Publícase “Quizais”, de Delmiro Rocha

Xa está nas librerías Quizais. Filosofía ético-política do porvir, do filósofo galego Delmiro Rocha. Este título novo da colección Casabranca, dedicada á filosofía, pescuda na consecuencia política da aplicación do que Jacques Derrida chamou “a lóxica do quizais”: a deconstrución da democracia. É no interior inestable deste concepto que camiña desde Grecia onde o quizais atopa o seu lugar de actuación.

A amizade, a xustiza, a diferenza entre futuro e porvir, este último traspasado polo acontecemento e o primeiro fixado polo tempo, ademais dunha estimulante reflexión filosófica sobre a decisión como momento indeterminado e aberto, son algúns dos temas do libro. Pensar o quizais é pensar o porvir, para falar del e, no seu ton máis político, para dirixirnos cara a el.

Consiga o seu exemplar:

Na internet

Nas librerías

Quizais-imaxe anuncio

A escola de Glasgow (Caleidoscopio dos contos, 17)

A finais do século XIX Glasgow, Escocia, gozou de auxe económico debido principalmente á industria téxtil. Para mellorar a manufactura e a calidade dos deseños fundouse a Escola de Arte de Glasgow, que contribuíu ao nacemento do Art Nouveau. Dentro da escola destacou un grupo denominado “The Four”. Integraban este movemento, o arquitecto Rennie Mackintosh, a pintora e deseñadora Margaret Macdonald e a súa irmá Frances e o artista, deseñador e pintor Herbert MacNair. Todos eles conformaron un estilo cunha mestura de influencias da arte e simbolismo celta, do movemento Arts&Crafts, dos pintores realistas franceses e do xaponesismo chegado a europa grazas á exposición universal celebrada en Londres en 1862. Pero a grande achega da Escola de Glasgow foi a incorporación das mulleres ás aulas, primeiro como alumnas e despois como docentes. Nesta escola formáronse algunhas das ilustradoras máis sobranceiras do século XIX das que non é doado atopar datos biográficos.

ALBUM VON BERLIN 1899

Jessie Marion King (1875-1949)

Nada en Bearsden, preto de Glasgow, ingresa na Escola de Glasgow en 1892 coa intención de converterse en profesora de arte.

Como estudante recibiu varios premios, incluíndo a medalla de prata do Concurso Nacional South Kensington en 1898. As súas ilustracións apareceron en libros publicados pola editorial Globus de Berlín entre 1899 e 1902.  Foi membro da Sociedade de Artistas de Glasgow. En 1910 trasládase a París, onde o seu home, E. A. Taylor, conseguira a cátedra de estudos Ernest Percyval Tudor-Hart. En 1911, tamén en París, ambos os dous fundaron a Shearing Atelier School.

Entre os seus traballos máis destacados como ilustradora cómpre citar Os contos de Fadas de Oscar Wilde, The defence of Guenevere, and other poems, de William Morris, escrito en 1858.

Emma Florence Harrison (1877-1955)

Practicamente o único que se sabe desta ilustradora é que, grazas á excepcional calidade do seu traballo, Emma Florence Harrison recibiu importantes encargas da editorial  escocesa, con sede en Glasgow, Blackie&Sons, para ilustrar algúns dos seus libros en edicións especiais. Os debuxos, inspirados na paisaxe inglesa e nas vestimentas medievais, seguen as técnicas prerrafaelitas, aínda que tamén se deixa albiscar a influencia do modernismo na súa obra, principalmente nos traballos realizados con tinta. Nalgunhas das ilustracións obsérvanse certos paralelismos coa obra do pintor prerrafaelita Edward Robert Hugher (1849-1914), sobriño do tamén prerrafaelita Arthur Hughes.

Entre os traballos máis destacadas están Idylls of the King (1911), do poeta Alfred Tennyson, que volve contar a lenda do Rei Artur, Early Poems (1914), de William Morris, Elfing Song (1912), In the Fairy Ring (1908) e The Rhime of A Run.

Traballou para outras editoriais e xornais ata o estoupido da Segunda Guerra Mundial, onde se perde o rastro dos seus traballos. Non hai moito, cando algúns dos valiosísimos arquivos de Blackie&Sons foron recuperados e vendidos en poxa, moitos orixinais de Florence Harrison saíron de novo á luz.

Early poems of William Morris

blue star light fairy child

Giorgio Agamben: “Elementos para unha teoría da potencia destituínte”

No nº 4 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537) publicamos un ensaio de Giorgio Agamben baseado nunha conferencia pronunciada en Francia no verán de 2013. Respondendo directamente aos daquela recentes movementos insurreccionais —desde O Cairo e Istambul ata Londres e Nova York—, en “Elementos para unha teoría da potencia destituínte” o autor de Homo sacer desenvolve e clarifica a súa concepción da política e, en particular, a noción de potencia destituínte. En contraste cos intentos de defender un poder constituínte independente da súa relación co poder constituído, posición que para Agamben reproduce a estrutura gobernamental da excepción á vez que representa o cumio da metafísica, a potencia destituínte perfila un pensamento que desactiva o paradigma instituído da exclusión inclusiva, o arkhé fundacional do pensamento occidental moderno.

Ao cabo, Agamben xa non se conforma con apuntar cara a un Ingobernable utópico senón que elabora unha nova teoría do suxeito e, consecuentemente, unha nova teoría da acción: a dunha inoperatividade que non é inercia senón abertura ao posible, a dun ser humano vivente liberado de todo destino biolóxico ou social e de todo obxectivo predeterminado, un ser humano dispoñible para a particular ausencia de obra que estamos habituados a chamar «política» e «arte».

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Giorgio Agamben en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:
Elementos para unha teoría da potencia destituínte

Cuberta-Elementos para unha teoría…