No nº 4 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537) publicamos un ensaio de Giorgio Agamben baseado nunha conferencia pronunciada en Francia no verán de 2013. Respondendo directamente aos daquela recentes movementos insurreccionais —desde O Cairo e Istambul ata Londres e Nova York—, en “Elementos para unha teoría da potencia destituínte” o autor de Homo sacer desenvolve e clarifica a súa concepción da política e, en particular, a noción de potencia destituínte. En contraste cos intentos de defender un poder constituínte independente da súa relación co poder constituído, posición que para Agamben reproduce a estrutura gobernamental da excepción á vez que representa o cumio da metafísica, a potencia destituínte perfila un pensamento que desactiva o paradigma instituído da exclusión inclusiva, o arkhé fundacional do pensamento occidental moderno.
Ao cabo, Agamben xa non se conforma con apuntar cara a un Ingobernable utópico senón que elabora unha nova teoría do suxeito e, consecuentemente, unha nova teoría da acción: a dunha inoperatividade que non é inercia senón abertura ao posible, a dun ser humano vivente liberado de todo destino biolóxico ou social e de todo obxectivo predeterminado, un ser humano dispoñible para a particular ausencia de obra que estamos habituados a chamar «política» e «arte».
Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.
Para descargar gratuitamente o ensaio de Giorgio Agamben en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:
“Elementos para unha teoría da potencia destituínte”