En Praza pública, a xornalista Montse Dopico entrevista a Inma Otero con motivo da publicación do seu ensaio “A ficcionalización do eu” no número 6 de Anotacións sobre literatura e filosofía. Salientamos aquí un paso desta conversa sobre ficción, suxeito e xénero que se pode ler completa na ligazón: Entrevista con Inma Otero.
Ultimamente apréciase unha volta ás novelas de protagonistas. Non interesa tanto experimentar co discurso, coa estrutura da novela ou coa tipoloxía de narradores, como centrarse na construción dun personaxe conflitivo, probablemente porque cada vez estamos máis obrigados a construírnos como individuos nun mundo onde se multiplican as opcións de “ser” e “estar”. Ao mesmo tempo, asistimos nos medios de comunicación e nas redes sociais á exposición da vida privada e dos sentimentos, probablemente porque se considera que son as emocións as que nos fan seres máis humanos e únicos, á vez que nos axudarían a empatizar cos outros. A literatura non faría máis que recoller o que se produce fóra dela.