Caleidoscopio dos contos, 6

A figura de Arthur Rackham merece un capítulo destacado no caleidoscopio dos contos. Rackham (1867-1939) foi considerado un dos grandes ilustradores da “Idade de Ouro” inglesa, que abrangue desde 1900 ata 1914, comezo da Primeira Guerra Mundial.

Rackham empregou as novas técnicas de impresión a catro tintas. Os novos procesos de gravado fotomecánico permitían a reproducción de semitóns. Esta técnica favorecía que na reprodución impresa dos seus debuxos, realizados en acuarela, se puidesen apreciar as tonalidades traslúcidas.

Rackham inventa a súa propia técnica, que ten certo paralelismo coa reprodución fotográfica; primeiro aboceta o debuxo a liña, despois dá un lixeiro volume ás formas e detense nos pormenores.  De seguido, con tinta chinesa, engade a pluma as liñas e, ao que o debuxo está seco, elimina as pegadas do lapis. Nos debuxos en cor, aplica posteriormente varias veladuras de cores diferentes ata lograr tintas translúcidas.

undine4_infancy

Entre os seus traballos máis coñecidos figuran os contos dos irmáns Grimm (1900), Peter Pan nos xardíns de Kensington (1906) e Alicia no país das Marabillas (1907). Pero tamén realizou ilustracións dunha gran calidade con obras literarias coma O soño de unha noite de San Xoán (1908), Ondina (1909), O anel dos nibelungos (1911) e os relatos de Edgar Allan Poe.

Os nibelungos, por Rackham

Gañador de numerosos premios, obtivo a Medalla de Ouro da exposición de Milán no ano 1906 e da Exposición Internacional de Barcelona de 1911 polas ilustracións de O soño de unha noite de San Xoán e Ondina. En 1908 entrou a formar parte da Real Sociedade de Pintores de Acuarela. En 1914 expuxo a súa obra no Museo do Louvre.

En 1920, a editorial Heinemann publica, cunha tiraxe de seiscentos vintecinco exemplares numerados e asinados polo artista, A bela dormente, en versión de C. S. Evans. Está ilustada cun frontispicio pintado con acuarela e dezanove composicións en silueta, cinco delas en cor, amais de corenta e un debuxos intercalados no texto. Rackham tamén experimentara con Cincenta o estilo de sombras chinesas que, na posguerra, supoñía abaratar custos de impresión.

The sleeping beauty

As súas ilustracións están marcadas fundamentalmente polo coidado dos pormenores e, tamén, polo senso do humor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s