Edmund Dulac (1882- 1953), francés de nacemento posteriormente nacionalizado británico, transládase aos vintedous anos a vivir a Londres. Colabora con Pall Mall Magazine, publicación periódica na que tamén debuxan Rachkam e W. H. Robinson. Comeza a súa relación coa cditorial Hodder&Stoughton cando o contratan para ilustrar As mil e unha noites (1907); esta relación manteríase durante varios anos, dedicándose fundamentalmente Dulac á ilustración de libros de contos en edicións de luxo, entre eles A tempestade, de William Shakespeare, as Rubaiyat de Omar Khayyam, A Bela Dormente e outros contos de fadas, The Bells and Other Poems, de Edgar Allan Poe, este último con vinteoioto imaxes en cor e tamén ilustracións a unha tinta. Gran afeccionado á estampa xaponesa e á miniatura persa, Dulac amosa a influencia destas estéticas nas ilustracións de Simbad the Sailor and other Tales from the Arabian Nights (1914).
Durante a Gran Guerra, Dulac colabora co “esforzo de guerra” cando a editorial Hodder&Stoughton lle pide facer unha compilación dos seus traballos. Así, en 1915, publicase Picture Book for The Red Cross en beneficio da Cruz Vermella.
Despois da primeira guerra mundial colabora no xornal The Outlook entre 1919 e 1920 e tamén traballa como escenógrafo e caricaturista, participando na realización de decorados e vestiario para ballets. Malia algúns traballos de ilustración, a súa subsistencia faise máis difícil polo que se ten que dedicar a debuxar traballos de decoración, cartas de baralla, caixas de chocolate e de galletas, billetes de banco e selos de correos. Recibe a encarga de debuxar os selos de correos de Gran Bretaña e os dos xogos olímpicos de Londres do ano 1948. Tamén son seus os deseños dos billetes da Francia libre durante a Segunda Guerra Mundial.
O libro ilustrado por el, titulado Stories from Hans Christian Andersen (1911), inclúe sete contos do escritor dinamarqués, entre os que se encontran A raiña das neves e O traxe novo do emperador. O libro, de grande formato, está ilustrado con vinteunha imaxes.
Grande acuarelista, delimita o debuxo baseándose nas gamas de cores para evitar o delineado e darlle así unha maior suavidade. A evolución cromática vai das cores máis suaves e augadas dos seus primeiros traballos ás cores máis intensas e brillantes do período final. A súa obra ten unha clara influencia oriental e moitos das súas ilustracións unha orientación modernista.