Unha radical transformación do xeito de entender a experiencia

Publícase “Verdade e acción”, de Fernando González Gándara

A colección Casabranca de filosofía chega ao número 14 cun ensaio de Fernando González Gándara titulado Verdade e acción. A certeza pragmática.

Se xa hai tempo que non cabe agardar que a ciencia produza verdades inapelables, capaces de fulminar por si mesmas as crenzas falsas e as opinións interesadas, se no seu lugar, e no mellor dos casos, se ofrecen consensos de expertos, baseados en hipóteses e teorías sometidas a unha revisión permanente, ¿aínda se pode afirmar que o coñecemento verdadeiro é o que se adecúa a unha realidade dada previamente?

Para o autor deste libro, a persistencia dese concepto de verdade como adecuación é o que impide comprender e valorar na súa xusta medida esoutras verdades en proceso indefinido de elaboración.

A través dunha orixinal interpretación da filosofía de William James, o autor deste libro defende un concepto pragmático de verdade segundo o cal esta se fundamenta nos seus efectos prácticos e na actividade na que se producen. Unha idea sinxela que implica unha radical transformación do xeito de entender a experiencia e a realidade.

Con gran capacidade de síntese e habelencia na exposición das ideas, González Gándara introduce a quen le este libro no pragmatismo de C. S. Peirce e, sobre todo, no empirismo radical de William James, para desenvolver unha argumentación que atingue a relación entre pensamento e realidade. Na súa concepción da verdade a escala humana, o filósofo galego non soamente achega as persoas lectoras a esa sobranceira corrente de pensamento senón que as guía e acompaña na exposición de antecedentes e na súa discusión, deitando luz sobre un dos debates máis transcendentais da literatura —lembremos o verso “A beleza é verdade, a verdade é beleza“, de John Keats— e da filosofía modernas.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:

Verdade e acción

Col. Casabranca 14
128 páxs.
PVP 18 euros


Un outro xeito de escribir filosofía

Publícase “Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas”, de Rebeca Baceiredo

A obra da filósofa e escritora Rebeca Baceiredo, ademais de ser unha das máis orixinais do pensamento galego dos últimos vinte anos, consegue iluminar a filosofía coa capacidade de concreción da literatura e que, ao tempo, a filosofía poña ao descuberto unha faceta da literatura que a despoxa de trucos artísticos banais. Ambas as dúas, literatura e filosofía, deixan de lado o poder do que adoitan estar investidas para, na escritura de Baceiredo, quedar á vista, sen aderezos nin dogmatismos. Como escribe na presentación de cuarta de cuberta Mario Losada, editor de Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas, nestas páxinas “o exer­cicio da interpretación espállase desde a literatura para resoar no campo da filosofía”.

Temos, pois, a satisfacción de volver presentar ás persoas lectoras unha obra nova desta autora senlleira, coa que iniciamos a colección Casabranca no ano 2013. Sen Rebeca Baceiredo o proxecto de Euseino? Editores non sería o que actualmente é.

O novo libro de Rebeca Baceiredo non é un ensaio filosófico usual. Nel refle­xió­nase sobre conceptos coma deus, o tempo, a morte, o acontecemento e a subxectividade no horizonte da disolución do eu e da pregunta polos límites da linguaxe. O excepcional é o terreo no que se ins­criben estas ideas, que non é o propio do discurso teórico nin da análise fenomenolóxíca senón algún punto interme­dio e bastardo entre a escritura e a vivencia real. A autora extrae o pensamento do relato da experiencia íntima e filosófica que a escritora brasileira Clarice Lispector achegou a través da súa obra e dos seus personaxes. Unha intimidade que, como diciamos, mediante o exer­cicio da interpretación, se espalla desde a literatura para resoar no campo da filosofía.

Algunhas das partes desta obra transitan por mundos nos que as palabras son cousas, onde pensar é viaxar e nos que os desvíos do pensamento literario de Lispector nos achegan á pregunta ontolóxica fundamental: ¿que facer coa vida?

O resultado é unha fascinante dramatización de ideas, unha travesía na que o deus xeométrico de Spinoza asusta, a cousa en si nos dá leccións de vida e as poetas regresan das súas liortas nos límites da linguaxe. E, sobre todo, unha cha­ma­da a outro xeito de escribir filosofía.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:

Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas

Col. Casabranca 13
148 páxs.
PVP 19 euros


2ª edición de “Transhumanismo”

O libro de Brais Arribas, suceso de lectura e crítica

Acaba de saír dos prelos da cooperativa Sacauntos a Segunda Edición de Transhumanismo; dese xeito, o ensaio de Brais Arribas convértese no libro de filosofía máis lido en 2021 e no que vai de 2022. Non moi lonxe del, a piques de esgotar a primeira edición, está O obxecto muller e o xiro ontolóxico, de Inma Otero, publicado a fins do ano pasado.

Ademais do suceso entre as persoas lectoras, Transhumanismo recolleu tamén unha favorable opinión da crítica. Xosé Manuel Eyré na súa Ferradura en Tránsito II, Mario Regueira en Sermos Galiza, outras dúas mencións na Tabela dos Libros, á parte da intervención do seu autor no programa de televisión Zig Zag e, recentemente, unha recensión publlicada por Miguel Vázquez Freire na revista Tempos Novos.

Á cuarta e terceira edicións de, respectivamente, A revolución non vai ser televisada e Capitalismo e fascismo, obras das que é autora Rebeca Baceiredo, engádese esta reedición de Brais Arribas, o que indica o interese que a colección Casabranca suscita entre as persoas lectoras, tendo en conta que outros dos seus títulos, entre eles A monstruosidade moderna e A música das esferas, de Carlos Lema, están a piques de se reeditar.

Se a difusión da filosofía é un dos obxectivos que están na orixe da colección, o rigor na argumentación e no pensamento, ademais da atención que lle presta a diversas correntes filsóficas, son outras das súas características, tanto ou máis importantes. A recente incorporación de Mario Losada como coordinador e editor ha reforzar e ampliar esta liña editorial de Euseino? Editores, cousa que se ha traducir nun incremento do debate filosófico en galego e na aparición de novas autoras e autores, ao abeiro tamén das actividades, coloquios e seminarios organizados por Euseino? Social.