Caleidoscopio dos contos 2014: revisión dun ano

Na sección deste blogue titulada “Caleidoscopio dos contos” tentamos facer un percorrido pola historia dos contos de fadas a través dos seus ilustradores e ilustradoras. A pintura de fadas e o seu vencello coa literatura. Trátase dunha liña de interese que cadra coa que Euseino? Editores quere dedicar ás artes e á teoría artística, ás artes decorativas e á estética en xeral a través da xa iniciada colección Rúa do Sol.

O título “Caleidoscopio dos contos” provén dunha cita do escritor Andrew Lang, un dos grandes autores e ensaístas da literatura de fadas. Velaquí a frase:

“O ‘märchen’ [conto fabuloso ou conto de fadas] é un caleidoscopio: os incidentes son anacos de cristal de cores. Ao sacudilo, compoñen unha variedade de formas atractivas; algunhas desas formas axéitanse mellor ca outras, teñen máis potencialidade e logran ampliar aquilo que a forma no seu conxunto abrangue.”

Ao comezar este ano de 2015, propoñemos volver a contemplar esa “variedade de formas atractivas” da que nos fomos ocupando durante os últimos doce meses no “Caleidoscopio dos contos”. Eis os artigos publicados en 2014, cunha recensión e as ligazóns correspondentes:

John Anster Fitzgerald: un gran dominio das cores complementarias: entre o vermello e o azul, aparece o púrpura, sen que o branco deixe de estar presente e ilumine a escena, dotándoa de harmonía cromática. Velaí o logro do pintor de ascendencia irlandesa John Anster Fitzgerald (1819-1906), que consegue dotar os seus cadros dunha atmosfera chea de luces e sombras para captar así o interese do espectador.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Bilibin e os contos rusos: na historia do libro ruso, Iván Bilibin (1876-1942) foi o primeiro en conseguir sintetizar os principios da pintura e os das artes gráficas impresas. Para a evocación das paisaxes que ilustran os contos rusos, Bilibin asocia un compoñente decorativo e simbólico, independente do suxeito da ilustración propiamente dito, servindo de pano de fondo, e outro compoñente, que sitúa o decorado específico da historia. Esta asociación caracteriza o estilo moderno, tanto ruso coma occidental.

A escola de Glasgow: a finais do século XIX Glasgow, Escocia, gozou de auxe económico debido principalmente á industria téxtil. Para mellorar a manufactura e a calidade dos deseños fundouse a Escola de Arte de Glasgow, que contribuíu ao nacemento do Art Nouveau. Pero a grande achega da Escola de Glasgow foi a incorporación das mulleres ás aulas, primeiro como alumnas e despois como docentes. Nesta escola formáronse algunhas das ilustradoras máis sobranceiras do século XIX: Jessie Marion King e Emma Florence Harrison.

Ilustradores nórdicos, 1: entre os ilustradores máis destacados dos contos de fadas nórdicos atopamos a Vilhem Pedersen e a Lorenz Frølich. Vilhem Pedersen foi o primeiro en debuxar os personaxes dos contos de Andersen. Os cento vintecinco debuxos que Pedersen realizou para os contos de Andersen están vencellados á obra de Andersen do mesmo xeito ca as ilustracións de John Tenniel o están á de Lewis Carroll. Lorenz Frølich realizou encargas decorativas como a das pinturas para o teito do castelo dinamarqués de Frederiksborg. En 1871 os seus debuxos ilustran unha edición dos contos de Hans Christian Andersen.

Ilustradores nórdicos, 2: o artista noruegués Theodor Severin Kittelsen (1857–1914), recoñecido ilustrador de libros de contos de fadas, creou uns marabillosos trolls que amosan toda a súa “fealdade”, dando vida a seres fantásticos antropomorfos inspirados e á vez mesturados coa natureza e as súas sombras.

Baixo a luz da aurora boreal – Ilustradores nórdicos, 3: a arte de John Bauer reside en que envolve os seus debuxos nun vento solar, creando unha especie de esfera protectora, coma unha burbulla que acubilla o espectador —desacougado pola “maldade” que caracteriza os trolls no texto e que se contrapón a aquilo que recrea a ilustración— salvagardándoo do mal. Abonda unha liña leve, un aceno, un sorriso ou uns ollos saíntes no rostro destes seres con espunllas para que desapareza a desconfianza do lector.

Precursoras da ilustración: Elenore Plaisted Abbott era considerada unha das chamadas “New Woman”, segundo o termo popularizado polo escritor Henry James para referirse ás protagonistas das súas novelas Daisy Miller e The Portrait of a Lady; en contraposición ás mulleres da era victoriana, as denominadas “New Woman” participaban activamente na sociedade e foron o símbolo do modelo de independencia, profesionalización das mulleres e intervención na vida pública. Pintoras e ilustradoras como Elenore Abbott desenvolveron un papel crucial na representación artística das “New Woman” como exemplo deste novo tipo emerxente de mulleres.

Os precursores Pedersen e Frølich

O pase de diapositivas require JavaScript.