Unha reflexión a partir do ensaio de Fredric Jameson
Serie Materialismo do verán
Notas curiosas e infrecuentes sobre a materia da representación
“The Realists”,
by William Butler Yeats
Hope that you may understand.
What can books, of men that wive
In a dragon-guarded land;
Paintings of the dolphin drawn;
Sea nymphs, in their pearly waggons,
Do but wake the hope to live
That had gone
With the dragons.
“Os realistas”,
de William Butler Yeats
Traducido do inglés por Carlos Lema
Que o deas entendido espero.
Onde se non nos libros, de homes que cren
En terras de dragóns gardadas por cancerbero;
Golfiños pintados con esmero;
Ninfas mariñas, que en carrozas de nácar son,
Onde se non a espranza de vivir espertar ten
Porque acabou ao carón
Dos dragóns.
En 2007, publicábase Jameson on Jameson: Conversations on Cultural Marxism (Duke University Press), libro de entrevistas co pensador Fredric Jameson (1934-2024). O libro leva unha introdución do propio Jameson titulada “On Not Giving Interviews” (Por que non conceder entrevistas); realmente, trátase dun auténtico ensaio sobre o papel das entrevistas nos medios de comunicación e, en concreto, sobre o efecto que exercen respecto da transmisión e recepción do pensamento.
A seguir, como segunda entrega neste verán das “notas infrecuentes sobre a materia da representación”, imos tentar sintetizar as ideas que Jameson expón nese ensaio introdutorio, animando a quen le este artigo a que non deixe de achegarse ao original inglés, cheo de matices, ideas e referencias, escrito cunha capacidade de análise e argumentación abraiante que, como acontece nas entrevistas, tamén se perde nesta síntese que nós damos con carácter puramente esexético.
A trivialización do pensamento na entrevista mediática
A ambivalencia do intelectual ante o espello da entrevista
Para o intelectual, a entrevista representa un espello con dous lados. É un formato que pode ser tan gratificante como problemático, un vehículo de comunicación cuxa análise se volve fundamental nunha época na que predominan os medios de comunicación. Os sentimentos que suscita son inevitablemente encontrados, aínda que ás veces un —como explica Jameson— pode chegar a admirar as propias respostas; esquecidas xa as circunstancias e a pregunta, a maioría das veces é a habilidade do entrevistador o que merece recoñecemento. A entrevista, na súa forma máis elevada, é unha arte esixente, un exercicio de estratexia e táctica que require un dominio sutil do intercambio verbal.
Neses momentos de excelencia, a entrevista transfórmase nun “traballo a dúas voces”, nunha colaboración dinámica que pode ofrecer unha riqueza particular de matices e praceres intelectuais. Entre eles, destacan:
- O contrapunto de curiosidade e confesión que se establece entre as partes.
- O entusiasmo que xorde dun acordo ocasional, un punto de encontro no pensamento.
- A toma perentoria de posicións, tanto por parte do entrevistado coma do entrevistador.
- As modulacións cheas de tacto e a plasmación de pensamentos secundarios, que refinan e profundizan o diálogo.
- A satisfacción das formulacións precisas e, en xeral, unha variación viva no ritmo do intercambio.
A gratificación reside na posibilidade de redescubrir as conexións internas da propia obra, afinidades entre posicións que a miúdo non son evidentes. Así e todo, esa revelación ten un reverso inquietante. Descubrir a afinidade entre posicións anteriores e outras moito máis serodias non é tan satisfactorio pois suxire que un nunca se moveu realmente do sitio ou que volveu inevitablemente a el. Esta ambivalencia —o pracer da coherencia fronte ao desasosego— sinala unha tensión máis fonda. Malia os seus atractivos, a entrevista agocha un defecto estrutural, unha eiva inherente á súa propia forma que ameaza a integridade do pensamento.
Unha ferramenta para pensar, non un conxunto de respostas
Para comprender por que a simplificación mediática do pensamento é tan prexudicial, é necesario entender a filosofía non como un repositorio de solucións definitivas senón como a aprendizaxe dunha nova linguaxe conceptual. Unha filosofía atrae inicialmente porque parece ofrecer respostas mais iso é o menos importante. As respostas e solucións son, de feito, o que “caduca máis rapidamente”. O que verdadeiramente “electriza” dun sistema filosófico é a nova sintaxe que propón, unha que fai visibles, por primeira vez, novos problemas e permite pensar novos pensamentos.
Esta primeira linguaxe conceptual, aprendida con paixón, endexamais é completamente substituíble. As novas linguaxes que se adquiren posteriormente engádense a ela mais, no mellor dos casos, un acaba falando a nova lingua co “acento da primeira”. No meu caso —puntualiza Fredric Jameson— a formación inicial no pensamento filosófico de Jean-Paul Sartre segue a ser insistente, un retorno persistente dos seus hábitos de pensamento que modela a aproximación a posteriores sistemas conceptuais.
Esta maneira de pensar sitúa a filosofía como un “sistema de representación” que modela un “inmenso In-der-Welt-sein preverbal” (un ser-no-mundo previo á linguaxe). As súas constelacións de nomenclatura enfocan e dan forma a zonas da realidade de xeito análogo a como unha linguaxe pode dicir cousas que outra non pode. Desde ese punto de vista, a distinción entre filosofía e literatura difumínase. A literatura é “seguramente teoría tanto como o é o texto filosófico” pois ambas as dúas son operacións que dan forma á realidade ao mesmo tempo que a rexistran. Esta concepción da filosofía como a forxa dunha linguaxe en perpetua elaboración entra en conflito directo coa esixencia dos medios de comunicación en non se centrar no proceso senón no produto final, unha colisión que revela o defecto estrutural da entrevista.
A transformación inevitable
O argumento central da súa reflexión atópase no que Jameson considera o “defecto estrutural” da entrevista. O vicio inherente á forma da entrevista non é accidental, é estrutural: a maquinaria mediática está deseñada para pulverizar o compromiso (episteme) ata convertelo no po da opinión consumible (doxa). Esa metamorfose non é un simple cambio de formato senón unha degradación da propia natureza do quefacer intelectual.
A doxa, no contexto mediático, é o dominio das “opinións contundentes”. Antigamente, esperábase dos mestres que tivesen opinións contundentes sobre calquera asunto. Aínda que esa moda pasou no mundo académico, o seu espírito pervive nos talk shows, onde as opinións firmes seguen a ser admiradas. Mais, ¿que é o contrario da opinión? Platón cría que era a verdade, aínda que na época tardomoderna esa resposta resulta insatisfactoria pois a “verdade” adoita adoptar a forma dunha opinión aínda máis dogmática. Outras alternativas, coma a “crenza” dos pragmatistas ou a “ideoloxía”, de raíz marxista, tampouco resolven o problema.
A base máis sólida para o “compromiso intelectual” atópase na noción existencial do “proxecto orixinario”: unha elección fundamental do ser que orienta a actividade intelectual non cara a unha verdade abstracta senón cara a unha práctica comprometida. Pode ser unha especie de relativismo mais trátase dun relativismo de absolutos, de compromisos ontolóxicos, “non de opinións nin tan sequera de síntomas ideolóxicos”. A entrevista, por iso, machuca o compromiso transformándoo “nunha corrente de intermitentes pensamentos entretidos”, aliñando os seus praceres máis coa “curiosidade e os murmurios que coa práctica e o proxecto”. Esta degradación conceptual leva a un problema aínda máis grave: a reificación da propia linguaxe.
Do proceso dinámico ao slogan
Máis seria aínda que a transmutación de episteme en doxa é a “deterioración da linguaxe” que a entrevista fomenta. Consiste na “inmobilización do proceso de formulación na forma final dun slogan”. O que nun primeiro momento foi unha descuberta, un achado estilístico ou conceptual, redúcese, a través da repetición, a unha “repetión cansa”. O pensamento cristaliza nunha opinión-mercadoría.
Este fenómeno é unha forma de tematización. A idea, antes un proceso dinámico, convértese nun “tema”, nunha ficha para a circulación masiva. Para o entrevistado, esta esixencia formal fomenta hábitos perniciosos de pensamento, dirixindo a mente cara a formulacións das que o pensamento se recupera con lentitude. “A idea nomeada é a unidade de circulación indispensable da esfera pública, incluídas as institucións educativas”.
Mecanismo que é o mesmo contra o que loita a pedagoxía crítica, cuxo eterno debate xira arredor de como facer que os estudantes “pensen” en lugar de limitarse a repetir “opinións tematizadas e estereotipos”. A entrevista opera na dirección contraria. A lóxica última desta crítica lévanos a unha conclusión radical: a ideas non tematizadas corresponderían suxeitos anónimos —unha utopía intelectual que se había lograr coa abolición da propiedade privada intelectual e coa definitiva eclipse da esfera pública como puro dominio inmanente e separado.
En síntese, a entrevista presenta unha natureza dual: por unha banda, ofrece praceres dialécticos; pola outra, posúe un defecto estrutural que degrada o pensamento en dúas fases. Primeiro, a inevitable transformación do coñecemento (episteme) en opinión (doxa); e segundo, a posterior tematización dese pensamento nun slogan mercantilizado, listo para o seu consumo como espectáculo da subxectividade.
As flutuacións no contido das miñas propias entrevistas —clarexa, ao cabo, Jameson— tamén me din algunhas cousas sobre as ambigüidades da miña propia obra, ou, polo menos, sobre as lecturas que actualmente se fan dela, que seica alternan entre un interese polo marxismo e unha curiosidade sobre o fenómeno da tardomodernidade.
