“Fronte ao problema da representación”, por Artur Casas-Agilda

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 16 de Anotacións temos a satisfacción de presentar a Artur Casas-Agilda, un novo autor que no seu ensaio Fronte ao problema da representación: figura e realidade en Wittgenstein e Borges consegue establecer, dunha maneira brillante e rigorosa, o vencello entre filosofía e literatura. Empregando a lóxica modal e facendo unha análise comparativa, Casas-Agilda explora a liña que separa a literatura da filosofía e os sistemas de estudo de ambos os réximes discursivos. Unha liña que ás veces tan só é imaxinada mentres que outras resulta imposible de trazar. Os textos básicos manexados para efectuar o achegamento a esta cuestión son o conto “Tlön, Uqbar, Orbis Tertius” (1944), de Jorge Luis Borges, e o Tractatus Logico-Philosophicus (1922), de Ludwig Wittgenstein.

“En conxunto, a metodoloxía aplicada podería identificarse coa do comparatismo literario, sempre subordinada ao proxecto de favorecer o diálogo entre disciplinas e discursividades. Facer avanzar unha análise cuxos método de traballo e obxectos de estudo non poidan ser entendidos como propios dun discurso disciplinar único converte en necesaria a adopción de puntos de vista e aparatos teórico-conceptuais mixtos.”

Desde o noso punto de vista, cómpre salientar algúns dos puntos conclusivos deste ensaio, que inciden nalgunhas cuestións que vimos expoñendo en euseino.org en artigos coma Obxectos literarios e ficción dos mundos fóra da ciencia, Hipóteses sobre obxectos literarios e formas de representación, A novela-máquina: enerxía, operador e materia e A filosofía no obxecto retórico “novela-máquina.

1) En primeiro lugar, a inmanencia e autonomía do mundo ficcional quedan aseguradas.

2) O criterio mimético ve minado o seu sentido.

3) Elimínase unha hipotética xerarquía na que o “mundo real” dominaría sobre os “mundos ficcionais”.

Así e todo, “non é o movemento comparativo propio (aínda que non exclusivo) da mímese o que queda deslexitimado. Ao contrario: [estas tres cuestións son fundamentais] para a preservación da función referencial do texto ficcional, o último requisito de entre os establecidos anteriormente para dispoñer dunha teoría dos mundos posibles plenamente funcional no campo dos estudos literarios”.

A debilidade do criterio mimético xorde do feito de que a oposición real/ficcional no contexto da relación entre o mundo real e os mundos miméticos derivados deixa de ser a base para o proceso de comparación. É dicir, admítense as comparacións entre mundos mais en situación de igualdade e disenso radical entre eles.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Artur Casas-Agilda en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Fronte ao problema da representación

“A mímese arcaica”, por Chus Pato

NOVO NÚMERO DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

Presentamos o número 11 de Anotacións cun conxunto de notas de lectura da poeta Chus Pato arredor de “A mímese arcaica“. No noso país, pola de agora, é algo insólito a publicación das notas xurdidas ao fío das lecturas e a dos apuntamentos que recollen a inmediatez da expresión do pensamento nos momentos nos que se está a formar, antes de elaborar argumentacións, razoamentos, sistemas. Desde Euseino? Editores intentamos, xa nos inicios deste proxecto, fomentar e dar pulo a ese tipo de expresión inmediata mais non por iso carente de rigor e relevo filosófico. De aí o subtítulo do noso bloque e tamén a cabeceira Anotacións sobre literatura e filosofía. A anotación como primeiro paso do pensamento escrito. Como inicio dunha desviación do pensar precisamente porque se afasta do lido sen deixalo atrás, sen riscalo.

A poeta Chus Pato é unha das escritoras que na súa obra mellor manifestan esa relación do pensamento coa literatura, mellor dito, a continuidade, se non identidade, entre poesía e pensamento. Hai tempo que sabemos da súa enorme actividade lectora, menos coñecidas son as súas anotacións de lectura, as súas reflexións arredor da filosofía, de todas e cada unha das expresións do pensamento na súa intersección, ou na súa colisión, coa poiese. A obra de Chus Pato é, de feito, unha articulación xigantesca do labor de pensar co de poetizar.

Nestas notas, e ao fío do proceso de lectura da obra de autores coma Maurice Blanchot, Walter Benjamin, Philippe Lacoue-Labarthe e Jean-Luc Nancy, Chus Pato enfróntase a un dos temas fundamentais da literatura e da filosofía modernas, o tema da representación e, máis concretamente, o da mímese. A importancia da mímese na elaboración da identidade, a súa función na representación e, polo tanto, na literatura. Ao cabo, o debate sobre o estatuto da poesía como epistemoloxía ou como unha imitación máis da realidade.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o texto de Chus Pato en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

A mímese arcaica

 

Anotacións 11-cuberta