Rebeca Baceiredo escribe sobre “Verdade e acción”

En Praza Pública, recensión do libro de González Gándara

A filósofa Rebeca Baceiredo escribe en Praza Pública unha recensión sobre Verdade e acción, o libro de Fernando González Gándara que publicamos a final de ano na colección Casabranca de filosofía. O artigo, titulado “A verdade como problema”, ademais de estar escrito por unha das persoas cunha obra fundamental para o pensamento galego contemporáneo, ten maior relevancia aínda porque a súa autora tamén o é do libro A verdade errada e a representación errante, ao que se pode acceder en acceso aberto na ligazón anterior.

Coidamos que é esencial ese labor de reflexión no que pensadoras e pensadores fan explícitas as súas lecturas de obras coetáneas xa que sen el o debate cultural, e o filosófico como parte central del, pode ser un ermo exclusivamente dedicado ao monocultivo das necesidades promocionais do comercio do libro.


O artigo de Rebeca Baceiredo comeza cun comentario sobre as publicacións de Euseino? Editores, nas que ela participa desde os primeiros títulos: “Euseino? mantén a publicación de filosofía coma no sentido arendtiano se entendía a acción do diálogo, algo antagónico aos totalitarismos”. De seguido, a análise céntrase na cuestión da verdade e, consecuentemente, na do coñecemento da realidade como “unha estratexia adaptativa […] ligada á acción humana. Isto implica unha ruptura coa clásica distinción que separa a teoría (episteme) do coñecemento produtivo ou técnico (póiese)”.

Se tradicionalmente a filosofía escindiu o pensamento da acción, o pragmatismo de William James e de Charles Sanders Peirce ao que González Gándara nos introduce na súa obra, “abre un abano de conceptos que enriquecerán os tipos de verdade, pois entende que se debe poñer o foco nos resultados prácticos dos enunciados”. Así e todo, ao fío das reflexións sobre a verdade e a ciencia suscitadas no libro comentado, Baceiredo pregúntase sobre unha cuestión actual para apuntar que:

“James é tamén consciente dun posible exceso de intervención dos asuntos humanos, dos intereses particulares no coñecemento, o que o desprazou de xeito efémero —ou intuído— cara a un escepticismo. De feito, como establecer iso útil no ámbito da praxe e non só da tekné, para non acabar na tecnociencia do presente […]?

A autora da recensión aproveita as cuestións tratadas no ensaio de González Gándara para reflexionar sobre a proposta defendida en Verdade e acción, onde se “insiste na única posibilidade de aprehender o mundo de xeito inacabado e disxunto” e sobre “A bidireccionalidade entre o ontolóxico e o epistemolóxico [que] elimina as barreiras entre o lexítimo e o ilexítimo impostas polo dogmatismo”. O perigo do utilitarismo seica tamén asexa detrás deses postulados malia ter en conta o principio “a utilidade non é o criterio de verificación” e Baceiredo avisa do risco de que

“a partir de James, a concepción aberta e falible da ciencia, como desenvolverá Popper, ou o derrocamento do privilexio da ciencia occidental á hora de establecer unha única relación lexítima co mundo, que defende Kuhn, serven para reforzar a posverdade é que o problema é o trazo groso. Así, o relativismo só significa que cada suxeito, sen esforzo, máis que ser a medida de todas as cousas, ten a vara de medir, coa que impón as súas crenzas.”

A recensión, que aquí glosamos brevemente, remata cunha referencia á violencia como imposición da verdade, aínda que, engadimos aquí, esa verdade non sexa tal por se tratar dunha verdade espuria.

Unha radical transformación do xeito de entender a experiencia

Publícase “Verdade e acción”, de Fernando González Gándara

A colección Casabranca de filosofía chega ao número 14 cun ensaio de Fernando González Gándara titulado Verdade e acción. A certeza pragmática.

Se xa hai tempo que non cabe agardar que a ciencia produza verdades inapelables, capaces de fulminar por si mesmas as crenzas falsas e as opinións interesadas, se no seu lugar, e no mellor dos casos, se ofrecen consensos de expertos, baseados en hipóteses e teorías sometidas a unha revisión permanente, ¿aínda se pode afirmar que o coñecemento verdadeiro é o que se adecúa a unha realidade dada previamente?

Para o autor deste libro, a persistencia dese concepto de verdade como adecuación é o que impide comprender e valorar na súa xusta medida esoutras verdades en proceso indefinido de elaboración.

A través dunha orixinal interpretación da filosofía de William James, o autor deste libro defende un concepto pragmático de verdade segundo o cal esta se fundamenta nos seus efectos prácticos e na actividade na que se producen. Unha idea sinxela que implica unha radical transformación do xeito de entender a experiencia e a realidade.

Con gran capacidade de síntese e habelencia na exposición das ideas, González Gándara introduce a quen le este libro no pragmatismo de C. S. Peirce e, sobre todo, no empirismo radical de William James, para desenvolver unha argumentación que atingue a relación entre pensamento e realidade. Na súa concepción da verdade a escala humana, o filósofo galego non soamente achega as persoas lectoras a esa sobranceira corrente de pensamento senón que as guía e acompaña na exposición de antecedentes e na súa discusión, deitando luz sobre un dos debates máis transcendentais da literatura —lembremos o verso “A beleza é verdade, a verdade é beleza“, de John Keats— e da filosofía modernas.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:

Verdade e acción

Col. Casabranca 14
128 páxs.
PVP 18 euros