Caleidoscopio dos contos, 10

A biografía da ilustradora Jessie Willcox Smith (1863-1935) está unida á fascinante historia de amizade e arte de tres mulleres, ela mesma e as súas compañeiras de estudos Elizabeth Shippen Green (1871-1954), cartelista e ilustradora que traballou durante moitos anos para a revista Harper, e Violet Oakley (1874-1961), a primeira muller americana en recibir a encarga dun mural para un edificio público. As tres, que foran alumnas de Howard Pyle, fixéronse cargo en 1902 dunha propiedade, The Red Rose Inn, unha casa de campo na que durante quince anos compartiron as súas vidas profesionais e domésticas. Henrietta Cozens, amiga delas, levaría a administración da casa e o coidado do xardín.

As catro mulleres en 1901

Recoñecida ilustradora americana, Jessie Willcox Smith naceu en Pensilvania, onde estudou deseño no que agora se coñece como o Moore College of Art & Design. Ampliou a súa formación na academia de Belas Artes de Pensilvania, onde se graduaría en 1888.

Dous dos seus grandes mestres foron o pintor realista Thomas Eakins e o ilustrador Howard Pyle. Xunto con Maxfield Parrish e N.C. Wyeth, participou nun influente movemento para reivindicar o traballo dos libros ilustrados nos Estados Unidos.

Willcox Smith foi unha artista prolífica e colaborou en moitas revistas da época, aínda que  tamén realizou traballos como cartelista, retratista e ilustradora de libros infantís. Moitos dos seus debuxos están inspirados nos traballos dos prerrafaelitas malia que sexan claras as referencias ao impresionismo americano e, concretamente á obra da pintora Mary Cassat (1844-1926), principalmente nos retratos de nenos e nas composicións realizadas para ás portadas da revista Good Housekeeping. Ademais, para realizar as ilustracións do libro At the Back of the North Wind, de George MacDonald, inspiraríase no modernismo.

Ilustrou case setenta libros, corenta deles infantís. Entre os seus traballos cabería destacar Heidi de Johanna Spyri e The Little Mother Goose. Pero, sen lugar a dúbidas, Os nenos da auga, de Charles Kingsley, na edición de 1916, sería a súa obra mestra.

PrincessGoblin_title_page

Son tamén seus os debuxos para o libro A Child´s Book of Stories, recompilados e adaptados por Penrhyn W. Coussens para a editorial Duffield & Company en 1911. Un libro con máis de cincocentas páxinas no que se recollen oitenta e seis contos populares de Inglaterra, Noruega e  a India, ademais dos mellores contos de fadas de Grimm, Andersen e Perrault. Os sesenta e catro poemas de Robert Louis Stevenson publicados co título de Xardín de Versos para nenos levan a súa sinatura.

Cómpre salientar o seu abundante traballo na revista Good Housekeeping, para a que Jessie Willcox Smith realizou, mes a mes, a portada durante máis de quince anos, desde decembro de 1917 ata marzo de 1933.

Legou a súa obra á Biblioteca do Congreso.

Caleidoscopio dos contos, 9

Virginia Frances Sterrett (1900-1931) foi unha ilustradora norteamericana que aos dezanove anos recibiu a primiera encarga da Penn Publishing Company para ilustrar os Vellos contos de fadas franceses (1920), unha colección de obras da escritora francesa de orixe rusa Sophie Feodorovna Rostopchina (1799-1874), condesa de Ségur.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Un ano despois, recibiría a encarga, tamén da Editorial Penn, para ilustrar os Contos de Tanglewood, de Nathaniel Hawthorne (1921). Antes da súa morte por tuberculose, remataría  as ilustracións para as Mil e unha noites (1928). Starret ilustrou este libro con dezaseis debuxos en cor e vinte a unha tinta; demorou tres anos en completar a que sería a súa obra mestra, debido a que a súa pouca saúde lle impedía traballar moitas horas seguidas. O seu estilo lembra, dalgún xeito os de Kay Nielsen; destaca polo coidadoso traballo co pincel e o lapis e pola imaxinación coa que se achega a paisaxes que evocan o Oriente e reinos máxicos que semellan inspirados nos soños da infancia.

01-virginia_frances_sterrett-tanglewoodtales-50watts

Caleidoscopio dos contos, 8

Kay Rasmus Nielsen (1886-1957) naceu en Copenhague. Foi un ilustrador moi popular a inicios da década de 1920. Estudou arte en París. Viviu en Inglaterra de 1911 a 1916 e tamén nos Estados Unidos. En 1913, recibiu o primeiro encargo de Hodder&Stoughton para ilustrar unha colección de contos de fadas, Fairy Tales Retold. Ese mesmo ano encargáronlle tamén ilustracións para os contos de Perrault  A bela dormente, O gato con botas, Cincenta e Barba azul.

O seu estilo está influenciado por Burne-Jones, Aubrey Beardsley e o grande ilustrador sueco John Bauer. Na súa obra tamén se perciben influencias da arte xaponesa e do modernismo.

East of the sun and west of the moon; old tales from the north  Hansel and Gretel and other stories

Un dos seus traballos máis relevantes foi o realizado para unha edicion de contos tradicionais nórdicos titulada East of the Sun and West of the Moon. Old Tales from the North (“Ao leste do sol e ao oeste da lúa. Antigos contos nórdicos”), editados en 1914. A edición consta de vintecinco acuarelas que amosan un mundo máxico, case onírico.

En 1924, ilustra unha publicación de Contos de fadas de Andersen, con máis de corenta ilustracións a unha tinta e doce a cuadricromía. As ilustracións en cor reproducen o estilo Mille-Fleurs, imitando os tapices franceses e flamengos dos séculos XV e XVI. Un ano despois ilustraría Hansel e Gretel e outras historias, dos irmáns Grimm, en edición de luxo.

Nielsen traballou para Walt Disney Productions desde 1937 a 1941 deseñando varias escenas para a película Fantasía. Tamén fixo bocetos para a versión de A sereiña aínda que este traballo sería utilizado en 1989, despois da morte do ilustrador. De volta a Dinamarca, os seus últimos traballos foron murais para escolas locais.