Caleidoscopio dos contos, 8

Kay Rasmus Nielsen (1886-1957) naceu en Copenhague. Foi un ilustrador moi popular a inicios da década de 1920. Estudou arte en París. Viviu en Inglaterra de 1911 a 1916 e tamén nos Estados Unidos. En 1913, recibiu o primeiro encargo de Hodder&Stoughton para ilustrar unha colección de contos de fadas, Fairy Tales Retold. Ese mesmo ano encargáronlle tamén ilustracións para os contos de Perrault  A bela dormente, O gato con botas, Cincenta e Barba azul.

O seu estilo está influenciado por Burne-Jones, Aubrey Beardsley e o grande ilustrador sueco John Bauer. Na súa obra tamén se perciben influencias da arte xaponesa e do modernismo.

East of the sun and west of the moon; old tales from the north  Hansel and Gretel and other stories

Un dos seus traballos máis relevantes foi o realizado para unha edicion de contos tradicionais nórdicos titulada East of the Sun and West of the Moon. Old Tales from the North (“Ao leste do sol e ao oeste da lúa. Antigos contos nórdicos”), editados en 1914. A edición consta de vintecinco acuarelas que amosan un mundo máxico, case onírico.

En 1924, ilustra unha publicación de Contos de fadas de Andersen, con máis de corenta ilustracións a unha tinta e doce a cuadricromía. As ilustracións en cor reproducen o estilo Mille-Fleurs, imitando os tapices franceses e flamengos dos séculos XV e XVI. Un ano despois ilustraría Hansel e Gretel e outras historias, dos irmáns Grimm, en edición de luxo.

Nielsen traballou para Walt Disney Productions desde 1937 a 1941 deseñando varias escenas para a película Fantasía. Tamén fixo bocetos para a versión de A sereiña aínda que este traballo sería utilizado en 1989, despois da morte do ilustrador. De volta a Dinamarca, os seus últimos traballos foron murais para escolas locais.

Caleidoscopio dos contos, 4

Na época victoriana, en Inglaterra e co cambio de século, xorde unha forma de compoñer os textos distinta. Debido a industrialización e á introdución de novas técnicas na produción, os libros deixan de ser un artigo de luxo. As ilustracións comezan a reproducirse en tricromía.

Os ideais do prerrafaelismo, inspirados nas ideas estéticas de John Ruskin, escritor que tamén influirá poderosamente en Marcel Proust, dan lugar a unha escola artística encabezada por William Morris e Walter Crane, caracterizada por un retorno á natureza e polas súas ideas socialistas.

No mesmo período, cómpre salientar a obra de Richard Doyle (1824-1883), debuxante e acuarelista londiniense, a súa obra mestra é indubidablemente In Fairyland, a series of Pictures from the Elf Worlden, publicado en cor en 1870 polo impresor británico Edmund Evans (1826-1905)A partir das ilustracións deste libro, Andrew Lang escribiu A princesa Ninguén.

Outro dos ilustradores descacados foi  Walter Crane (1845-1915), un dos representantes do movemento Arts&Crafts. Influenciado polos prerrafaelitas e os gravados xaponeses. Entre as súas obras máis importantes atópanse as ilustracións para os contos dos irmáns Grimm (1882).

Shakespeare's Tempest Title pagePrincess Belle-Etoile-Walter Crane

O movemento Arts&Crafts foi derivando pouco a pouco ao modernismo ou Art Nouveau, unha corrente artística que se estableceu en Europa e nos Estados Unidos e que tivo o seu momento de esplendor entre 1892 e 1902. Caracterízase polo emprego de liñas asimétricas baseadas en formas vexetais. Aubrey Beardsley (1872-1898) é uns dos ilustradores máis  destacados do modernismo, coas súas obras inzadas de referencias á arte xaponesa e ao simbolismo.

apel_les_mestres_1apel_les_mestres_3

En Cataluña, o modernismo está representado por Apel·les Mestres (1854-1936), poeta, escritor, músico, humorista gráfico e debuxante. Concibía o libro coma unha obra de arte total, que lle permetía escribir poemas, ilustralos, poñerlles música, coidar a calidade do papel, a cor da cuberta, a distribución da masa impresa no branco da páxina, as filigranas das orlas, o tipo de letra, o deseño da encadernación do libro. Ilustra gran cantidade de libros entre eles cómpre salientar Vobiscum, con ilustracións de espírito medieval propias dos incunables, e Liliana, no que a técnica realista serve para reflectir a fantasía. Por estes dous libros está considerado un precursor dos modernistas e impulsor do deseño editorial.

Apel·les Mestres