“A mímese arcaica”, por Chus Pato

NOVO NÚMERO DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

Presentamos o número 11 de Anotacións cun conxunto de notas de lectura da poeta Chus Pato arredor de “A mímese arcaica“. No noso país, pola de agora, é algo insólito a publicación das notas xurdidas ao fío das lecturas e a dos apuntamentos que recollen a inmediatez da expresión do pensamento nos momentos nos que se está a formar, antes de elaborar argumentacións, razoamentos, sistemas. Desde Euseino? Editores intentamos, xa nos inicios deste proxecto, fomentar e dar pulo a ese tipo de expresión inmediata mais non por iso carente de rigor e relevo filosófico. De aí o subtítulo do noso bloque e tamén a cabeceira Anotacións sobre literatura e filosofía. A anotación como primeiro paso do pensamento escrito. Como inicio dunha desviación do pensar precisamente porque se afasta do lido sen deixalo atrás, sen riscalo.

A poeta Chus Pato é unha das escritoras que na súa obra mellor manifestan esa relación do pensamento coa literatura, mellor dito, a continuidade, se non identidade, entre poesía e pensamento. Hai tempo que sabemos da súa enorme actividade lectora, menos coñecidas son as súas anotacións de lectura, as súas reflexións arredor da filosofía, de todas e cada unha das expresións do pensamento na súa intersección, ou na súa colisión, coa poiese. A obra de Chus Pato é, de feito, unha articulación xigantesca do labor de pensar co de poetizar.

Nestas notas, e ao fío do proceso de lectura da obra de autores coma Maurice Blanchot, Walter Benjamin, Philippe Lacoue-Labarthe e Jean-Luc Nancy, Chus Pato enfróntase a un dos temas fundamentais da literatura e da filosofía modernas, o tema da representación e, máis concretamente, o da mímese. A importancia da mímese na elaboración da identidade, a súa función na representación e, polo tanto, na literatura. Ao cabo, o debate sobre o estatuto da poesía como epistemoloxía ou como unha imitación máis da realidade.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o texto de Chus Pato en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

A mímese arcaica

 

Anotacións 11-cuberta

Bo Aninovo 2016


O pase de diapositivas require JavaScript.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Deleuze fronte a Meillassoux, por Anna Longo

NÚMERO 10 DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

Anotacións (ISSN 2340-8537) chega ao seu número 10, no que publicamos “Deus fóra dos límites da crítica kantiana”, ensaio do que é autora a filósofa Anna Longo, unha das introdutoras do realismo especulativo en Italia. Desta volta, a autora de “Continxencia e liberdade: unha comparación entre materialismo especulativo e ciencia experimental”,  texto incluído no libro Tempo sen devir, realiza unha pescuda nas obras de Gilles Deleuze e Quentin Meillassoux, ambas as dúas como expresión de pensamentos que parten da crítica e negación dos límites impostos a priori ao posible, límites dos que a idea kantiana de Deus é garante.

A análise comparativa levada a cabo por Longo neste texto sitúa perante lectoras e lectores dúas concepcións diferentes do divino que redefinen o papel de Deus na apertura posible ao virtual. De aí que a autora localice este ensaio nun contexto no que:

A reapertura realista ás cuestións metafísicas, coma a da existencia de Deus, [se propón] atopar un acceso racional ao grande exterior sen renunciar ás achegas da crítica. Nomeadamente, a tese que atingue a inexistencia de Deus inscríbese nunha refutación racionalista do principio de razón que o correlacionismo non podía realizar.

O que de veras interesa á filósofa é que a cuestión ten que ver coas condicións do pensamento, é dicir, coas condicións reais da reformulación da xénese do transcendental. (Vid. neste blogue o artigo “Anna Longo: sobre os realismos novos e as condicións do pensamento“.)

Así, o cambio de dirección proposto por Gilles Deleuze parte dunha crítica da noción transcendental de experiencia posible, esforzándose por acadar o en si da experiencia real como forma de diferenza, o que implica unha disolución da unidade da identidade do eu, do mundo e de Deus. Deleuze descobre así a realidade dun devir rexido por un Anticristo inmanente que opera por síntese disxuntiva contra o principio de non contradición polo que, á súa vez, se rexe o mundo da representación.

Pola súa banda, Meillassoux rexeita que toda cuestión metafísica referida ao que transcende a experiencia non poida atopar resposta lexítima. Iso, por dúas razóns principais: a primeira é que non permite lexitimar as descricións científicas matematizadas que se refiren a unha realidade independente do suxeito. A segunda é que “o escepticismo sobre o absoluto metafísico lexitima así de iure a crenza en calquera forma de crenza nun absoluto, tanto a mellor coma a peor”. A fin de evitar encontrarse na situación de ter que tolerar calquera crenza en calquera tipo de absoluto acadado por vía irracional, segundo Meillassoux cómpre daquela atopar un medio de acadar a realidade última por vía racional sen, así e todo, volver caer no dogmatismo precrítico:

No seo dese proxecto especulativo, é no que Meillassoux declara a inexistencia de Deus, é dicir, da razón que fai necesaria a orde do mundo. Todo é absolutamente continxente e a descrición científica matemática dos feitos non require supoñer a súa necesidade.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Anna Longo en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

“Deus fóra dos límites da crítica kantiana”

Cuberta+lombo