“O tempo e a forma no antropoceno”, por Óscar Pazos

Transformación da materia e manifestación aparencial

O xeólogo e ensaísta Óscar Pazos volve facer neste artigo, coma antes en Tempo inerte, unha reflexión fundamental na que a ollada científica pon de manifesto a súa relación co senso metafísico. Substancia e aparencia non son necesariamente contrarios, os minerais revelan a correspondencia perfecta entre estas dúas categorías aparentemente opostas. A aparencia material reproduce o íntimo artellamento molecular dos minerais. Nesa absoluta correspondencia do hábito externo coa súa natureza íntima, atopamos un xeito de honestidade, de pureza: as calidades formais son ao tempo estruturais, non hai engano. O tempo xeomorfolóxico non se trata dunha superación do pasado senón dunha reelaboración de pasados infinitamente condensados na pura forma do relevo.

“Despois da choiva de primavera”, por László Mednyánszky (1852 – 1919)

Substancia e aspecto

Na xeoloxía as calidades aparentes son substanciais, a forma é constitutiva e o mesmo aspecto definitorio. Ás veces o barallete técnico semella ter a única función de acochar a propia trivialidade e dar carácter esotérico ao evidente. Así, a división fundamental das rochas ígneas entre leucocráticas e melanocráticas non sinala outra cousa que a súa coloración pálida ou escura. Dado que a cor branca ven en xeral determinada pola cantidade de sílice —ou seixo— na composición, que depende da orixe continental ou mantélica dos magmas e, á súa vez, confire propiedades substanciais, coma a alta temperatura de solidificación e viscosidade, a simple tonalidade das rochas ígneas revela unha extraordinaria información sobre a súa xénese e natureza. As cores brancas e luminosas dos granitos galegos infórmannos da súa orixe continental e da súa sobresaturación en sílice, evidente por outra banda nas moreas de seixais en boa parte da nosa terra, mentres que as características cores negras da Macaronesia atlántica, Os Azores, Madeira ou As Canarias, responden á orixe mantélica destes arquipélagos no medio do océano.

            En certo sentido, a calidade do “mineral” residiría na perfecta correspondencia entre aspecto e substancia. Moita da marabilla acotío sentida á vista dos espectaculares poliedros minerais dos museos e coleccións atopámola nesa perfección coa que a aparencia visual reproduce o seu íntimo artellamento molecular. Nesa absoluta correspondencia do hábito externo coa súa natureza íntima, atopamos un xeito de honestidade, de pureza: as calidades formais ao ollo son ao tempo estruturais, non hai engano.

            Tamén os mosaicos dos distintos minerais e o seu artellamento no espazo dan calidades substanciais á rocha no conxunto, do que especificamente se ocupa a petrografía. Textura e fábrica son termos petrográficos para nos referir a esas tramas que conforman a estrutura das rochas conferíndolles as súas particulares propiedades e fisionomía por riba da composición mineral. De feito, a porosidade ou fisuración —é dicir, os baleiros de calquera rocha— determinan boa parte dos seus comportamentos e calidades, de xeito que a medida e descrición das porosidades importa na práctica tanto ou máis que a composición mineral da rocha. Mais hai unha especialidade xeolóxica (disque a menos aplicada de todas) que fai da pura forma o seu campo de estudo: a xeomorfoloxía, e o que a xeomorfoloxía procura no estudo das formas da paisaxe é nin mais nin menos que a historia da Terra, as pegadas e revolucións do tempo no planeta.

Sucesión de sucesos: o actual e o inactual

            A diferenza da aproximación estratigráfica que reconstrúe a historia do planeta atravesando a secuencia de sedimentos e deste modo representa o tempo segundo a —aínda— común representación lineal, coma unha sucesión de sucesos, a mirada xeomorfolóxica enfróntase a un pasado enteiramente condensado na superficie da Terra, todo á vista no presente. Todo o novo e o vello é tan actual coma real na paisaxe. Se cada novo sedimento descansa sobre o vello, agochándoo, na paisaxe o presente aparece moldeado nas formas do pasado, outorgándolle á totalidade unha particular continuidade e significado que é o sentido do presente. O presente, de feito, aparece coma unha representación particular do pasado, inseparable del. Se o tempo estratigráfico amosa unha memoria episódica, de feitos estancos, desartellados, o tempo xeomorfolóxico amósanos unha memoria completa, desorganizada mais integrada e significativa, e moito máis real, realista ou sensitiva. Ao afondarmos no pormenor da paisaxe, en calquera punto, os eidos temporais de cada rocha ou solo concrétanse mais, de feito, acotío perdemos de vista o presente mesmo nesta operación analítica. O que conforma o presente e lle outorga sentido é precisamente aquela particular e significativa configuración do pasado no seu conxunto.

            A falta de substancia, por ser materia aínda en transformación —a sedimentar—, ou en destrución —en erosión—, é característica dos procesos xeomorfolóxicos. O baleiro de materia configura a superficialidade do relevo e dá unidade á paisaxe, impresa sobre materiais e procesos xeolóxicos diacrónicos e dispares. O baleiro funciona como unha discontinuidade que dá aparencia de unidade ao relevo, poñendo á vista materiais e suscesos moi distintos e independentes  nunha mesma superficie. O presente (que sería a paisaxe agora mesmo) é unha aparencia de continuidade sobre o que, materialmente, son cousas diversas (rochas, fallas, formacións, minerais). 

Se cadra a mellor definición desta condición xeomorfolóxica do presente a atopamos no nome que a Física astronómica dá ao límite no que luz e tempo son definitivamente atrapados polo sorbedoiro gravitacional dun burato negro e o condensan cara a el: o horizonte de sucesos. A paisaxe presente amósase como un horizonte de sucesos xeolóxicos, algúns en marcha, outros de feito rematados hai moito tempo mais que abrollan no presente coma palimpsestos. Mesmo formando un revoltallo un tanto caótico, a paisaxe do presente dá continuidade a estes pasados relevando uns procesos e suavizando outros, tendo unha función todos eles no momento actual.

Axente xeolóxico externo

            Arestora o presente da humanidade ven definido polo antropoceno, tempo dunhas  comunidades humanas convertidas de lonxe no principal axente xeolóxico externo e que afondan aceleradamente as súas intervencións na codia terrestre, de xeito que a acción humana configura hoxe o presente do propio planeta. No antropoceno, os procesos humanos son tamén xeolóxicos e, abofé, os procesos xeolóxicos viran humanos; as diferenzas esboróanse. Se a proliferación de sufixos temporais como neocolonialismo, tardocapitalismo, posfordismo, neoliberalismo, posmodernismo ou mesmo retrofuturismo nos informa da actual urxencia por redefinir os procesos humanos en función das condicións deste presente planetario globalizado, a amplitude da urxencia sinala tamén a necesidade de renovación epocal: o propio tempo precisa ser anovado. Nesta esixencia, atopo a temporalidade xeomorfolóxica moito máis adaptada a este novo presente do antropoceno que a vella temporalidade estratigráfica, secuencial, de progreso lineal, modernizador.

            O tempo segue seu devir, secasí o porvir non é a novidade senón reformulación do vello, do xa visto. No tempo xeomorfolóxico non hai progreso, os procesos son cíclicos: o planeta está a anovarse e ao tempo a avellentar. A espallada sensación de fin-da-historia resultaría desta mudanza de orde cósmica dende o tempo lineal, evolutivo, ao presente condensado, continuo, amplo, de reformulación do vello. Abofé, na nosa altura vivimos o paso dun tempo ao outro cun desacougo existencial por esa falta xeral de futuro mais cada orde temporal ven acompañada dos xuízos de valor que lle son propios e, se a teleoloxía do progreso atopou na liña da evolución unha potencia emancipadora, o tempo xeomorfolóxico dota o presente de fortes raíces. Renunciando a puxar da historia asistimos a un rexurdir da xeografía. Abofé, non é o caso de voltar aos determinismos xeográficos de hai un ou dous séculos —aínda que discursos coma os do norteamericano Robert Kaplan en The Revenge of Geography (“A vinganza da xeografía”) sexan sintomáticos— senón de ser conscientes da relevancia desas memorias formais na fábrica social, memorias que de xeito ocasional ou recorrente aparecen rexurdir coma palimpsestos sinalando a sombra das vellas institucións sociais e políticas, manifestándose nas novas. A resistencia e consistencia deses sutís gradientes xeográficos das estatísticas educativas, sociais, económicas ou mesmo electorais actuais que reproducen fronteiras de imperios desaparecidos hai séculos, ou da práctica da escravitude, ou do réxime da propiedade, amosan as vellas memorias políticas, económicas e institucionais actuando a través das novas. 

             Na mirada xeomorfolóxica, a paisaxe xa non aparece coma unha superación do pasado senón como unha reelaboración de pasados infinitamente condensados na pura forma do relevo. Fronte á orde estratigráfica de cada tempo novo construído con independencia dos pasados que sepulta, a paisaxe incorpora o novo e o vello no límite das formas. Mais a forma acumula dun xeito moi distinto do que a materia; e disque esta visión achega unha nova transcendencia. O pasado xa non vén dado por materialidades mortas, litificadas, senón que aparece nas formas incorporadas, reproducidas; tratamos hoxe con memorias topolóxicas, inmateriais.

            E velaquí a última cuestión a apuntar sobre este novo tempo condensado do antropoceno: a relación entre a forma e os límites. Porque os límites son as formas da materia no seu colapso. E efectivamente, o antropoceno é un mundo chegado aos seus límites materiais e no que o devir das formas se volve substancial.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s