Ilustradores nórdicos, 1

Entre os ilustradores máis destacados dos contos de fadas nórdicos atopamos a Vilhem Pedersen e a Lorenz Frølich. Ambos os dous naceron no ano 1820, na cidade de Copenhague e en Hellerup, respectivamente.

Vilhem Pedersen foi o primeiro en debuxar os personaxes dos contos de Andersen. Oficial da mariña, foi recompensado polo rei Christian VIII de Noruega con catro anos de salario completo para mellorar a súa técnica pictórica. Os cento vintecinco debuxos que Pedersen realizou para os contos de Andersen amosáronse ao público na Exposición de Primavera de Charlottenborg en 1847. Estes traballos ilustrarían unha edición alemá dos contos de Andersen publicada en 1849 por Carl B. Lorck. O editor danés C. A. Reitzel, tivo que mercar a Lorck os dereitos para publicar as ilustracións de Pedersen que, desde aquela, en Dinamarca están vencelladas á obra de Andersen do mesmo xeito ca as de John Tenniel o están á de Lewis Carroll.

o soldadiño de chumbo

Lorenz Frølich estudou arte en Copenhague, ampliando os seus estudos en 1840 en Dresde e Munich, trasladándose despois a París, onde perfeccionaría a súa técnica co pintor Thomas Couture. Nomeado membro da Real Académica de Belas Artes de Copenhague, foi coñecido pola serie de debuxos creados en 1883 e titulada “Os deuses nórdicos”. Realizou ademáis encargas decorativas como a da Corte de Apelacións de Flensburg, en Schleswig-Holstein, e pinturas para o teito do castelo dinamarqués de Frederiksborg. En 1871 os seus debuxos ilustran unha edición dos contos de Hans Christian Andersen.

 

Illustration made for the fairy-tale Flyttedagen by Hans Christian Andersen

“Entre a filosofía e o mundo” – Xosé M. Eyré entrevista a Carlos Lema

O escritor e crítico literario Xosé M. Eyré, quen desde o seu blogue Ferradura en tránsito mantén unha continua e insubornable reflexión sobre a literatura e a cultura, reflexión na que o pensamento vai indisolublemente unido á crítica política e á independencia de opinión, publica nesa mesma tribuna unha entrevista con Carlos Lema, tomando como punto de partida o seu libro A música das esferas, publicado por Euseino? Editores.

Eyré introduce a conversa con estas palabras:

Editor, poeta, ensaísta, […] [Carlos Lema] recentemente publicou “A música das esferas. Xenealoxía da orde no mundo”, do que xa nos temos ocupado nesta “Ferradura” e do que tamén fixemos crítica en “Galicia Confidencial”. Con el mativemos unha demorada conversa […] onde, ademais da súa última publicación, nos ocuparon outros temas cos que quixemos vincular a filosofía e a máis inmediata realidade que vivimos.

A entrevista íntegra pódese ler na ligazón:

Entrevista a Carlos Lema: “Entre a filosofia e o mundo”

Apuntamentos para unha descrición do materialismo especulativo

1. O pensado non se afasta do mundano, kósmos noetós non está nunha posición xerárquica máis elevada ca kósmos aisthetós porque ambos os dous son continxentes. O novo materialismo especulativo artella o pensamento a partir de dúas nocións principais: a continxencia e a factualidade.

2. Enfatízase a continxencia e diríxese o interese a pensar prescindindo dun correlato, isto é, dun transcendente ou un inmanente que estableza a dominación do que pensa sobre o pensado. Pensar será, en diante, acceder a un mundo non-dado. O continxente non é necesariamente verdadeiro nin necesariamente falso. A facticidade é a ausencia de razón para calquera realidade; o principio de factualidade é a necesidade da facticidade.

3. A idea, como acción do pensamento, é unha acción do corpo. A mente non pensa o corpo como separación entre materia e espírito, o que non quere dicir que o corpo determine o pensamento, do mesmo xeito que o pensamento tampouco non determina os movementos do corpo. O corpo é ontoloxicamente anterior ao pensamento, xa que constitúe o lugar da irrupción deste.

4. Materia non é identificable con “natureza”. Como sinala Quentin Meillassoux, a natureza é unha orde determinada por constantes específicas que dan lugar, no seu interior, a un conxunto de posibles ou “potencialidades”. Pola contra, a materia é unha orde ontolóxica primordial; trátase do feito polo que debe existir algo e non nada: velaí os seres continxentes. Pódense imaxinar infinidade de mundos materiais gobernados por leis diferentes, que serían “naturezas” diferentes, todas elas igualmente materiais.

5. Segundo Meillassoux, a segunda característica da materia é negativa, designa os seres continxentes non-vivos e non-pensantes. No seu mundo, vida e pensamento constitúense a partir dunha base de materia inorgánica á que eles retornan. Toda materia pódese destruír a si mesma mais non se pode destruír a posibilidade do Ser continxente nun estado materialmente puro.

6. O Ser non depende do pensamento, logo non está necesariamente vencellado ao suxeito; os atributos do suxeito non son os atributos do Ser. De aí que a ausencia do pensamento preceda o pensamento. É posible pensar o Ser, isto quere dicir que o materialismo especulativo é un racionalismo sensu lato; a razón non está determinada polos seus límites, xa que a posibilidade de establecelos é á vez a posibilidade de amplialos. Isto sitúa o racionalismo na crítica das concepcións transcendentes e da limitación do coñecer.

7. O cogito domina todo o pensamento da Idade Moderna, incluído o máis decididamente anticartesiano. Esa dominación establécese a partir do correlato. A crítica do correlato é o punto de partida do materialismo especulativo.

8. Desde a irrupción do ser humano, é posible pensar o absoluto. A crítica do correlato supón considerar subxectividade e obxectividade non dependentes entre si. O pensamento racional sobre algo xorde da observación da súa representación.

9. Non unha crítica do Ser senón unha crítica do suxeito cognoscente. O “transfinito” ou a “pluralización non limitada das calidades infinitas” (Quentin Meillassoux).

Ruskin-Study_of_Gneiss_Rock