Entrevista con Inma Otero

En Praza pública, a xornalista Montse Dopico entrevista a Inma Otero con motivo da publicación do seu ensaio “A ficcionalización do eu” no número 6 de Anotacións sobre literatura e filosofía. Salientamos aquí un paso desta conversa sobre ficción, suxeito e xénero que se pode ler completa na ligazón: Entrevista con Inma Otero.

Ultimamente apréciase unha volta ás novelas de protagonistas. Non interesa tanto experimentar co discurso, coa estrutura da novela ou coa tipoloxía de narradores, como centrarse na construción dun personaxe conflitivo, probablemente porque cada vez estamos máis obrigados a construírnos como individuos nun mundo onde se multiplican as opcións de “ser” e “estar”. Ao mesmo tempo, asistimos nos medios de comunicación e nas redes sociais á exposición da vida privada e dos sentimentos, probablemente porque se considera que son as emocións as que nos fan seres máis humanos e únicos, á vez que nos axudarían a empatizar cos outros. A literatura non faría máis que recoller o que se produce fóra dela.

Precursoras da ilustración

A finais de do século XIX era costume, entre os artistas de Filadelfia, visitar os estudios dos pintores. Na cidade, existían clubes de arte para os homes mais as mulleres non tiñan un lugar para intercambiar ideas e expor os seus traballos.

En marzo de 1897, Emily Sartain, daquela directora da Escola de Deseño para Mulleres, organizou a primeira reunión do chamado Club Plastic. O termo plastic, suxerido pola artista Blanche Dillaye, referíase ao estado de calquera obra de arte inacabada. O clube foi creado para promover un coñecemento máis amplo da arte e para facer progresar o interese polas artistas a través de exposicións e relacións sociais.

No seu primeiro ano de existencia, o clube organizou seis exposicións, que representaban distintas facetas da arte. O Club Plastic, ademais das clases de arte e as exposicións, realizou poxas de, entre outros, impresionistas norteamericanos coma Colin Campbell Cooper e Daniel Garber, o pintor realista William James Glackens e o fotógrafo e pintor C. Yarnall Abbott; tamén se deron conferencias, das que destaca a impartida polo artista checo Alphonse Mucha, un dos máximos representantes do Art Nouveau.

Entre as artistas máis sobranceiras que formaron parte deste clube inclúense Elenore Plaisted Abbott, Paula Himmelsbach Balano, coñecida polas súas vidreiras, a retratista Cecilia Beaux, a pintora impresionista Fern Coppedge, as ilustradoras Elizabeth Shippen Green, Charlotte Harding e Frances Tipton Hunter, Violet Oakley, primeira pintora norteamericana en recibir un encargo para realizar un mural público, as irmás Emily e Harriet Sartain, Jessie Willcox Smith e a gravadora Alice Barber Stephens.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Ilustracións de Elenore Plaisted Abbott

 

Deste grupo de artistas e ilustradoras, ímonos centrar aquí en Elenore Plaisted Abbott (1875 – 1935), nada en Lincoln (Maine, EUA), que iniciou a súa formación na Escola de Deseño para Mulleres de Filadelfia, dirixida de 1866 a 1920 por Emily Sartain, a primeira muller en gañar unha medalla de ouro na Feira Mundial de Filadelfia (1876). Elenore Plaisted Abbott estaba casada con C. Yarnall Abbott, de quen colleu o apelido.

Membro do Club Plastic, completou a súa formación na Academia para as Artes de Pensilvania e na Academia de Belas Artes de París. Segundo recoñeceu ela mesma, a súa obra viuse influenciada polo ilustrador Howard Pyle, un dos seus mestres no Instituto Drexel de Arte, Ciencia e Industria. Era considerada unha das chamadas “New Woman”, segundo o termo popularizado polo escritor Henry James para referirse ás protagonistas das súas novelas Daisy Miller e The Portrait of a Lady; en contraposición ás mulleres da era victoriana, as denominadas “New Woman” participaban activamente na sociedade e foron o símbolo do modelo de independencia, profesionalización das mulleres e intervención na vida pública. Pintoras e ilustradoras como Elenore Abbott desenvolveron un papel crucial na representación artística das “New Woman” como exemplo deste novo tipo emerxente de mulleres.

A comezos do século XX, máis da metade dos subscritores das revistas eran mulleres. Coñecedores disto, os editores comezaron a contratar ilustradoras que reflectisen o mundo cunha perspectiva nova. Dese xeito, moitas mulleres artistas comezaron a traballar para revistas de renome. Elenore Plaisted Abbott traballou para Harper, Saturday Evening PostScribner’s. Realizou tamén ilustracións para a novela Kidnapped (“Secuestrado”), de Robert Louis Stevenson, para os contos dos irmáns Grimm, o Robinson Crusoe de Daniel Defoe e os Tanglewood Tales de Nathaniel Hawthorne. Tamén deseñou a escenografía da obra The Emperor Jones, do dramaturgo e Premio Nobel Eugene O´Neill.

A ficcionalización do eu muller

O pasado día 21 de outubro, o crítico literario Armando Requeixo publicaba no seu blogue unha recensión do ensaio “A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura“, de Inma Otero Varela, que saíra en setembro no número 6 de Anotacións sobre literatura e filosofía.

Neste devandito artigo de Criticalia, Requeixo incidía en que “Otero Varela reflexiona con lúcida fondura sobre as trampas do que o sistema androcéntrico alcumou como ‘literatura feminina’ ou ‘literatura de muller’ para, indo máis alá, responder cuestións claves como o que se (pre)supón escrita de muller ou mesmo o que é ser muller a través da proxección dos clixés que na escrita se levan desenvolvido e que cómpre superar”.

Finalmente, sen eludir a polémica, Armando Requeixo remataba coa consideración seguinte:

Con independencia da centralidade única que Otero Varela concede á muller facéndoa protagonista primeira dunha actualidade que se reinventa constantemente nesa ficcionalización do eu mutable (aquí os teóricos doutros discursos xenéricos queer e negacionistas terían moito que discutir), non cabe dúbida de que este ensaio é unha contribución máis que suxestiva, que se abre ao diálogo construtivo e á revisitación de lugares comúns para superalos.

Atractiva aposta a destes cadernos de Euseino?, que chegan á media ducia de títulos con este “A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura” que, espero, dea moito que pensar.

Propoñemos a lectura do artigo completo, publicado na ligazón: “A ficcionalización do eu muller“.