mais sempre cruzamos o mesmo río. O sofisma heraclíteo pon en cuestión esa nosa experiencia cotiá do mundo, que semella máis o que sería un perfecto “cristal de espazo” polo que non pasaría o tempo, sendo sempre perfectamente igual a si mesmo.

Aprender xeoloxía é un xeito coma outro calquera de enfrontar o caos cognitivo para crear unha orde intelixible, secasí a relevancia dos límites na orde xeolóxica é moito máis ca unha necesidade, é unha evidencia sensitiva, visual, mesmo corporal, táctil. Ocórreseme que a música ofrece unha experiencia corporal, nese caso sonora, igualmente sensitiva dos límites metida nos ritmos, acordes, escalas tónicas, etc., mais a música ten lugar esencialmente no tempo e a súa dimensión espacial é problemática. Pola contra, a miúdo os límites xeolóxicos pódense ver, atravesar e apalpar, e as súa xeometría son os dentes de chave que nos abren a dimensión temporal. Velaí que descifrar a orde xeolóxica é, no inicio, unha aprendizaxe dos límites espaciais que envolven os tempos. E aquí a ontoxénese da aprendizaxe persoal reproduce a filoxenia da epistemoloxía da ciencia.

No revoltallo de rochas informes, apenas diferenciables unhas doutras, adoito esmagadas e remexidas, os límites son o abecedario da aprendizaxe xeolóxica. O recoñecemento dos minerais comeza tamén coas caras ben definidas dos cristais máis regulares: a forma xeométrica como manifestación da substancia mais tamén do tempo, por exemplo, nas pátinas, brillantes ou máis deslucidas que notamos nesas superficies. A orde secuencial das camadas sedimentarias definidas por límites ben paralelos e ordenados conforme a un sentido temporal —o máis vello, abaixo, o máis novo enriba— non só é o fundamento da xeoloxía básica que hoxe se aprende na escola, foi tamén a primeira guía xeolóxica dunha ciencia en formación e que, de feito, naquela altura non semellaba poder facer outra cousa que ordenar no tempo a secuencia de sucesos máis ou menos sorprendentes. Mais, unha vez aprendida a orde sedimentaria ideal, a aprendizaxe pasa ás dobras, cortes e crebas, a recoñecer as fallas e as deformacións xeolóxicas e os seus signos, atendendo entón ás puras xeometrías e formas dos obxectos xeolóxicos para resolver a deconvolución do revoltallo de xeometrías pregadas e escachadas outra vez ao estado ideal de camadas sedimentarias superpostas, as novas enriba das vellas.

E así foi como nun ambiente epistémico de aceleración e novidades, o xeito en que James Hutton definiu en 1787 a disconformidade angular que leva seu nome, entre o Silúrico e o Devónico e Carbonífero de Escocia, converteuse nun fito fundacional da ciencia xeolóxica. E aínda hoxe, a resolución dos “cortes xeolóxicos” é unha esixencia curricular case que litúrxica para os estudantes galegos do bacharelato de Ciencias; de feito, por formar parte estes problemas das oposicións do propio profesorado. A episteme actual tende a reproducir a filoxenia da propia ciencia.

Secasí, a definición dos límites xeolóxicos non é un simple constructo epistémico: moito do traballo e da investigación xeolóxica aplicada concrétase na súa pescuda e cartografía. Na investigación xeomineira, por exemplo, todos os esforzos van dirixidos a definir os límites do xacemento e o obxectivo principal da xeoloxía económica é concretar os límites entre recursos probados, posibles e potenciais. Certo que na dificultade temos tamén a evidencia destes limites non seren xa triviais, polo contrario, ben sutís e esquivos.

Procesos formativos e destrutivos

Así e todo, volvendo ao caso simple dos cortes xeolóxicos, a súa deconvolución tampouco ten propósito restaurativo, ou apenas, pois o interese non é tanto recuperar a situación inicial como reconstruír o propio proceso de deformacións que creou o revoltallo. E velaí que, en último termo, o obxecto da xeoloxía non son os sedimentos, non son as rochas vellas, non son os minerais, nin sequera restaurar o pasado, son os procesos que forman as rochas e as transforman, son os procesos formativos e destrutivos do planeta. De non ser así, a xeoloxía non había ser máis ca un simple colecionismo de rarezas e curiosidades naturais, unha busca de tesouros, ou unha simple crónica de sucesos. Ao pasarmos dos obxectos e os sucesos para estudar os procesos é cando entramos, xa de verdade, na xeoloxía.

O sofisma de Heráclito tivo o valor de se formular no intre en que os filósofos gregos pretendían obxectivar o coñecemento. Heráclito facía crítica do idealismo filosófico xusto na súa alborada. Mais, de certo, a súa ontoloxía do ser-río como devir, percurso ou discurso, cadra ben co que son os procesos xeolóxicos que atravesan o espazo e o tempo. Tampouco para a xeoloxía hai un río ideal, unha entidade metafísica ou unha lei matemática necesaria. A xeoloxía non é platónica. A xeoloxía é unha ciencia sen leis nin fórmulas, polo que tampouco ten excepcións, apenas anomalias. Na xeoloxía impera a casuística. Dese xeito, nin hai un río que sexa modelo de todos os ríos nin un rio pode ser modelo de seu. O Miño non é o mesmo río hoxe que hai dez millóns de anos mais tampouco no seu nacemento no Pedregal de Irimia e na súa foz na Guarda ten o Miño moito que ver consigo mesmo. E non quere dicir isto que na xeoloxía impere o relativismo, que moitas veces se confunde co feito de non haber leis fortes: pecisamente, os procesos xeolóxicos non son arbitrarios porque están vencellados a circunstancias e contextos materiais concretos.

E velaí a cuestión. Que un río fique a ser o mesmo río despois de que pase un instante ou dez millóns de anos, malia ser evidentemente outro río, ten que ver coa súa memoria xeolóxica. Un río é o mesmo río que foi en tanto discorre pola sua propia memoria xeolóxica, escrita nas fendas que o abrollaron, labrada nas rochas que erosionou, impresa nos vales que el escavou e acumulada nos sedimentos que amoreou.

Memoria é toda aquela información do pasado incorporada na materia e a partir da cal podemos reconstruír un pasado xeolóxico, facer unha historia xeolóxica. É dicir, toda a forma da materialidade que permite saber do río é memoria xeolóxica do río.

O río encana na súa propia memoria. Toda a xeoloxía do río fala da súa representación, resumida —condensada— nunha paisaxe. A paisaxe do río vai dende as montañas ata o mar, cubrindo toda a bacía fluvial, os vales (non só os leitos) mesmo meténdose baixo terra… Todo iso é a memoria do río, ao que se lle podería chamar ser-do-río en contraposición ao que sería o fluír-do-río. Por tanto, o río na mirada xeolóxica vai alén do río-proceso, do río-fluir, río-devir heraclíteo. A continuidade que non hai neste río-proceso, na auga do río sempre a mudar nin nas pedras que rolan, está na memoria xeolóxica do río: o leito, a bacía, as erosións e sedimentos que acumula… Todo iso forma un continuo co que as representacións humanas dan coherencia ao río no tempo e no espazo. Só desde o punto de vista humano, o ser do río non é a materia instantánea, é a sua memoria xeolóxica.

De aí que o paradoxal cristal de tempo nos debruce nunha contraintuitiva descorrelación entre espazo e tempo, pois se estamos afeitos á ficción dunha paisaxe fixa nun tempo que pasa, nese estraño universo a experiencia sería a de transitarmos o espazo sen pasarmos o tempo. A cuestión que xorde na miña perspectiva xeolóxica, claro, é que clase de memoria deixaría ese devir puramente espacial. Podémolo imaxinar? Podemos, por acaso, ter unha perspectiva da paisaxe deixada por un río remontando o seu propio tempo? Acho que sería unha experiencia onírica, como atravesar unha paisaxe sen mudar a nosa posición relativa, ou revivir unha experiencia sen ter memoria dela, o famoso déjà vu. E este é o tipo de memoria que eu esperaría atopar nas rochas dunha “terra de tempo”, unha memoria onírica, dubitativa, fuxidía, irrepetible e, ao cabo, non moi diferente da nosa memoria humana.

“O tempo e a forma no antropoceno”, por Óscar Pazos

Transformación da materia e manifestación aparencial

O xeólogo e ensaísta Óscar Pazos volve facer neste artigo, coma antes en Tempo inerte, unha reflexión fundamental na que a ollada científica pon de manifesto a súa relación co senso metafísico. Substancia e aparencia non son necesariamente contrarios, os minerais revelan a correspondencia perfecta entre estas dúas categorías aparentemente opostas. A aparencia material reproduce o íntimo artellamento molecular dos minerais. Nesa absoluta correspondencia do hábito externo coa súa natureza íntima, atopamos un xeito de honestidade, de pureza: as calidades formais son ao tempo estruturais, non hai engano. O tempo xeomorfolóxico non se trata dunha superación do pasado senón dunha reelaboración de pasados infinitamente condensados na pura forma do relevo.

“Despois da choiva de primavera”, por László Mednyánszky (1852 – 1919)

Substancia e aspecto

Na xeoloxía as calidades aparentes son substanciais, a forma é constitutiva e o mesmo aspecto definitorio. Ás veces o barallete técnico semella ter a única función de acochar a propia trivialidade e dar carácter esotérico ao evidente. Así, a división fundamental das rochas ígneas entre leucocráticas e melanocráticas non sinala outra cousa que a súa coloración pálida ou escura. Dado que a cor branca ven en xeral determinada pola cantidade de sílice —ou seixo— na composición, que depende da orixe continental ou mantélica dos magmas e, á súa vez, confire propiedades substanciais, coma a alta temperatura de solidificación e viscosidade, a simple tonalidade das rochas ígneas revela unha extraordinaria información sobre a súa xénese e natureza. As cores brancas e luminosas dos granitos galegos infórmannos da súa orixe continental e da súa sobresaturación en sílice, evidente por outra banda nas moreas de seixais en boa parte da nosa terra, mentres que as características cores negras da Macaronesia atlántica, Os Azores, Madeira ou As Canarias, responden á orixe mantélica destes arquipélagos no medio do océano.

            En certo sentido, a calidade do “mineral” residiría na perfecta correspondencia entre aspecto e substancia. Moita da marabilla acotío sentida á vista dos espectaculares poliedros minerais dos museos e coleccións atopámola nesa perfección coa que a aparencia visual reproduce o seu íntimo artellamento molecular. Nesa absoluta correspondencia do hábito externo coa súa natureza íntima, atopamos un xeito de honestidade, de pureza: as calidades formais ao ollo son ao tempo estruturais, non hai engano.

            Tamén os mosaicos dos distintos minerais e o seu artellamento no espazo dan calidades substanciais á rocha no conxunto, do que especificamente se ocupa a petrografía. Textura e fábrica son termos petrográficos para nos referir a esas tramas que conforman a estrutura das rochas conferíndolles as súas particulares propiedades e fisionomía por riba da composición mineral. De feito, a porosidade ou fisuración —é dicir, os baleiros de calquera rocha— determinan boa parte dos seus comportamentos e calidades, de xeito que a medida e descrición das porosidades importa na práctica tanto ou máis que a composición mineral da rocha. Mais hai unha especialidade xeolóxica (disque a menos aplicada de todas) que fai da pura forma o seu campo de estudo: a xeomorfoloxía, e o que a xeomorfoloxía procura no estudo das formas da paisaxe é nin mais nin menos que a historia da Terra, as pegadas e revolucións do tempo no planeta.

Sucesión de sucesos: o actual e o inactual

            A diferenza da aproximación estratigráfica que reconstrúe a historia do planeta atravesando a secuencia de sedimentos e deste modo representa o tempo segundo a —aínda— común representación lineal, coma unha sucesión de sucesos, a mirada xeomorfolóxica enfróntase a un pasado enteiramente condensado na superficie da Terra, todo á vista no presente. Todo o novo e o vello é tan actual coma real na paisaxe. Se cada novo sedimento descansa sobre o vello, agochándoo, na paisaxe o presente aparece moldeado nas formas do pasado, outorgándolle á totalidade unha particular continuidade e significado que é o sentido do presente. O presente, de feito, aparece coma unha representación particular do pasado, inseparable del. Se o tempo estratigráfico amosa unha memoria episódica, de feitos estancos, desartellados, o tempo xeomorfolóxico amósanos unha memoria completa, desorganizada mais integrada e significativa, e moito máis real, realista ou sensitiva. Ao afondarmos no pormenor da paisaxe, en calquera punto, os eidos temporais de cada rocha ou solo concrétanse mais, de feito, acotío perdemos de vista o presente mesmo nesta operación analítica. O que conforma o presente e lle outorga sentido é precisamente aquela particular e significativa configuración do pasado no seu conxunto.

            A falta de substancia, por ser materia aínda en transformación —a sedimentar—, ou en destrución —en erosión—, é característica dos procesos xeomorfolóxicos. O baleiro de materia configura a superficialidade do relevo e dá unidade á paisaxe, impresa sobre materiais e procesos xeolóxicos diacrónicos e dispares. O baleiro funciona como unha discontinuidade que dá aparencia de unidade ao relevo, poñendo á vista materiais e suscesos moi distintos e independentes  nunha mesma superficie. O presente (que sería a paisaxe agora mesmo) é unha aparencia de continuidade sobre o que, materialmente, son cousas diversas (rochas, fallas, formacións, minerais). 

Se cadra a mellor definición desta condición xeomorfolóxica do presente a atopamos no nome que a Física astronómica dá ao límite no que luz e tempo son definitivamente atrapados polo sorbedoiro gravitacional dun burato negro e o condensan cara a el: o horizonte de sucesos. A paisaxe presente amósase como un horizonte de sucesos xeolóxicos, algúns en marcha, outros de feito rematados hai moito tempo mais que abrollan no presente coma palimpsestos. Mesmo formando un revoltallo un tanto caótico, a paisaxe do presente dá continuidade a estes pasados relevando uns procesos e suavizando outros, tendo unha función todos eles no momento actual.

Axente xeolóxico externo

            Arestora o presente da humanidade ven definido polo antropoceno, tempo dunhas  comunidades humanas convertidas de lonxe no principal axente xeolóxico externo e que afondan aceleradamente as súas intervencións na codia terrestre, de xeito que a acción humana configura hoxe o presente do propio planeta. No antropoceno, os procesos humanos son tamén xeolóxicos e, abofé, os procesos xeolóxicos viran humanos; as diferenzas esboróanse. Se a proliferación de sufixos temporais como neocolonialismo, tardocapitalismo, posfordismo, neoliberalismo, posmodernismo ou mesmo retrofuturismo nos informa da actual urxencia por redefinir os procesos humanos en función das condicións deste presente planetario globalizado, a amplitude da urxencia sinala tamén a necesidade de renovación epocal: o propio tempo precisa ser anovado. Nesta esixencia, atopo a temporalidade xeomorfolóxica moito máis adaptada a este novo presente do antropoceno que a vella temporalidade estratigráfica, secuencial, de progreso lineal, modernizador.

            O tempo segue seu devir, secasí o porvir non é a novidade senón reformulación do vello, do xa visto. No tempo xeomorfolóxico non hai progreso, os procesos son cíclicos: o planeta está a anovarse e ao tempo a avellentar. A espallada sensación de fin-da-historia resultaría desta mudanza de orde cósmica dende o tempo lineal, evolutivo, ao presente condensado, continuo, amplo, de reformulación do vello. Abofé, na nosa altura vivimos o paso dun tempo ao outro cun desacougo existencial por esa falta xeral de futuro mais cada orde temporal ven acompañada dos xuízos de valor que lle son propios e, se a teleoloxía do progreso atopou na liña da evolución unha potencia emancipadora, o tempo xeomorfolóxico dota o presente de fortes raíces. Renunciando a puxar da historia asistimos a un rexurdir da xeografía. Abofé, non é o caso de voltar aos determinismos xeográficos de hai un ou dous séculos —aínda que discursos coma os do norteamericano Robert Kaplan en The Revenge of Geography (“A vinganza da xeografía”) sexan sintomáticos— senón de ser conscientes da relevancia desas memorias formais na fábrica social, memorias que de xeito ocasional ou recorrente aparecen rexurdir coma palimpsestos sinalando a sombra das vellas institucións sociais e políticas, manifestándose nas novas. A resistencia e consistencia deses sutís gradientes xeográficos das estatísticas educativas, sociais, económicas ou mesmo electorais actuais que reproducen fronteiras de imperios desaparecidos hai séculos, ou da práctica da escravitude, ou do réxime da propiedade, amosan as vellas memorias políticas, económicas e institucionais actuando a través das novas. 

             Na mirada xeomorfolóxica, a paisaxe xa non aparece coma unha superación do pasado senón como unha reelaboración de pasados infinitamente condensados na pura forma do relevo. Fronte á orde estratigráfica de cada tempo novo construído con independencia dos pasados que sepulta, a paisaxe incorpora o novo e o vello no límite das formas. Mais a forma acumula dun xeito moi distinto do que a materia; e disque esta visión achega unha nova transcendencia. O pasado xa non vén dado por materialidades mortas, litificadas, senón que aparece nas formas incorporadas, reproducidas; tratamos hoxe con memorias topolóxicas, inmateriais.

            E velaquí a última cuestión a apuntar sobre este novo tempo condensado do antropoceno: a relación entre a forma e os límites. Porque os límites son as formas da materia no seu colapso. E efectivamente, o antropoceno é un mundo chegado aos seus límites materiais e no que o devir das formas se volve substancial.

“Tempo inerte “, por Óscar Pazos

A transformación da materia na medición temporal

O xeólogo e ensaísta Óscar Pazos fai neste artigo unha achega singular e nada habitual ao estudo do tempo na materia inerte. Ao analizar o método de medición da Fission-Track, adéntrase na maneira en que o tempo se inscribe na materia e en como ese rexistro das transformacións inflúe e acaba por determinar a representación temporal humana.

Sen título, por Hilma af Klint

Tempo material e tempo absoluto

Transitamos un mundo en crise, no que todo pode ser cuestionado e no que todo, por tanto, hai que reflexionar sobre todas as cousas. Na altura actual desta fonda crise descartiana, na que a dúbida e a reflexión asentan como ferramentas para reconstruír a realide sensible —quer dicir, o experimentado—, tócalle ao tempo constituirse en obxecto de reflexión sobre o que reacomodar a nosa percepción. De certo, modificar o calendario, medir a marcha dos astros e andar nas cuestións do devir e o porvir foron de sempre a prerrogativa do poder máximo, pois regular os tempos vividos, determinar o compás do día a día, ordenar os ciclos sociais, produtivos, económicos, reprodutivos, son a materia sobre a que opera o poder e que dun xeito básico se pode exemplificar nos actos esenciais de dar principio e fin á vida. Por tanto, alén do alcance teórico e práctico das moitas tentativas actuais de definir ou imaxinar experiencias e sensibilidades diferentes ao hexemónico tempo-valor operado nas relacións capitalistas, non cabe negar a profunda ambición política destes cuestionamentos, o seu carácter subversivo e, tentativamente, emacipador.

A través da experiencia xeolóxica do tempo nas rochas, neste artigo pretendo explorar as relacións entre o suposto inerte —o material— co tempo e, a partir destas, reflexionar sobre a experiencia dun tempo absoluto e a súa falta de significado.

Aínda lembro ben a miña perplexidade cando, de estudante, enfrontaba as realidades temporais dun afloramento calquera e o que representaba na reconstrución da Historia do planeta. Poñámonos (por concretar) fronte a unha capa de metro e medio de espesor, unha arenisca Triásico Inferior cunha forte laminación cruzada correspondente a un nivel de praia, disque unha barra areosa dun gran edificio deltaico. Esta sección, coa súa característica laminación cruzada, podía representar na secuencia temporal un periodo de centenas de miles, ou mesmo millóns, de anos mais de feito aquela barra en concreto puidera ter sido construída nun so ano, seica nunha soa borrasca. Así que o que alí enfrontábamos, memorizada na rocha, era apenas un único evento dun suceso repetido nun sen número de ocasións naquela beiramar Triásica Inferior.

Coma o río heraclitiano, sempre distinto e sempre o mesmo río, o que alí interpretabamos naquel afloramento concreto era a lembranza dun suceso repetido nun proceso cíclico de destrución e construción: a beiramar e o incesante bater das ondas que formaban e reformaban a praia, erosionando e sedimentando areas sen parar. De feito, o que permitira a conservación final daquel areal concreto fora a desaparición da beiramar naquel punto —e por tanto da praia mesma— seica por un cambio no nivel do mar ou polo desprazamento da liña de costa tras do recheo do delta con novos sedimentos. Fose como fose, a sección concreta que mirabamos non era outra cousa que un instante da vida extensa da praia, un particular amoreaento de areas conservadas polo azar na secuencia sedimentaria e litificado durante millóns de anos para ser exposto ante nós, formando parte agora do cordal Cantábrico. Algunhas estimacións consideran que a Terra conserva apenas o dez por cento do rexistro xeolóxico sedimentario mais todo ese rexistro é de seu unha caótica colección de sucesos e eventos moi parciais dun gran proceso de construción, destrución e reconstrución continua.

A Historia Xeolóxica escríbese coma un discurso unificado no temporal mais é un discurso feito a partir de retallos moi parciais, retallos que ademáis chegan até nós moi alterados no propio paso do tempo. De seu, a temporalidade é unha experiencia inexorable da materia ao constiruír a memoria dos sucesos vellos o corpo onde os novos acontecementos poden ter lugar. Isto é un coñecemento evidente en Xeoloxía, dado que o evidente carácter finito da masa terrestre obriga a unha reciclaxe continua de elementos, minerais, gases, sedimentos, fluídos ou rochas. Os chamados ciclos xeolóxicos da auga ou do carbono son os exemplos máis coñecidos desta reciclaxe. Así e todo, foi cando me aprenderon a técnica de datación da Fission-Track cando experimentei de modo pleno esta inexorabilidade do tempo para a materia.

Fission-Track, técnica de datación

A Fission-Track é unha técnica de datación sutilísima que conta as crebas minúsculas —na medida de nanómetros e micrómetros— producidas nos cristais de cuarzo polos neutróns escapados na fisión dos isótopos radiativos de uranio. O cuarzo non ten uranio mais si algúns minerais accesorios e minoritarios —como os circóns ou as epídotas— que están presentes no granito e outras rochas ígneas. Dese xeito, a estrutura cristalina destes cuarzos vai quedando marcada por finísimas rascadelas producidas no escape dos neutróns que, como as nosas enrugas na face, son experiencia do tempo vivido.

Nada material permanece sen mudar. As rochas más resistentes modifican as súas propiedades, os minerais cambian, altéranse as redes cristalinas. De xeito común, estes cambios en minerais e rochas son atribuídos a cambios nas condicións ambientais, de presión, temperatura, etc., no suposto teórico que se estas condicións ambientais fosen inmutables, a rocha ou o mineral permanecería igual a si mesma como cousa inerte que é. Porén, a descomposición dos isótopos radiativos ou as fission-tracks que a rocha provoca son a manifestación de que as condicións inmutables son unha ilusión. O tempo ten uns efectos concretos e medibles na materia, produce transformacións experimentables, sensibles e, por tanto, cambia a súa natureza. O inerte absoluto, a condición da materia pura intemporal, non existe. Non hai materia imperecedoira e non hai memoria inmutable no tempo. O perfecto-inerte é alleo á materialidade e á experiencia. A memoria fiel e eterna pertence ao mundo das ideas.

O relevante da Fission-track é a súa estreita relación coa experiencia do tempo  máis neta e directa de que dispón a nosa civilización tecnolóxica: a medida do decaimento das series isotópicas do uranio coa que construímos o noso modelo de reloxo universal. Mais a Fission-track tamén conxuga elementos espectaculares que convirten a técnica nunha metáfora moi expresiva: as tecnoloxías que permiten as medidas dos fission traks son sofisticadísimas, os procesos envoltos están nos límites do microscópico e case que do comprensible para o común de nós, ligando o subatómico ao macro-molecular, e o físico-cuántico ao cristalino; porén o efecto do bombardeo de neutróns nas redes cristalinas resúltanos estranamente familiar, pois as imaxes microscópicas dos cristais de cuarzo adoitan a forma de rañaduras nun vídrio común. O proceso temporal queda pois exposto nunha imaxe ben corrente, a do vaso ou os lentes deslucidos e escurecidos polo paso simple do tempo, mesmo sen ter sido usados.

A Fission-Track inclúese nas técnicas de medición absoluta do tempo xeolóxico mais sempre que o cristal de cuarzo funcione como un receptor impresionable de radiación, coma quen di unha película de revelado. É unha experiencia indirecta e, por tanto, dobre pois coa medida do tempo informa das condicións do propio rexistro. Dese xeito a Fission-Track tamén expresa ben o caracter activo —participativo— co que a materia experimenta o tempo, unha experiencia significativa en tanto rexeita precisamente a idea de inerte ou pasivo absoluto da materia mineral. Os cristais de cuarzo —e outros minerais— só gardan memoria permanente do paso dos neutróns por baixo dunha determinada temperatura pois, por riba desa temperatura, calquera efecto ou “dano” do paso dos neutróns ha ser inmediatamente reparado, dado que a rede cristalina ten enerxía abonda para recompoñerse.

Os fission tracks non só son usados como medida temporal, permiten reconstruír a historia térmica das rochas, é dicir, que permiten escribir unha historia xeolóxica xa que gardan memoria de eventos ou sucesos temporais, neste caso aumentos e baixadas de temperaturas en ambientes magmáticos, hidrotermais, etc.

Entre os cuarzos, ou en forma de inclusións dentro deles, están as epídotas e circóns cos isótopos de uranio en proporcións que debemos coñecer para medir os tempos das rochas. En tanto que a transformación duns isótopos noutros ten lugar de modo estatisticamente regular nun amplísimo rango de condicións, a nosa civilización asimilou este proceso —regular e relativamente autónomo no rango de condicións terrestres— ao reloxo perfecto, universal, confirmando nestas medidas o prexuizo dun tempo absoluto e teleolóxico que transcorre insensible á experiencia e á materia, un tempo áureo e patrón, un tempo de valor fixo e eterno.

Creación ou destrución da materia

A práctica real das técnicas de datación isotópicas están cheas de limitacións no que se refire ás características das mostras para medir, a efectividade e precisión das medidas ou os rangos temporais no que cada técnica é viable. Ao meu entender, o fundamental para darlles sentido a esas medidas —disque absolutas— debémolas insertar nun horizonte de sucesos no que cada medida teña significado e sentido, é dicir, debemos inserilas nunha cronoloxía, converter os tempos absolutos en datacións de sucesos, inscribir os transcursos en horizontes temporais que nos leven dun a outro suceso significativo, sucesos definidos en actos de creación ou destrucción da materia. Nas datacións por isótopos radioactivos, o suceso inicial é a creación do mineral que encerrou a materia radioactiva, sendo o momento final* o propio acto de medir, é dicir, o noso presente no que a materialidade é o tempo se funden nun continuo sensitivo.

As experiencias puras do tempo son insignificantes en tanto carecen doutra memoria que non sexa un transcurso sen rumo. Non hai experiencia dun tempo que poida ser contada de seu e para si mesma, fóra da materia que experimenta. O tempo absoluto é un abstracto sen suceso, sen historia, carente de cronoloxía, unha experiencia insignificante, unha quimera. Fóra do sensible o tempo carece de orde, de estrutura calquera. O feito de datar da significado e valor ao tempo ligándoo á creación e a destrución da materia.


* Penso que, de xeito significativo, as medidas de C14 refírense ao ano 1950, ano en que o equilibrio isotópico atmosférico referencial foi destruído polas explosións atómicas humanas. Ao transformar a atmosfera, a destrución atómica pechou un tempo vello e abriu un novo, de maneira que hoxe moitos ambientalistas consideran a data de 1950 como o inicio dunha nova era: o Antropoceno.