“O filósofo e o literato (1)”, por William e Henry James

A Carta Postal

Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […]
Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura.
—Jacques Derrida—


Tarxeta postal de Chinatown, en Boston, visto desde a avenida Harrison, c. 1905.

Con esta selección de cartas entre os irmáns William e Henry James continuamos esta sección dedicada á correspondencia. Desta volta, logo de publicar Dixen sen máis de Hélène Cixous, achegámonos á relación epistolar entre o filósofo William James e o escritor Henry James. Dun período que abrangue de 1867 a 1909 , propoñemos unha selección de once cartas nas que o novelista comenta a obra filosófica do seu irmán e a través das que se pode albiscar a influencia do pensamento de William na obra literaria de Harry, como chamaban familiarmente a Henry.

Nesta primeira entrega publicamos catro cartas de William James ao seu irmán Henry, correspondencia que se vai recoller nas dúas entregas sucesivas ata un total de once cartas, oito do filósofo e tres do escritor. A tradución fíxose a partir da edición The Letters of William James (The Atlantic Monthly Press, 1920). O emprego de puntos suspensivos sinala pasaxes que xa non aparecían recollidas na edición orixinal inglesa.


Traducidas do inglés por Uxía Felpeto como parte do Programa de Edición para Persoas Voluntarias realizado na Fundación Euseino? Tradución revisada e corrixida por Cecilia F. Santomé. Selección das cartas feita por Fernando González Gandára.


Sección coordinada e editada por Cecilia F. Santomé

De William a Henry James

En Berlín, a 26 de setembro de 1867

Benquerido ’Arry [Harry], 1

Agardo que non esteas seriamente decepcionado despois de abrir este groso sobre e decatarte de que non todo é carta propiamente dita. Primeiro, heiche explicar a natureza do documento anexo e, despois, pasarei aos asuntos persoais. O outro día, mentres estaba sentado a soas coa miña tantas veces macelada carta de crédito, laiándome da miña condición de paria e imaxinando que podería facer para gañar un xornal, veume á cabeza escribir unha notiña criticando a novela de H. Grimm2 que estiven lendo ultimamente. Ben sabes que, para min, concibir unha idea equivale a levala a cabo. E, logo de suar coma un porco durante tres días —riscando, arrincando o pelo, copiando, volvendo copiar etc. etc.—, por fin conseguín rematar o texto que che anexo. Quero que o leas e que —se despois de corrixirlle o estilo e mais as ideas coa axuda da Nai, de Alice e do Pai, e logo de escribir de novo o que faga falta, xulgas que pode chegar a interesarlle a alguén neste mundo á marxe do propio H. Grimm— llo mandes a The Nation ou a The Round Table.

Moi duro me parece gañar a vida a este prezo. O estilo non é o meu punto forte e acadar o equilibrio entre a pedantería e a vulgaridade écheme certamente difícil; pero síntome orgulloso do que fixen con só pensar nesa recompensa de dez fermosos dólares, verdes e brillantes, froito do meu esforzo, que irá parar ás arcas da familia. Como está en Suíza, non vin a Grimm aínda, mais fai gala de moita imaxinación e de elocuencia na súa obra, que segue principalmente unha liña ética; a súa novela é verdadeiramente distinguée, ao estilo das de Cherbuliez3 —malia que no lado físico e animal teña as súas tachas. Para o meu gusto, é demasiado idealista; o Pai consideraríao digno de investigación polo seu moralismo total. Semella que mamou ben de Goethe: o libro é do estilo de Wilhelm Meister ou de Die Wahlverwandtschaften [“As afinidades electivas”]. Non é que sexa o que se di sólido senón que, per contra, posúe unha gran delicadeza e unha crenza cega no valor dunha verdade que desexa acadar xusta e imparcialmente. Resumindo: liberalidade meticulosa e desleixo no que atingue aos espíritos animais… —o que, curiosamente, semella característico da xeración que está abrollando—. Mais xa falei moito del. A recensión só foi unha tarefa máis, non espertou en min nin un chisco de interese e podía aforrar pensar que fose ser d’actualité para The Nation.4 De todos os xeitos, non tiña nada mellor que facer e a algo había que dedicarse.      

Son un home novo desque cheguei aquí —e refírome tanto ao saudable ton arroibado que me recobre coma ao efecto do ambiente desta cidade na miña alma—. En Dresde, semellaba darse un serán permanente. Mentres sentaba no meu cuarto frío e escuro a contemplar pola vella fiestra as raiolas poeirentas que esvaraban pola cornixa do tellado en dirección ao fondo da rúa e a escoitar o barullo afastado do mercado e pensando que non había maneira de que aquilo non durase in secula seculorum; adoitaba ter o mesmo sentimento que me invade agora cando evoco aqueles tempos onda a avoa, en Albany. Por outra banda, aquí síntome coma na casa; seica Berlín é a cidade europea que máis imita as americanas. No meu barrio, as rúas están ben trazadas, son amplas e con árbores poeirentas e casas novas, de tellados planos e vestidas de estuco, de todas as alturas imaxinables, feas, lóbregas, de aparencia inestable. Nunha palabra: werdend. Para min, Alemaña en si ten moito que ver co noso país —e dubido moito que unha estadía máis longa me fixese mudar de opinión—. A natureza dos alemáns e mais a nosa son tan semellantes nos seus fundamentos que paga pouco a pena vir aquí. A vida está revestida dunha aparencia descolorida e desolada; no tocante á arte, aquí predomina o mesmiño convencionalismo creativo dos que deseñan as lámpadas de queroseno na nosa terra. Resumindo: nada que mereza a pena peregrinar para velo. Viaxar a Exipto, a Italia ou ao Trópico pódelle ampliar a un a súa visión sobre os límites da creación; mais, para alguén da nosa orixe, o único orixinal en Alemaña é o seu pensamento, que se pode exportar facilmente…

(Despois de cear.)

Saín a cear. Voume familiarizando cos moitos e variados restaurantes da veciñanza, dos que hei remantar escollendo un —que non ha ser o de hoxe, iso asegúrocho, pois paguei 25 Groschen5 por unha sopa, polo e patacas e os camareiros case me quitan de respirar coa súa maldita condescendencia. Ai, como suspiro por unha mesa de comedor. Canto gusto me deixa dado cear “en círculo”, claro que diso xa hai tempo. Se atopase aquí os criados honestos, floridos e aquelados que nos servían en Parker House, mantería ese costume fose cal fose o prezo. Estes lagartos meus —vestidos con traxes de segunda man coma se fosen para unha voda, insolentes e dispostos a contradicirme, prestos sempre para enganarme coas voltas— son unha peste na miña vida. Despois da cea, dei un paseo por Unter den Linden,6 polos arredores do Palacio e do Museo.7 Hai moitas estatuas —a meirande parte “ecuestres”8— e imaxinas como contribúen a darlle luminosidade a este sitio. O que dixeches do cambio das estacións resóame agora na alma. O día de hoxe é preludio do inverno e na casa foi coma se estivesemos en outubro, cun vento frío e vigorizante do noroeste acompañado dunha luz branca e das follas vermellas que caen e voan por todas partes. Espero visita de T. S. Perry9 a semana que vén. Imos compartir un gran salón e un cuarto nesta casa e poñer rumbo ás entrañas do inverno con estilo. Espero que veña rufo, pois aquí todo o mundo fala del cunha certa solemnidade…

Gustaríame que me enumerases pormenorizadamente nas túas futuras cartas os libros que liches ultimamente —”Moitos libros marabillosos, só obras boas” resulta irritantemente impreciso—. Polo que a min respecta, ao repasar o que lin desde que marchei, decátome do sumamente pouco que foi, debido —con moita probabilidade— a que o fixen en alemán. Acouguei outra vez —despois de case dous meses de libertinaxe no terreo da ficción francesa, coa compaña da fresca, libre e brillante señorita Sand; do un tanto estridente pero intrépido Balzac, por quen aumentou a miña estima, por non dicir o meu afecto; de Théophile Gautier, o bo, o do bico de ouro, que pola súa banda cativou a miña atención. E que dicir do sen parangón Erckmann-Chatrian, anfitrión de tantos e capaz de devolverlle a un a fe na deliciosa harmonía da creación… Ultimamente, ando a  ler a Diderot, as Obras escollidas, en dous volumes, que che son ben entretidas, cos seus espíritos animais e os graciosos xeitos de pensar, falar e actuar da época. Ti imaxina bater constantemente con frases tan deliciosas coma —fala da capacidade de aprendizaxe dos animais salvaxes—: “Et peut-on savoir jusqu’où l’usage des mains porterait les singes s’ils avaient le loisir comme la faculté d’inventer, et si la frayeur continuelle que leur inspirent les hommes ne les retenait dans l’abrutissement”!10 Mais debo parar aquí, pois aínda lle teño que escribir ao Pai…

Adieu, moitísimo agarimo do teu moi afecto

Wilhelm

En Newport, a 3 de xuño de 1876

Querido H.:

Escríboche logo dunha considerable paréntese chea de traballo arreo e de cansanzo —demasiado para poñerme a escribir unha carta— … Lisquei hai tres días —agora que xa remataron as clases— para distanciarme das connotacións académicas que adquiriu a miña casa. Estou cas dos Tweedies, coa señora Chapman e James Sturgis e mais a súa muller; e estanme prestando moito non tanto as conversas que mantemos alí como irme deitar nos pasteiros dos outeiros de Lyly Pond sen levar ninguén canda min e as catro ou cinco horas que pasei onte nos Dumplings11 sentindo o vento que batía e o mar vivo na súa calma. Aquí, dáse unha pureza e unha benevolencia dos elementos que limpa a alma. Estiven coma se tomase opio: sen querer facer nada máis que xusto o que estaba facendo nese intre e sentíndome igual de ben xa fose quieto, andando ou deitado, en silencio ou falando. Supón un alivio estupendo para tanta fatiga e estímulos destes últimos meses escolásticos. Pasadomañá (luns) hei ir cos Tweedies para Nova York, o martes asistirei á voda de Henrietta Temple e, despois, pasarei un par de días na Centennial.12 Supoño que será cansado pero quero ver os cadros ingleses que tanto chufan… Oxalá as miñas vacacións se limiten a visitas dunha semana a diferentes sitios; coido que sería o mellorciño xeito de pasalas. Newport, coas súas mansións e todo iso écheme repulsivo; non era consciente do pouco encanto que ten e do farrapento que resultaba ese lugar. Non hai máis de tres ou catro casas no medio de todo iso que non sexan unha ofensa á vista. Pero a apracible natureza medra día si e día tamén nun sitio. Esta tarde, se Deus quere, pasareina en Paradise.13

Os Tweedies non teñen cabalos, cousa que me obriga a andar ou pagar moito máis do que me gustaría. O máis novo dos Seabury díxome onte que estaba lendo o teu Roderick Hudson14 pero non fixo ningún [comentario].  O coronel Waring díxome do teu “americano”: “Non é que tolee por Henry James fillo pero, cando rematei o primeiro volume, díxenlle á miña muller: Por Xúpiter, creo que desta vez atinou de cheo! Tamén eu considero que comeza moi ben. Tes unha información de primeira sobre a que traballar e oxalá lle deas xeito.

As últimas cartas que mandaches á casa desprendían un recendo a contento e amansamento parisiense que daba gusto… Os teus informes sobre Iván Serguévich son deliciosos. Envexo que che deixase acceder á intimidade do pintor mozo. Transmítelle a Iván todo o meu agarimo. Lin o libro del que mandaches á casa (agora, os libros estranxeiros que veñen por correo pagan un imposto así que manda só dos bos) e —malia que a vea da “morbosidade” estea excesivamente marcada nos seus relatos, os misteriosos abismos que acada na súa caída compénsano todo. O que nos fai valorar a mente dun home é a cantidade de vida que contén, e a de Turguénief agocha unha visión duns mundos dentro doutros mundos que o común dos mortais nin sospeita que existan. Divírteme recomendarlle os seus libros á xente que fala deles coma dunha novela de Wilkie Collins. Disque pasamos por alto Daniel Deronda;15 eu considéroo tremendamente interesante. Gwendolen e o seu home son unha obra de arte tanto na súa concepción coma na súa caracterización. As súas personaxes ideais son moito máis imprecisas e sen entidade. Así e todo, a súa “sapiencia” —como ti moi ben a defines— sobrepasa os límites da decencia. Hai algo tipicamente feminino na leria descontrolada das súas reflexións morais. A que se debe que ás mulleres lles preste tanto moralizar? O home filosofa por unha cuestión de interese, porque non lle queda outra. Faino por un motivo concreto e despois déixao estar. Pero as mulleres non semellan superar o descubrimento da posesión desa facilidade; de aí a esgotadora repetición e o desacougo do comentario de George Eliot sobre a vida. Os La Farges non están. Sempre teu,

W. J.

En Cambridge, a 9 de maio de 1886

Benquerido Harry:

Collo a pluma no primeiro respiro que teño na última semana para dicirche que lin The Bostonians16 en toda a súa rabiosa extensión e que a considero unha obra exquisita. Aquela carta miña rosmándoche escribina antes de que aparecese na Atlantic o remate do Libro I e a suspensión da intriga nese punto para deixar evolucionar a relación de Olive e Verena viuse potenciada polos meses de espera entre os números da revista; de aí que a considerase a cousa máis lenta xamais escrita. Non penso volver atacar unha novela túa publicada nesa revista —só lin un número de Princess Casamassima, aínda que toda a xente que coñezo opina que é o mellor que escribiches polo de agora. Volvendo a The Bostonians: os dous últimos volumes son simplemente deliciosos. Non hai un pero que poñerlle a Verena. Fixéchela tremendamente liebenswürdig17 e sen pasarte nin quedar curto, co sinxelo que sería arruinar o retrato que dela fas excedéndote un pouco ou non a dotando de autenticidade. Abofé que a súa posición moral —entre a defensa dos dereitos da muller e Ransom— posúe fondura e o xeito en que descobre a verdade o día de Central Park e tal vénlle que nin pintado. O personaxe de Ransom —que, para min, ao primeiro carecía de vida— remata téndoa de sobra. En Washington, Hay contoume que ao Secretario Lamar18 lle encantaba. E tamén ao propio Hay, pero el é máis de Casamassima. Anéxoche unha folla dunha carta de Gurney que acabo de recibir. Xa ves que o toma en serio . E coido que, no fondo, ten razón —digamos, máis ben, que tería razón se os personaxes fosen reais—; pero, tal e como é a historia, non comparto a pexa que pon. A cousa chama máis ao saírse coa súa R. Escoito falar pouco do libro, imaxino que se está lendo menos. A cuestión sería —e aquí mesturo o que che dixen na miña carta anterior co que acabo de escribirche— a seguinte: está soberanamente ben escrito, sempre e cando un admita o procedemento empregado. Paréceme que os datos son máis ornamentais ca outra cousa pero o tratamento que deles fas é dun realismo elaboradísimo. Non me custa imaxinar esa historia recortada e transformada nunha peciña brillante e chispeante dun cento de páxinas que sería todo un éxito. Pero desenvolíchela a base de descricións e apuntamentos psicolóxicos ata case unas cincocentas —sumamente agradables para aqueles que teñen o vagar e o xenio necesario para gozar de tal cantidade de traballo preciosista aínda que perigosamente susceptibles de espantar a meirande parte dos lectores, que morren por máis acción e menos artificio—. Así e todo, pódoche dicir coa man no corazón que os dez días que pasei deitándome a lelo despois de cear foron un gozo absoluto. Figúrome que o leu máis xente doutras zonas do país alén da nosa. Mercaríano por aquilo de informarse. O xeito en que tratas esas partes sobre a paisaxe americana, Central Park, Cape etc. é deliciosamente auténtico e vai directo a espertar a emoción. Agora que sei que fixeches algo así de bo, paréceme marabillosamente ben a mansedume coa que me contestaches o verán pasado.

Non che podo escribir máis, estando saturado de traballo como estou e non tendo saúde. A primavera está a abrollar que dá gusto —as árbores xa botaron a metade da folla e van vindo os ventos serodios do leste, brancos e luminosos. Na casa, estamos ben…

Non te alarmes polos conflitos laborais que hai por aquí. Estou convencido de que representan unha fase evolutiva máis que saudable —un pouco custosa, iso si, pero normal— e que, ao final, han ser moi positivos para todas as partes. Non falo da revolta sen xeito que houbo en Chicago e que nada ten que ver cos Knight of Labor19 senón cunha morea de alemáns e polacos que están da cabeza. Divírtenme os telegramas que anuncian que os xornais ingleses falan dela coma a nova capital antiGladstone.20 Todos os irlandeses implicados ou están no lado das vítimas mortais ou no dos policías feridos. A case totalidade dos anarquistas vén do continente.

Afectuosamente,

W. J.

En Cambridge, a 12 de abril de 1887

Benquerido Harry:

… volvín onte de pasar cinco días no meu retiro silvano do lago Chocorua, onde fun ver de axeitar as instalacións de cara ao verán. O inverno trouxo unha cantidade excepcional de neve en todo o que non é a costa e, cando cheguei, atopei máis dun metro de neve no chan e arredor de dous alí onde se amontoara. Antonte, fixo unha calor coma de verán e fun dar un bo paseo en mangas de camisa. Onde se me afundía a codia da neve endurecida, tiven que cruzar por ela igual —e dábame por riba da perna—. Foi unha combinación estraña e non moi agradable que digamos. O manto de neve impide que as camadas profundas do chan se conxelen, polo que aos poucos días de irse a neve, a terra barrenta xa está seca e a primavera comeza en todo o seu esplendor. Probei a usar botas para a neve pero non me daban soltura. Na zona do bosque, andaban facendo xarope de pradairo. Estiven comodísimo no hotel que hai alí cerca, de cuxo estupendo dono —e aínda máis da súa dona— son moi amigo. Deixei apousar os fumes do meu cerebro rebordante de coñecemento e, cambiando de tema, xa sorrío pensando na fachenda de Grecia e Roma desde as alturas na miña casa de New Hampshire. Moito me dá que o custo final do traballo vai estar máis preto dos 2000 dólares que dos 800. Bo é que imos ter dez cuartos grandes —dous dos cales van ser de sete por sete metros— e tres pequenos —sen contar a cociña, as despensas etc. Así que, se che presta un pouco de alegría da boa, nada sofisticada e sen aperturas, máis che vale vir pasar connosco os veráns. Ben vexo que se che revolve o corpo só con pensalo, así que morra o conto. Pero teño unha idea fixa sobre o teu futuro e é que un día a pluma deixará de serche útil para gañar a vida e, non tendo outra fonte de ingresos, has volver vivir comigo coma o fillo pródigo. Decataraste entón de que cunha pila de leña do tamaño dunha casa corrente, cunha cheminea de algo máis dun metro de largo e co noso sol americano bañando o piso, o inverno de New Hampshire é mesmo soportable. Cunha casa xa montada, douscentos ou trescentos dólares anuais ben lle chegan a un home para vivir con comodidade en Tamworth Iron Works, que é como se chama o noso concello. Pero non digo máis, que a miña vulgaridade xa che está a dar arrepíos…

As clases na facultade comezan mañá, durarán sete semanas. Nunca me custou tan pouco sacar o traballo adiante coma este ano e teño pensado escribir dous capítulos máis de psicoloxía antes das vacacións. Levo dous terzos feitos desta obra eterna. A ti, que sacas dous libros ao ano, a miña lentitude débeche de parecer unha cousa desprezable pero a cuestión é que —á marxe doutros impedimentos— a “ciencia” atópase nunha fase de tal confusión e imperfección que con cada parágrafo xorde un novo imprevisto; a miúdo, paso semanas atoado nun punto que nun principio non me parecera para nada conflitivo. O eido universitario norteamericano vai por este camiño. En cousa de catro meses, publicáronse aquí tres traballos de primeira, tanto polo que amosan como pola súa orixinalidade. Co de Stanley Hall21 e mais co meu, xa serán cinco. Mentres tanto, en Inglaterra non fan moito. Os únicos investigadores que seica están ao día son eses  “investigadores físicos” …


  1. Supresión da aspiración inicial do nome. Seguramente, unha brincadeira entre os dous irmáns. ↩︎
  2. Herman Grimm foi un escritor e académico alemán, fillo dun dos irmáns Grimm. ↩︎
  3. Escritor francés famoso polas súas obras de fantasía. ↩︎
  4. A recensión á que se refire publicouse no volume V de The Nation, páxina 432, co título “Unha novela americo-alemá”. ↩︎
  5. Moeda empregada durante o Medievo e a Idade Moderna en varios países europeos coma Francia e Prusia, actualmente só se usa en Polonia. En Alemaña, deixouse de usar en 1873; ten un valor estimado de 0,061355 euros. ↩︎
  6. Orixinalmente, William James escribiu “under of the Linden”, traducindo a medias o nome do paseo berlinés ao que se refire. ↩︎
  7. O autor non especifica se se trata do Palacio de Belleuve, do de Charlottenburg ou do Palacio Vello, que agora é a facultade de Dereito. O mesmo pasa co Museo. ↩︎
  8. No orixinal, entre comiñas. Quizais se refería a que en Unter den Linden non só se observan figuras ilustres montadas a cabalo senón que tamén hai xente paseando a cabalo. ↩︎
  9. Refírese a Thomas Sergeant Perry, editor, tradutor, crítico e historiador literario estadounidense colega de Henry James. ↩︎
  10. “E pódese saber a onde levaría aos simios o uso das mans se tivesen tanto vagar coma inventiva e se o terror continuo ao que os someten os seres humanos non perpetuase neles o estado de embrutecemento?” ↩︎
  11. Zona esgrevia que se estende cara ao sur ao longo da liña da costa desde a vila de Jamestown, na illa de Conanicut (baía de Narragansett, Rhode Island, EUA). Orixinalmente, o nome referíase ás rochas enormes e con forma de bólas que bordeaban o mar na parte sueste da illa. ↩︎
  12. Refírese á Centennial International Exhibition de 1876, a primeira feira internacional oficial que tivo lugar nos Estados Unidos. Celebrouse en Filadelfia, Pensylvania, entre o 10 de maio e o 10 de novembro dese ano, co gallo do centenario da sinatura da Declaración de Independencia. ↩︎
  13. Outeiro fragoso preto de Newport. William James fai aquí un xogo de palabras (o topónimo inglés significa “paraíso”) para subliñar o carácter bucólico do lugar.  ↩︎
  14. Novela de Henry James publicada entre xaneiro e decembro de 1875 como unha serie en The Atlantic Monthly. ↩︎
  15. Novela de George Eliot, a derradeira que escribiu completa. Publicouse en 1876. ↩︎
  16. Novela de Henry James publicada orixinalmente por entregas en The Century Magazine entre os anos 1885 e 1886. En xaneiro deste último ano, apareceu xa como libro. Se cadra foi iso o que impulsou a William James a lela uns meses más tarde. ↩︎
  17. En alemán, “amable”, “adorable”, “bondadosa”. ↩︎
  18. Lucius Quintus Cincinnatus Lamar II, Secretario de Interior entre 1885 e 1888, sendo presidente dos EUA Grover Cleveland. ↩︎
  19. A Noble and Holy Order of the Knights of Labor (a Nobre e Santa Orde dos Cabaleiros do Traballo) foi unha organización de defensa dos dereitos dos obreiros na época presindical que estivo activa nos EUA entre 1869 e 1949. ↩︎
  20. William Gladstone foi un célebre estadista británico da época vitoriana e un dos primeiros ministros máis importantes do país. Aquí, William James fai referencia á actuación de Gladstone cando Parnell e os nacionalistas irlandeses irromperon no Parlamento de Westminster con oitenta deputados. Para poñer fin á violencia descontrolada nas rúas, Gladstone ofreceulles a Home Rule (1886), que establecía un parlamento autónomo en Irlanda.  ↩︎
  21. Granville Stanley Hall, psicólogo e educador estadounidense. Obtivo o primeiro doutoramento en psicoloxía concedido no seu país. Os seus estudos centráronse no desenvolvemento da vida humana e na teoría evolutiva. ↩︎

“Decálogo da novela”, por Xelís de Toro

Cartel do movemento artístico da Secesión, Berlín, 1912 (pormenor).

O novelista Xelís de Toro é un dos escritores que na década de 1990 publicou algúns dos libros máis singulares e anovadores entre os que daquela se comezaron a editar na narrativa galega. Autor de Os saltimbanquis no paraíso, unha das primeiras novelas nas que se falaba da emigración da xente nova, dos espíritos artísticos, á busca doutras portas abertas na cultura. Endebén, este autor aínda conserva ese espírito afouto, atrevido, tanto como para escribir nos tempos que corren unha novela titulada Etceteramente (Xerais, 2022) que, en realidade, é unha antinovela. Ou unha novela sobre a imposibilidade de escribir novelas.

Precisamente por iso en Euseino? tivemos a ousadía de lle pedir a Xelís de Toro todo o contrario do que el adoitaría escribir. Un décalogo… da novela. Porque é o único novelista deste país que se atrave a presentar unha obra —unha antinovela, no senso das Antimémoires, de André Malraux: “Presque tous les écrivains que je connais aiment leur enfance, je déteste la mienne”— propoñendo un debate sobre o sublime.

Neste “antidecálogo”, o imposible escritor que é Xelís de Toro escribe do dificilmente esperarable: dun gato, dun martelo, dunha cama, unha porta, e dunha ponte, un xerador, dunha chave inglesa (de Toro, cómpre dicilo, ten esa retranca educada dos ingleses de cerna) e… dun espello. Repárese no uso diferente que Stendhal lle deu ao espello (“Unha novela é un espello que se despraza a carón dun camiño longo”) e do que lle deu Lewis Carroll, para quen había que atravesalo, a realidade estaba do outro lado. O noso autor propón facer as dúas cousas ao tempo.


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

Dez chaves para unha porta aberta

1) Un gato. Dise do gato que ten sete vidas mais ninguén o sabe, ninguén o explica, ninguén o entende, con todo, o gato introdúcese na nosa vida como un animal que ten sete vidas, aínda que non as ten. Ese é un pinchacarneiro mental, un chimpo no aire, un equilibrismo racional irracional. Ese alento que nos conecta co misterioso e inexplicable é o que eu pido. Non utilizo a palabra novela por se acaso está morta. Prefiro a palabra libro porque un libro é un obxecto, cóllelo coas as mans, sei da súa existencia; a novela non sei o que é, se foi, se será, só sei que as súas posibles sete mortes deron para escribir moitos libros.

2) Un martelo. Unha das ferramentas humanas primixenias. O martelo utilizábase as máis das veces para crebar as cabezas dos individuos das outras tribos e algo menos para crebar as cascas dos froitos secos. O martelo esnaquiza, inventa anacos do que estaba enteiro, fainos interrogar polo miúdo e polo grande, polo que foi e xa non é, polo que fixemos ou nos fixeron. O martelo, se o colocas coa cachola de ferro arriba, poslle un punto abaixo e lle botas unha miguiña de imaxinación, ata semella un signo de interrogación. Se non fai cachizas das nosas cabezas nin fai preguntas, esa novela non é un martelo.

3) Uns óculos. Así se chama no galego do sur aos lentes e, como algunha vez lle escoiteiá a miña avoa Dolores, tamén chamada madriña, “antiparras”… ou sería a miña imaxinación? Pero eu gusto da palabra óculos. Os óculos serven de metáfora do acto de mirar. Eses vidros graduados serven de ponte e obstáculo entre quen mira e o que é. A novela é só unha novela, nunca é o que é. A novela fala de si mesma, non obstante semella que fala de o que é. A novela é coma uns óculos para mirar que se embazan co noso alento, que distorsionan a ollada.

4) Un lapis. O meu obxecto talismán. Un lápis ofréceme o que eu preciso no acto de lectura-escritura; escribe, borra, suliña e risca. Utilízase coa man, que se comunica a través dos nervios do brazo co cerebro. Une o corpo coa mente sen preguntar que foi primeiro. Calquera novela é produto dun acto, a dun individuo que pasou horas e días, semanas, meses e anos diante dun caderno cun lapis na man. O lapis está relacionado co acto da escritura e tamén nos lembra que, como a podemos borrar, a lecto-escritura nunca é definitiva, sempre é un proceso. Un libro continúa sempre noutros libros e tamén é a continuación doutros libros.

5) Unha cama. Samuel Taylor Coleridge insistiu en que o seu poema “Kubla Khan” lle veu enteiro nun soño ata que alguén o espertou e perdeu o final. A novela pode ter a capacidade inversa, permitirnos entrar nun mundo alternativo á realidade, semellante a un soño, unha separación temporal do mundo real.

6) Unha ponte. Estrutura de enxeñería que permite unir o que está separado. Para que a ponte funcione ten que combinar con éxito dúas forzas opostas, a compresión dos materiais e a extensión ou alongamento. O libro-novela é unha ponte, unha estrutura que permite unir e comunicar a quen escribe e a quen le. Ten que conseguir esa forza interna que lle dea unha entidade e tamén debe alongar o espazo, levarnos dun aquí para un alá. Se ficamos no mesmo sitio onde estabamos antes, entón a novela será novela pero non é ponte.

7) Unha porta. A cuberta dun libro é unha porta, unha porta dunha casa, dunha edificación construída por alguén para nós habitar nela. A porta permítenos entrar mais no interior podemos atopar de todo, obstáculos nos corredores, outras portas abertas ou pechadas, cuartos revoltos ou ordenados, caixas de música, sorpresas, etc. Poida que a casa teña un guía que queira dicirche como tes que habitar ou como tes que ler, non obstante, quen le debe tomar as súas propias decisións. O edificio debe ser habitable, debe ofrecer un espazo para que quen entre o poida facer seu, para que se sinta na súa propia casa e non como unha visita non desexada ou un inquilino que ten que pagar aluguer.

8) Un xerador. O interesante deste trebello é que a súa función é que funcionen outros aparatos, non é para si senón que é para outros. Estes son os libros que me interesan, libros que crean enerxía abonda para que nazan outras escrituras, outros libros, outros traballos, outras ideas, outros proxectos, o libro xerador de ideas. 

9) Unha chave inglesa. En inglés hai unha expresión, to throw a spanner in the works (botar unha chave inglesa na maquinaria/nas engrenaxes), que se di cando sucede algo ou alguén fai algo que estraga un plan e todo se esboroa. A chave inglesa fai que as engrenaxes non poidan traballar como se esperaba. Un libro-novela pode ter unha grande utilidade se logra facer que a constante repetición, a maquinaria cultural que vai sobre os campos acomodados, repetitivos e constantes, escangalle, rompa, e haxa que buscar outras maneiras, construír algo novo.

10) Un espello. Mirarse nun espello é un acto máxico, ese reflexo dun mesmo é unha pantasma, un outro eu. Para min é un abismo, é atreverse co baleiro. Ao ollarme nun espello síntome só, non hai escapatoria, un está só. Se algo de interese ten unha novela é que nos invita a un acto solitario, a ese recoñecerse só no mundo. Cando un escribe e cando un le atópase diante do baleiro. No abismo do non ser. Conéctanos coa nosa saudade primixenia. Se non se logra iso, mellor escachar o espello, aínda que iso disque dá mala sorte.

Decálogo da novela

Novo número de “Urania”

Chus Pato dialoga con Nieves Neira sobre “Neve de agosto”

O Gabinete de Poesía da Fundación Euseino? publica en formato PDF e acceso aberto o número 4 de Urania. Publicación sen periodicidade fixa que recolle o diálogo de Chus Pato con poetas actuais. A súa finalidade é incitar ao pensamento sobre a poesía.

Este novo número de Urania recolle unha conversa sobre o poemario Neve de agosto (Chan da Pólvora, 2022), entrevista que Chus Pato mantivo coa autora do libro, a poeta Nieves Neira Roca. Case cincuenta páxinas de diálogo entre dúas poetas que nos achegan á xenealoxía do poemario, aos seus ecos múltiples, facendo posible unha lectura máis próxima e reveladora.

Ao fío das preguntas que lle formula a entrevistadora, a conversa iníciase cunha declaración na que Nieves Neira confesa que “o libro durou tanto tempo na miña vida que, en certa maneira, é e xa non é meu. Talvez esa sexa a mesma actividade da vida”, a que ten relación con “ese fulgor infinito do finito. De aí que oscile entre ese ‘gardar o ouro no interior do corpo’ e esa ‘pel con pel onde nada se garda’. O que chama do poema, esa chamada, non se pode gardar”. E cita aquí o famoso poema de Giacomo Leopardi sobre “O infinito” [véxase tradución galega na ligazón do título] e o “Vesuvius at Home” de Emily Dickinson.

Fala Nieves Neira da linguaxe poética como daquela que lle dá ao outro as palabras: “curvámonos como as letras” mentres “crece a neve cando xa se perdeu a inocencia, […] crece no chan, invertida, porque algo se resiste a asumir que crecer sexa perder […]”.

A conversa continúa atravesando o poemario, no que as dúas poetas se van detendo para comentar versos ou para falar da dificultade de escribir poesía e da relación entre a poesía e existir. “Ao final, non é iso o que busca esa lingua que perde lugar, o poema, que sobreviva o que amamos?” ¿Ou os poemas son outra cousa, outras cousas?

Urania 4

48 páxs.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta