Caleidoscopio dos contos, 7

Edmund Dulac (1882- 1953), francés de nacemento posteriormente nacionalizado británico, transládase aos vintedous anos a vivir a Londres. Colabora con Pall Mall Magazine, publicación periódica na que tamén debuxan Rachkam e W. H. Robinson. Comeza a súa relación coa cditorial Hodder&Stoughton cando o contratan para ilustrar As mil e unha noites (1907); esta relación manteríase durante varios anos, dedicándose fundamentalmente Dulac á ilustración de libros de contos en edicións de luxo, entre eles A tempestade, de William Shakespeare, as Rubaiyat de Omar Khayyam, A Bela Dormente e outros contos de fadas, The Bells and Other Poems, de Edgar Allan Poe, este último con vinteoioto imaxes en cor e tamén ilustracións a unha tinta. Gran afeccionado á estampa xaponesa e á miniatura persa, Dulac amosa a influencia destas estéticas nas ilustracións de Simbad the Sailor and other Tales from the Arabian Nights (1914).

Frontispicio Arabian Nights

Durante a Gran Guerra, Dulac colabora co “esforzo de guerra” cando a editorial Hodder&Stoughton lle pide facer unha compilación dos seus traballos. Así, en 1915, publicase Picture Book for The Red Cross en beneficio da Cruz Vermella.

Despois da primeira guerra mundial colabora no xornal The Outlook entre 1919 e 1920 e tamén traballa como escenógrafo e caricaturista, participando na realización de decorados e vestiario para ballets. Malia algúns traballos de ilustración, a súa subsistencia faise máis difícil polo que se ten que dedicar a debuxar traballos de decoración, cartas de baralla, caixas de chocolate e de galletas, billetes de banco e selos de correos. Recibe a encarga de debuxar os selos de correos de Gran Bretaña e os dos xogos olímpicos de Londres do ano 1948. Tamén son seus os deseños dos billetes da Francia libre durante a Segunda Guerra Mundial.

Fairy Book

O libro ilustrado por el, titulado Stories from Hans Christian Andersen (1911), inclúe sete contos do escritor dinamarqués, entre os que se encontran A raiña das neves e O traxe novo do emperador. O libro, de grande formato, está ilustrado con vinteunha imaxes.

Grande acuarelista, delimita o debuxo baseándose nas gamas de cores para evitar o delineado e darlle así unha maior suavidade. A evolución cromática vai das cores máis suaves e augadas dos seus primeiros traballos ás cores máis intensas e brillantes do período final. A súa obra ten unha clara influencia oriental e moitos das súas ilustracións unha orientación modernista.

Caleidoscopio dos contos, 6

A figura de Arthur Rackham merece un capítulo destacado no caleidoscopio dos contos. Rackham (1867-1939) foi considerado un dos grandes ilustradores da “Idade de Ouro” inglesa, que abrangue desde 1900 ata 1914, comezo da Primeira Guerra Mundial.

Rackham empregou as novas técnicas de impresión a catro tintas. Os novos procesos de gravado fotomecánico permitían a reproducción de semitóns. Esta técnica favorecía que na reprodución impresa dos seus debuxos, realizados en acuarela, se puidesen apreciar as tonalidades traslúcidas.

Rackham inventa a súa propia técnica, que ten certo paralelismo coa reprodución fotográfica; primeiro aboceta o debuxo a liña, despois dá un lixeiro volume ás formas e detense nos pormenores.  De seguido, con tinta chinesa, engade a pluma as liñas e, ao que o debuxo está seco, elimina as pegadas do lapis. Nos debuxos en cor, aplica posteriormente varias veladuras de cores diferentes ata lograr tintas translúcidas.

undine4_infancy

Entre os seus traballos máis coñecidos figuran os contos dos irmáns Grimm (1900), Peter Pan nos xardíns de Kensington (1906) e Alicia no país das Marabillas (1907). Pero tamén realizou ilustracións dunha gran calidade con obras literarias coma O soño de unha noite de San Xoán (1908), Ondina (1909), O anel dos nibelungos (1911) e os relatos de Edgar Allan Poe.

Os nibelungos, por Rackham

Gañador de numerosos premios, obtivo a Medalla de Ouro da exposición de Milán no ano 1906 e da Exposición Internacional de Barcelona de 1911 polas ilustracións de O soño de unha noite de San Xoán e Ondina. En 1908 entrou a formar parte da Real Sociedade de Pintores de Acuarela. En 1914 expuxo a súa obra no Museo do Louvre.

En 1920, a editorial Heinemann publica, cunha tiraxe de seiscentos vintecinco exemplares numerados e asinados polo artista, A bela dormente, en versión de C. S. Evans. Está ilustada cun frontispicio pintado con acuarela e dezanove composicións en silueta, cinco delas en cor, amais de corenta e un debuxos intercalados no texto. Rackham tamén experimentara con Cincenta o estilo de sombras chinesas que, na posguerra, supoñía abaratar custos de impresión.

The sleeping beauty

As súas ilustracións están marcadas fundamentalmente polo coidado dos pormenores e, tamén, polo senso do humor.

Cita

O mito revisitado, actualidade e función

O crítico literario e escritor Xosé Manuel Eyré publica unha interesante recensión sobre  O Rei Portador e outras historias, de Beatriz Fraga. O autor de Constelación de Ío salienta a relación entre a filosofía e a literatura e o papel dos mitos como coñecer non fáctico. Incluímos a seguir unha cita desta recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na frase Galicia confidencialxornal onde foi publicada.

[…] os humanos non seriamos o que somos sen ese continuo labor de recontar, ese permanente exercitar a memoria. Mais tampouco é o único mérito de Beatriz Fraga o recontar, o recontar ben. Porque a autora non renuncia a inserir certas doses de interpretación propia, con moita sutileza e acerto, o cal lles confire ás historias un meirande valor de actualización, de presenza na actualidade lectora. Enriquece as historias narradas […] sabe imprimirlles unha dimensión oral que as fai moi atraentes á hora de recontalas ou lelas en voz alta.

Xosé Manuel Eyré, Galicia confidencial