Teoría e práctica da edición no Laboratorio de Produción Literaria
Durante os meses de xuño, xullo e agosto, a Fundación Euseino? levou a cabo o Curso de Edición que no verán desenvolve o Programa de Edición dedicado a Persoas Voluntarias. Realizado no ámbito de actividades do Laboratorio de Produción Literaria (LaPLit), o obxectivo deste curso é desenvolver e complementar o Programa no que as Persoas Voluntarias se forman ao longo do ano, centrado na edición literaria e na edición de mesa sen deixar de atender tamén o seu aspecto social. O curso que acaba de rematar ocupouse de composición tipográfica de poemarios, revisión lingüística e estilística de ensaio filosófico, lectura e preparación de orixinais de narrativa.
Participaron dúas persoas voluntarias, Uxía Felpeto Cabaleiro e Laura Molinos Rodríguez, xunto cos editores e escritores Carlos Lema e Beatriz Fraga, que exerceron a titoría profesional do curso. O primeiro, coñecido polo seu labor como editor de Begoña Caamaño, Xosé Neira Vilas, Domingo Villar e Chus Pato, actualmente é a persoa activa con máis delongada experiencia na edición galega; mentres que Beatriz Fraga, mestra e especialista en ilustración de contos de fadas, dirixe e edita a colección Onocrótalo de álbums ilustrados.
Edición e produción de “A man e outros poemas senlleiros”
O obxectivo do curso centrouse na edición, composición tipográfica e produción da publicación non venal titulada A man e outros poemas senlleiros. Realizáronse tamén labores de preparación do orixinal dun libro ilustrado, edición e revisión de probas dun ensaio xa posto en páxina previamente, lectura e comentario de orixinais, ademais de conversas teóricas útiles para o oficio da edición literaria.
Durante o curso, as persoas voluntarias encargáronse de distintos aspectos do traballo de produción editorial. Repartíronse as diversas funcións da edición de mesa: revisión da tradución, composición tipográfica e corrección de probas, para de seguido responsabilizarse tamén da impresión do miolo e da cuberta rematando coa preparación dos pregos de papel, o manexo da guillotina, pregado e encadernación con grampado en v.
Edición de mesa. Laura Molinos (de vermello), Uxía Felpeto (á esda.) e Beatriz Fraga na sede da Fundación Euseino? Foto Arquivo Euseino?
Actualmente, o LaPLit ten ao dispor das persoas voluntarias e en prácticas medios para levar a cabo o ciclo completo de produción editorial, desde a redacción ou tradución do orixinal ata a súa impresión e encadernación, pasando pola composición tipográfica e edición de mesa. Manéxanse procesadores de texto, programas de maquetación e deseño gráfico, tratamento das ilustracións e posta en páxina xunto coa familiarización con fontes tipográficas. Empregando estes medios e a colaboración das persoas participantes nos programas de voluntariado, o obxectivo do Laboratorio de Produción Literaria é favorecer a publicación de literatura independente, é dicir, ceiba das restricións que os criterios de notoriedade da autoría, rendibilidade das obras e actualidade dos temas impoñen á edición comercial.
Con esa finalidade, a Fundación Euseino? orienta desde sempre as súas publicacións a promover e difundir obras que, coma as filosóficas, apenas son atendidadas pola produción comercial, apoiando tamén novas persoas autoras e unha concepción da literatura completamente autónoma, allea a criterios económicos, políticos ou de oportunidade.
De aí que o Curso de Verán se dedicase, como cerna da aprendizaxe práctica, á edición dunha selección de poemas que, recollendo a tradición literara moderna, prestasen atención especial á singularidade das obras e á súa relación co repertorio de recurrsos e formas literarias dominantes, prescindindo do criterio autorial para agrupalas.
Literatura independente e campo social
O traballo de edición de mesa arredor de A man e outros poemas senlleiros, xunto co labor de revisión estilística e lectura de orixinais desenvolvidos polas persoas voluntarias, permitiu que as sesións do curso endexamais xebrasen a práctica editorial da necesaria reflexión teórica.
A metodoloxía empregada baseouse en traballar a edición literaria como un conxunto no que as habilidades técnicas requiridas para a composición tipográfica se combinasen coa necesaria capacidade interpretativa na lectura de orixinais e obras. Sen unha reflexión previa e un achegamento á literatura no que a relación inmediata coas obras (fase perceptiva) se realice co obxectivo dunha relación interpretativa (fase aperceptiva) non sería posible a edición literaria, cando menos a edición literaria independente, non a pura produción de mercadorías.
O mesmo acontece na edición de obras ilustradas, nas que é fundamental a relación que, concretamente, nela se establece coa tradición das artes plásticas e o deseño gráfico.
Para lograr acadar estes obxectivos, é fundamental a o traballo compartido entre as persoas titoras e as voluntarias. Ademais, cómpre entender a literatura dun xeito amplo no que a relación inmediata da praxe lectora e, neste caso, editorial se amplía e se abre ao campo social. Motivo polo que no curso tamén se prestou atención á vertente máis social da publicación de libros, organizando unha actividade de presentación dunha obra literaria de ficción, acto no que unha das persoas voluntarias participou como presentadora.
A literatura tamén se ha de entender como unha práctica na que a conversa arredor das obras e da súa recepción é fundamental. Para evitar unha lectura banal e, consecuentemente, poder desenvolver o labor de edición, este Curso de Verán dedicou unha parte importante do tempo á conversa sobre aspectos prácticos e teóricos da edición independente.
A recepción das obras publicadas é unha cuestión ben importante xa que inflúe na concepción do papel das persoas editoras e do seu oficio. Razón pola que durante o curso se conversou decote arredor da teoría relacionada coas obras Le Degré zéro de l’écriture (O grao cero da escritura), de Roland Barthes, e Les Règles de l’art. Genèse et structure du champ littéraire (O campo literario, Edicións Laiovento), de Pierre Bourdieu. Intentouse un achegamento a estas obras teóricas partindo sempre dunha casuística práctica, isto é, de como a teoría axuda a entender a realidade —tamén a realidade literal das obras escritas— sen someterse completamente aos conceptos e ideas banais. O coñecemento das obras teóricas está relacionado directamente cunha práctica editorial consciente e comprometida, polo que resulta esencial para facer posible unha edición independente e unha cultura non sometida nin subalterna.
O desenvolvemento do labor de edición de mesa e o complementario da actividade social que toda publicación implica fixo inescusable a reflexión sobre como eses dous eixos se necesitan mutuamente. Decatarse de que a literatura non é obra exclusiva nin propiedade da entidade autorial correspondente senón resultado da súa compartición é poñer de manifesto que a edición literaria se converte no medio polo que o carácter democrático —no senso literal da palabra— da cultura se fai posible. A experiencia deste Curso de Verán e o traballo realizado a carón das persoas voluntarias así nolo demostra.

