“O tempo e a forma no antropoceno”, por Óscar Pazos

Transformación da materia e manifestación aparencial

O xeólogo e ensaísta Óscar Pazos volve facer neste artigo, coma antes en Tempo inerte, unha reflexión fundamental na que a ollada científica pon de manifesto a súa relación co senso metafísico. Substancia e aparencia non son necesariamente contrarios, os minerais revelan a correspondencia perfecta entre estas dúas categorías aparentemente opostas. A aparencia material reproduce o íntimo artellamento molecular dos minerais. Nesa absoluta correspondencia do hábito externo coa súa natureza íntima, atopamos un xeito de honestidade, de pureza: as calidades formais son ao tempo estruturais, non hai engano. O tempo xeomorfolóxico non se trata dunha superación do pasado senón dunha reelaboración de pasados infinitamente condensados na pura forma do relevo.

“Despois da choiva de primavera”, por László Mednyánszky (1852 – 1919)

Substancia e aspecto

Na xeoloxía as calidades aparentes son substanciais, a forma é constitutiva e o mesmo aspecto definitorio. Ás veces o barallete técnico semella ter a única función de acochar a propia trivialidade e dar carácter esotérico ao evidente. Así, a división fundamental das rochas ígneas entre leucocráticas e melanocráticas non sinala outra cousa que a súa coloración pálida ou escura. Dado que a cor branca ven en xeral determinada pola cantidade de sílice —ou seixo— na composición, que depende da orixe continental ou mantélica dos magmas e, á súa vez, confire propiedades substanciais, coma a alta temperatura de solidificación e viscosidade, a simple tonalidade das rochas ígneas revela unha extraordinaria información sobre a súa xénese e natureza. As cores brancas e luminosas dos granitos galegos infórmannos da súa orixe continental e da súa sobresaturación en sílice, evidente por outra banda nas moreas de seixais en boa parte da nosa terra, mentres que as características cores negras da Macaronesia atlántica, Os Azores, Madeira ou As Canarias, responden á orixe mantélica destes arquipélagos no medio do océano.

            En certo sentido, a calidade do “mineral” residiría na perfecta correspondencia entre aspecto e substancia. Moita da marabilla acotío sentida á vista dos espectaculares poliedros minerais dos museos e coleccións atopámola nesa perfección coa que a aparencia visual reproduce o seu íntimo artellamento molecular. Nesa absoluta correspondencia do hábito externo coa súa natureza íntima, atopamos un xeito de honestidade, de pureza: as calidades formais ao ollo son ao tempo estruturais, non hai engano.

            Tamén os mosaicos dos distintos minerais e o seu artellamento no espazo dan calidades substanciais á rocha no conxunto, do que especificamente se ocupa a petrografía. Textura e fábrica son termos petrográficos para nos referir a esas tramas que conforman a estrutura das rochas conferíndolles as súas particulares propiedades e fisionomía por riba da composición mineral. De feito, a porosidade ou fisuración —é dicir, os baleiros de calquera rocha— determinan boa parte dos seus comportamentos e calidades, de xeito que a medida e descrición das porosidades importa na práctica tanto ou máis que a composición mineral da rocha. Mais hai unha especialidade xeolóxica (disque a menos aplicada de todas) que fai da pura forma o seu campo de estudo: a xeomorfoloxía, e o que a xeomorfoloxía procura no estudo das formas da paisaxe é nin mais nin menos que a historia da Terra, as pegadas e revolucións do tempo no planeta.

Sucesión de sucesos: o actual e o inactual

            A diferenza da aproximación estratigráfica que reconstrúe a historia do planeta atravesando a secuencia de sedimentos e deste modo representa o tempo segundo a —aínda— común representación lineal, coma unha sucesión de sucesos, a mirada xeomorfolóxica enfróntase a un pasado enteiramente condensado na superficie da Terra, todo á vista no presente. Todo o novo e o vello é tan actual coma real na paisaxe. Se cada novo sedimento descansa sobre o vello, agochándoo, na paisaxe o presente aparece moldeado nas formas do pasado, outorgándolle á totalidade unha particular continuidade e significado que é o sentido do presente. O presente, de feito, aparece coma unha representación particular do pasado, inseparable del. Se o tempo estratigráfico amosa unha memoria episódica, de feitos estancos, desartellados, o tempo xeomorfolóxico amósanos unha memoria completa, desorganizada mais integrada e significativa, e moito máis real, realista ou sensitiva. Ao afondarmos no pormenor da paisaxe, en calquera punto, os eidos temporais de cada rocha ou solo concrétanse mais, de feito, acotío perdemos de vista o presente mesmo nesta operación analítica. O que conforma o presente e lle outorga sentido é precisamente aquela particular e significativa configuración do pasado no seu conxunto.

            A falta de substancia, por ser materia aínda en transformación —a sedimentar—, ou en destrución —en erosión—, é característica dos procesos xeomorfolóxicos. O baleiro de materia configura a superficialidade do relevo e dá unidade á paisaxe, impresa sobre materiais e procesos xeolóxicos diacrónicos e dispares. O baleiro funciona como unha discontinuidade que dá aparencia de unidade ao relevo, poñendo á vista materiais e suscesos moi distintos e independentes  nunha mesma superficie. O presente (que sería a paisaxe agora mesmo) é unha aparencia de continuidade sobre o que, materialmente, son cousas diversas (rochas, fallas, formacións, minerais). 

Se cadra a mellor definición desta condición xeomorfolóxica do presente a atopamos no nome que a Física astronómica dá ao límite no que luz e tempo son definitivamente atrapados polo sorbedoiro gravitacional dun burato negro e o condensan cara a el: o horizonte de sucesos. A paisaxe presente amósase como un horizonte de sucesos xeolóxicos, algúns en marcha, outros de feito rematados hai moito tempo mais que abrollan no presente coma palimpsestos. Mesmo formando un revoltallo un tanto caótico, a paisaxe do presente dá continuidade a estes pasados relevando uns procesos e suavizando outros, tendo unha función todos eles no momento actual.

Axente xeolóxico externo

            Arestora o presente da humanidade ven definido polo antropoceno, tempo dunhas  comunidades humanas convertidas de lonxe no principal axente xeolóxico externo e que afondan aceleradamente as súas intervencións na codia terrestre, de xeito que a acción humana configura hoxe o presente do propio planeta. No antropoceno, os procesos humanos son tamén xeolóxicos e, abofé, os procesos xeolóxicos viran humanos; as diferenzas esboróanse. Se a proliferación de sufixos temporais como neocolonialismo, tardocapitalismo, posfordismo, neoliberalismo, posmodernismo ou mesmo retrofuturismo nos informa da actual urxencia por redefinir os procesos humanos en función das condicións deste presente planetario globalizado, a amplitude da urxencia sinala tamén a necesidade de renovación epocal: o propio tempo precisa ser anovado. Nesta esixencia, atopo a temporalidade xeomorfolóxica moito máis adaptada a este novo presente do antropoceno que a vella temporalidade estratigráfica, secuencial, de progreso lineal, modernizador.

            O tempo segue seu devir, secasí o porvir non é a novidade senón reformulación do vello, do xa visto. No tempo xeomorfolóxico non hai progreso, os procesos son cíclicos: o planeta está a anovarse e ao tempo a avellentar. A espallada sensación de fin-da-historia resultaría desta mudanza de orde cósmica dende o tempo lineal, evolutivo, ao presente condensado, continuo, amplo, de reformulación do vello. Abofé, na nosa altura vivimos o paso dun tempo ao outro cun desacougo existencial por esa falta xeral de futuro mais cada orde temporal ven acompañada dos xuízos de valor que lle son propios e, se a teleoloxía do progreso atopou na liña da evolución unha potencia emancipadora, o tempo xeomorfolóxico dota o presente de fortes raíces. Renunciando a puxar da historia asistimos a un rexurdir da xeografía. Abofé, non é o caso de voltar aos determinismos xeográficos de hai un ou dous séculos —aínda que discursos coma os do norteamericano Robert Kaplan en The Revenge of Geography (“A vinganza da xeografía”) sexan sintomáticos— senón de ser conscientes da relevancia desas memorias formais na fábrica social, memorias que de xeito ocasional ou recorrente aparecen rexurdir coma palimpsestos sinalando a sombra das vellas institucións sociais e políticas, manifestándose nas novas. A resistencia e consistencia deses sutís gradientes xeográficos das estatísticas educativas, sociais, económicas ou mesmo electorais actuais que reproducen fronteiras de imperios desaparecidos hai séculos, ou da práctica da escravitude, ou do réxime da propiedade, amosan as vellas memorias políticas, económicas e institucionais actuando a través das novas. 

             Na mirada xeomorfolóxica, a paisaxe xa non aparece coma unha superación do pasado senón como unha reelaboración de pasados infinitamente condensados na pura forma do relevo. Fronte á orde estratigráfica de cada tempo novo construído con independencia dos pasados que sepulta, a paisaxe incorpora o novo e o vello no límite das formas. Mais a forma acumula dun xeito moi distinto do que a materia; e disque esta visión achega unha nova transcendencia. O pasado xa non vén dado por materialidades mortas, litificadas, senón que aparece nas formas incorporadas, reproducidas; tratamos hoxe con memorias topolóxicas, inmateriais.

            E velaquí a última cuestión a apuntar sobre este novo tempo condensado do antropoceno: a relación entre a forma e os límites. Porque os límites son as formas da materia no seu colapso. E efectivamente, o antropoceno é un mundo chegado aos seus límites materiais e no que o devir das formas se volve substancial.

“Ninguén queda” chega á 4ª edición

A obra de Brais Lamela, recomendada pola crítica e as librerías. Acollida polas persoas lectoras.

A obra coa que Brais Lamela iniciou a nova xeira de colección Rúa do Lagarto, dirixida por Berta Dávila, chega á súa cuarta tiraxe, que sae esta semana dos prelos da Cooperativa Sacauntos.

Recollemos neste artigo un resumo das críticas e entrevistas publicadas. Desde blogues coma o prestixioso Ferradura en Tránsito II, de Xosé M. Eyré, a artigos de opinión coma o de David Rodríguez en Nós Diario, entrevistas e reportaxes na prensa, entre elas en Fugas, da Voz de Galicia, por Carme D. Prol e no Diario Cultural da Radio Galega.

Na reportaxe na que Ana Abelenda incluía Ninguén queda entre os sucesos deste verán, salientábase a opinión das librerías, coma Numax, de Santiago, e Trama, de Lugo. Ademais, as librerías colaboradoras de Euseino? e moitas outras de vilas e cidades están a axudar á difusión do libro. Tamén a profesora Dolores Vilavedra sumábase a esta boa acollida desde a súa crítica no Diario Cultural da RG.

A excelente recepción dos medios de comunicación vese acompañada pola boa e importante acollida das persoas lectoras que, nomeadamente a través das redes sociais, expresan o seu apoio a esta primeira obra de Brais Lamela. Diferentes xeitos de amosar a satisfacción lectora e mesmo o entusiasmo de quen le Ninguén queda están reflectidos nas fotos e opinións recollidas en EuseinoEditores, nas historias e fotos de euseinosocial e euseino.

Este apoio das persoas lectoras, da crítica e dos medios de comunicación coidamos ten unha relevancia senlleira, tanto por se tratar da opera prima dun autor coma polo tipo de colección e a literatura á que está dedicada. Tamén polo que significa de esteo para o proxecto de Euseino? Social: un lugar para as persoas que escriben e len. Para a literatura e a cultura concibidas desde a independencia e cunha vontade non lucrativa.


crítica de NINGUÉN QUEDA, de Brais Lamela, na nova colección Rúa do Lagarto, de Euseino?, por Xosé Manuel Eyré, en Ferradura en Tránsito II, 28 de xullo de 2022.

“… a literatura se non é multiformal…entón si que temos que preocuparnos… é positiva a reflexión a que se nos convida. Sería unha parvada establecer ou requirir cotas de ficción na narrativa, a narrativa non só é ficción.”


Brais Lamela: «Vivir nun lugar propio pode ser un acto de vangarda, por Carme D. Prol, Fugas, La Voz de Galicia, 29 de agosto de 2022.

“A última sorpresa da literatura galega é unha historia entre dúas realidades, a obra dun autor novel que xoga co ensaio e a ficción.”


Crónicas do desarraigo, por David Rodríguez, Nós Diario, 19-VIII-2022.


“Os 15 grandes sucesos literarios do verán en Galicia”, por Ana Abelenda, Fugas, La Voz de Galicia, 12-VIII-2022.


Brais Lamela, autor de ‘Ninguén queda’: “O que queda non é politicamente neutro, pódese activar”, Diario Cultural, Radio Galega, 8 de agosto de 2022.


Colonos que se desorientan na noite, por Jaureguizar, Galiciaé, grupo El Progreso, 9-VIII-2022.


‘Ninguén queda’, a primeira novela de Brais Lamela, por Dolores Vilavedra, Diario Cultural, Radio Galega, 20 de setembro de 2022.

“Unha narración orixinal e mestiza, tecida cos vimbios da memoria, da (auto)ficción e do ensaio, na que resoan as voces asulagadas polas enxurradas da Historia.”


A poesía como “Principio Esperanza”

Consideracións arredor do poemario “Intimidación”

“Esperanza”, por George Frederic Watts

A cita coa que o Colectivo Maiakovski inicia o poemario Intimidación, cita da que tamén colle o título, procede do poema “O xeito de Freud”, de Carlos Lema. Di o seguinte:

“Intimida non dar previsto o que vai acontecer.”

Falamos co poeta, quen nos comenta empregou recursos propios da poesía modernista, fundamentalmente vencellados ás obras de Allen Ginsberg, John Ashbery e T. S. Eliot, para facer unha crítica da psicanálise como tipo de representación na que se consagra o suxeito en calidade de principio de razón e único dador de senso ao mundo.

Segundo nos conta o propio autor, comezou a escribir o poema despois de asistir a un concerto do Art Ensemble of Chicago, cuxa música percusiva e amelódica se aproximaba moito á dos rituais iniciáticos das culturas que quedaron á marxe da influencia do pensamento grego que fusionou o dionisiaco co apolíneo. Un tipo de música que se podería asociar co intento da psicanálise de dotar de senso experiecias subxectivas ata daquela pouco ou nada asimiladas pola representación racional.

O contexto da cita do “Xeito de Freud”, un poema extenso de 274 versos, está localizado nas súas últimas estrofas e é este:

"[...] ¿Que resposta implica o argumento
que a constitúe? A resposta que un se dá
a si mesmo. Unha acusación verdadeira, 
un roubo da personalidade, un inquérito
para coñecerse e unha posibilidade de negarse
a segunda opción. O efecto é idéntico
a non saber que dicir.

Intimida non dar previsto o que vai acontecer.

Freud está tan preto do lector, de vostede,
coma dun convidado inútil que non se sabe defender.
Organiza o coñecemento, se cadra
despois dunha ou dúas páxinas de texto, avíase
para celebra-las figuras da linguaxe, literariamente,
as imaxes-lingua, algo tan familiar
e antigo, se cadra mesmo sinxelo. Unha morea
de curiosidade aínda non redescrita."

Cómpre clarexar que Carlos Lema non forma parte do Colectivo Maiakovski nin estaba ao tanto de que un verso escrito por el ía encabezar o poemario. Agradece moito, segundo nos prega fagamos constar, que se prestase atención á súa obra e que esta cita servise para dar pé a un proxecto literariamente tan ambicioso.

Manifesto

A continuación da cita inicial de Lema, Intimidación ábrese cun “Manifesto” no que o Colectivo Maiakovski expón que

“non haberá ningunha esperanza se non houbese incerteza e un certo temor a que non se cumpra o esperado. Unha certa expectativa que non se derive nin da experiencia nin do coñecemento.”

Neste breve manifesto, o colectivo de poetas matiza e diferenza entre optimismo, ou pensamento positivo, e esperanza, esta última non tendente a autosatisfacción e que pode recompensar tamén a quen non a ten, contra o que é propio do optimismo, de pulsión egoísta mesmo en caso de colectivos amplos coma as nacións. Polo tanto, o Colectivo Maiakovski renega do “optimismo”, mais afúndese no inesperado.

A poesía defínese así como o territorio do inesperado, a utopía, único lugar onde abrolla a esperanza. Estamos, daquela, perante a identificación da poesía como o Principio Esperanza do que escribiu o filósofo Ernst Bloch nos tres volumes da súa obra máis coñecida.

Spes transcendente

A tríade de Spes, FidesFortuna formaba a personificación divina do culto imperial das Virtudes na antiga Roma. A primeira é a Esperanza. Coma Salus (“Salvación, Seguridade”), Ops (“Abundancia, Prosperidade”) e Victoria, Spes era unha potencia que procedía dos deuses, contrariamente aos poderes divinos que residían no individuo, tales coma Mens (“Intelixencia”), Virtus (“Virtude”) et Fides (“Fe, Fidelidade, Fiabilidade”).

O poder da Esperanza é, polo tanto, un poder que emana dos deuses, non dos seres humanos; é importante salientalo aquí porque a proposta poética de Intimidación herda esa procedencia transcendente precisamente ao situar o Principio Esperanza na utopía, nun lugar non mundano, que transcende logo.

Como despois imos ver, Bloch intenta desvencellar a súa concepción transcendente da Esperanza da idea kantiana do transcendental; faino co obxectivo de evitar todo a priori e situar a Spes no territorio do novo. Do mesmo xeito que a poesía moderna se intenta situar fóra da linguaxe, no territorio da Voz, para pretender que un poema é o poema, isto é, algo alleo a un xénero, a un tipo de literatura determinada con antelación por unha categoría (etimoloxicamente, o que se di sobre algo).

A poesía moderna, coma o Principio Esperanza de Bloch, quere ser transcendente mais non transcendental.

O homólogo grego de Spes era a deusa Elpis, que non posuía culto formal ningún na Grecia arcaica. O principal mito no que Elpis ten un papel é a historia de Pandora, á que curiosamente Marx deu considerable importancia. Pola contra, os gregos tiñan sentimentos ambivalentes, mesmo negativos, respecto da “esperanza” e esta idea carece de importancia nos seus sitemas filosóficos, se cadra debido á concepción temporal grega, de tipo circular —se se lle pode chamar así ao aión, máis asimilable, segundo Martínez Marzoa, a unha noción próxima ao “sempre”—, fronte á concepción romana, e logo cristiá, nidiamente liñal e progresiva.

O “Principio Esperanza”

Segundo Bloch, polo tanto, a función utópica é “a única función que pode ser transcendente sen ser transcendental”.

“A luz máis favorable a esa progresión emana da consciencia de Fronte; a función utópica en tanto que actividade abranguida polo afecto de espera, da intuición propia da esperanza, está aliada con todo o que hai de auroral no mundo. […] a súa razón [a da función utópica], sempre válida, é a dun optimismo militante. En conclusión: o contido da esperanza en tanto que acto […] é a función utópica positiva.” (179, vol. 1)

No marxismo, coma na economía cristiá, na que o valor dos feitos está en función de como inflúen na Salvación, todo ten un valor en función desa finalidade. Neste caso, a función do Principio Esperanza é unha función utópica positiva, no senso en que a esperanza dirixe o movemento cara a un lugar inexistente, cara ao utópico ou, en termos poéticos (de poiese, creación), cara ao novo.

Segundo Bloch, despois de Marx, o porvir xa non pode estar pechado á intervención do Novum, que xa non pode aparecer como un material estraño.

Que nos íntimida?

Na presentación de cuarta de cuberta de Intimidación, xorde esa mesma obsesión por unha salvación sempre adiada:

“Que ameaza o futuro, cada intre do futuro? A intimidación converteuse no espírito do século. Sabémolo! Para defendérmonos non temos respostas. Tan só poesía.”

Velaí a poesía como Principio Esperanza, como non saber (sen formas a priori), como único sitio onde a esperanza pode ser parteira dese Novum salvador. A función soteriolóxica da poesía moderna, xa presente en Un Coup de dés. O Libro, o Poema como relixión.

Mais, para que o Poema se sitúe nese lugar medular, antes cómpre evacuar del a quen o ocupa: o poeta moderno. Por iso tamén na cuarta de cuberta está escrito: “Maiakovski oponse ao poeta como epítome do individual. Non hai egos que reclamen a súa escrita, senón un fluír de voces que desemboca noutras voces, formando un magma creativo que abrolla reciprocamente.” [Itálicas engadidas.]

A reciprocidade refírese á lectura como acto cocreador, ese aspecto performativo no que Carlos Lema ve o contrario da poesía como tal, como literalidade. “O xeito de Freud”, o poema, non o resto do libro, é unha crítica á idea de Voz, ou da Voz como maneira de acceder ao senso. A Voz é sempre unha: do Suxeito, do Colectivo, do Poema ou do Pobo.

Falso movemento na literatura

Toda a literatura moderna está concibida arredor do suxeito e da cuestión da súa autorrepresentación verosímil. Velaí os eixos que artellan os xéneros literarios centrados na realidade concibida cartesianamente como unha excrecencia do suxeito. A obra é de quen a escribe, que é quen a asina.

Nese punto, o ethos do Colectivo Maiakoski vencella o novo á evacuación da autoría. Como se postula no libro A monstruosidade moderna, na tardomodernidade Cidadanía e Arte son a mesma cousa: na Idade Moderna, a arte é para todos. Inda máis, a legalidade artística goberna a representación nova do suxeito que se produce e se consome a si mesmo, fenómeno ao que Lema denomina a consunción.

Quen escribe literatura —e a poesía é literatura, son letras que representan sons con significado— necesita actualizar constantemente a forma do xénero que cultiva debido á concepción temporal que rexe a sociedade moderna, na que a novidade —o Novum— é central porque implica a noción de progreso; esa mesma viaxe a Citerea, ou ese soño in spe do que escribe Bloch no segundo volume da súa obra. De aí xorde a continua busca de paradigmas novos, a necesidade de presentar algo que non cambia coma se estivese nun cambio constante.

Obra sen esperanza

Unha obra artística, calquera obra, como obxecto e en tanto que existe no campo de senso da arte, carece de identidade e de intencionalidade. É a súa situación no campo de senso da arte o que a determina, non unha vontade nin unha decisión. Por iso as obras de arte carecen de moral e de responsabilidade; as cuestións morais e a resposabilidade soamente atinguen a quen escribe e a quen le. Á obra non.

Diante deste poemario, preguntámonos se é máis auténtica unha autoría colectiva ca unha autoría individual. En todo caso, preguntámonos se é posible manter o Principio Esperanza se se prescinde da intencionalidade e da identidade, colectiva ou non. A esperanza, por outra banda, é unha idea que só afecta ao suxeito; as cousas carecen da necesidade de ter esperanza aínda que se individúen. Un poemario xorde dun proceso de individuación respecto dunha Obra mais non ten a esperanza de que alguén o lea ou de que o identifique como tal.

Esperanza e fondura: o maternal e a Heimat

No seu libro, Bloch fai unha análise moi intelixente da noción de perspectiva na arte e do seu correlato, a fondura. Na arte medieval, a fondura viña dada pola súa función de representar a Deus; na arte posterior, a fondura é un efecto causado pola perspectiva. É dicir, no medievo a arte facía presente a imaxe de Deus mentres que no Renacemento é a perspectiva a que introduce na pintura o suxeito que contempla. A fondura é a capacidade que ten o suxeito para ver, non a aparición do non visible.

De aí que a posición de Bloch sexa nidiamente correlacionista, para el o mundo é resultado da acción da mente humana. A correlación mundo-pensamento é a que determina toda existencia, por iso defende a progresión dialéctica da historia como algo inherente a esa correlación. A historia guía o porvir cara á salvación que a esperanza amosa; sempre co suxeito como centro consciente ou inconsciente pois é a función utópica do Principio Esperanza a que actualiza na historia ese porvir incluso cando está en estado latente.

“A douta Spes, a esperanza esclarecida revela así o concepto dun principio no mundo, concepto que endexamais o vai abandonar.” (14, vol. 1)

A esperanza, como para o Colectivo Maiakovski a poesía, conduce segundo Bloch o Novum (a poiese) pola “estrada estratéxica” cara á “única cousa necesaria e sen cesar esperada”.

Fondura. Esperanza. Economía. Salvación.

Por iso para Bloch o “tema fundamental” da filosofía é o Fogar (die Heimat) aínda non acadado, “o lugar da identidade consigo mesmo e coas cousas”. A centralidade do suxeito está ben clara e a conseguinte perspectiva utópica xustifícase mediante a “dialéctica-materialista” do Novo e do Antigo.

A critica poética feita no “Xeito de Freud” por Carlos Lema é precisamente a desa concepción na que incluso a aquilo que está reprimido nas sombras do subconsciente sempre lle espera a acción utópica do novo, da creación. A relación determinista entre Novum, esperanza e psicanálise sitúa a razón do mundo sempre fóra del, nunha utópica e necesaria salvación. Cómpre salvarse do mundo ou, o que vén ser o mesmo, buscar o senso nunha transcendencia. Esta posición antimaterialista, a da poesía como utopía, é o que Lema denominaría posteriormente a monstruosidade moderna.

“Unha raiola de esperanza”, por Charles Gilhousen

De por parte, a representación moderna da Esperanza ten dúas versións plásticas que reproducimos neste artigo. A de George Frederic Watts, na que unha figura de muller, sentada no orbe, ten os ollos vendados e colle unha lira coas cordas rotas. Neste cadro, o pintor inglés relaciona directamente a poesía coa esperanza, malia que se trata dunha poesía esgazada, é dicir, nin máis nin menos ca a poesía moderna condenada pola eiva da linguaxe, neste caso unha lira rota.

A segunda versión é a do fotógafo Charles Gilhousen titulada “Unha raiola de esperanza”, na que tamén unha figura de muller, desta volta espida e coa ollada dirixida cara a unha luz que procede do exterior, semella ir acoller a esperanza no colo, coma quen colle unha crianza. O vencello da esperanza coa maternidade e, polo tanto coa creación, coa poiese, tamén queda establecido nesta imaxe na que o maternal se une ao transcendente. A arte moderna, como xa apuntamos, é parteira dun suxeito que se produce e se consome. Que se reproduce ao se representar.

Bibliografía

Bloch, Ernst, Le Principe Espérance, tomos I, II e III, traducido do alemán por Françoise Wuilmart, París: Éditions Gallimard, 1976.

Colectivo Maiakovski, Intimidación, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2021.

Lema, Carlos, O xeito de Freud, Culleredo, A Coruña: Espiral Maior, 2008.